Portal:Finlandia/Cidade destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Kajaani (en sueco Kajana) é unha cidade de Finlandia. Está localizada no centro do país, ao sueste do Lago Oulu (en finés Oulujärvi), que drena ao golfo de Botnia a través do Río Oulu (en finés Oulujoki). É o centro e capital da rexión de Kainuu, da cal é tamén a cidade máis poboada. A día 31 agosto 2018, tiña unha poboación de 37.039.

A cidade fundouse no século XVII, alimentada polo crecemento da industria do alcatrán. Sucumbiu ante as forzas rusas durante a Gran Ira do século XVIII, que destruiu o castelo de Kajaani en 1716. Hoxe en día, a economía local está impulsada principalmente polas industrias da serra, a madeira para construción e a industria papeleira, aínda que a fábrica de papel de UPM Kymmene en Kajaani, a principal empresa que proporcionaba traballo dende 1907 ata 2008, está agora pechada. A igrexa de Kajaani foi construída en 1896 en estilo neogótico polo arquitecto Jac Ahrenberg, remprazando a unha igrexa anterior. O Teatro Municipal de Kajaani fundouse en 1969.

Kajaani é a casa de dous equipos de fútbol, AC Kajaani e Kajaanin Haka, e do equipo de hóckey sobre xeo Hokki. A Universidade de Ciencias Aplicadas de Kajaani foi fundada en 1992.