Portal:Finlandia/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Johan Julius Christian Sibelius, máis coñecido como Jean Sibelius, nado en Hämeenlinna o 8 de decembro de 1865 e finado en Järvenpää o 20 de setembro de 1957, foi un compositor finlandés do Romanticismo tardío, sendo o compositor máis famoso do país.

Trátase dun dos máis populares compositores de finais do século XIX e principios do século XX. A súa música, como o poema sinfónico Finlandia, a Suite Karelia, o Concerto para violín en Re menor ou a Suite Lemminkäinen, xunto co seu xenio xogaron un importante papel na formación da identidade nacional finlandesa, sendo xunto con Johan Ludvig Runeberg, un dos finlandeses que simbolizan este nacemento a pesar de seren suecofalantes. Sibelius converteuse non só no símbolo da música finlandesa, senón tamén de todo o país, e a súa música acadou un nivel de universalidade equiparable ao dos máis grandes espíritos da música occidental.