Jean Sibelius

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jean Sibelius
Jean sibelius.jpg
Retrato de Jean Sibelius en 1913.
Nome completo Johan Julius Christian Sibelius
Data de nacemento 8 de decembro de 1865
Lugar de nacemento Hämeenlinna,
Flag of Russia.svg Gran Ducado de Finlandia (Imperio Ruso)
Data de falecemento 20 de setembro de 1957
Lugar de falecemento Järvenpää,
Finlandia Finlandia
Instrumento(s) piano e violín
Composicións máis destacadas Máis de 100 composicións en 118 opus
Parella/s Aino Sibelius

Jean Sibelius (Sv-Jean_Sibelius.ogg pronunciation , nome completo Johan Julius Christian Sibelius), nado en Hämeenlinna o 8 de decembro de 1865 e finado en Järvenpää o 20 de setembro de 1957,[1] foi un compositor finlandés do Romanticismo tardío, sendo o compositor máis famoso do país.

Trátase dun dos máis populares compositores de finais do século XIX e principios do século XX. A súa música, como o poema sinfónico Finlandia e o seu xenio xogaron un importante papel na formación da identidade nacional finlandesa, sendo xunto con Johan Ludvig Runeberg, un dos finlandeses que simbolizan este nacemento a pesar de ser suecofalantes.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e xuventude[editar | editar a fonte]

Janne Sibelius no colo de súa nai Maria Charlotta e xunto á súa irmá Linda contra o 1867.

Johan Julius Christian Sibelius naceu o 8 de decembro de 1865 en Hämeenlinna (en sueco Tavastehus), no Gran Ducado de Finlandia (daquela pertencente ao Imperio Ruso). Jean foi o segundo dos tres fillos do doutor suecofalante de 44 anos Christian Gustaf Sibelius e Maria Charlotta Sibelius (nada Borg), que ao tempo do seu nacemento contaba con 24 anos. Seus pais decidiron chamarlle Janne ao seu segundo fillo en memoria do seu tío paterno, Johan "Janne" Sibelius, que fora capitán dun barco mercante. Aínda que era coñecido polo seu nome típico finlandés e sueco "Janne" por parte da súa familia, durante os seus anos de estudante comezou a empregar a forma francesa do seu nome, "Jean", inspirado pola tarxeta de visita do seu tío,[3] sendo actualmente coñecido universalmente como "Jean Sibelius".

En xullo de 1868, durante os anos de fame severa e contando o pequeno Sibelius con algo máis de dous anos, seu pai morría de febre tifoidea fortemente endebedado, xa que tiña que pagar en torno a 13.500 euros (en moeda actual) para saldar as débedas dos amigos a quen estivera de garante, que xunto aos gastos polo funeral ascenderon a 15.000 euros, o que deixou á familia en bancarrota, facendo que a meirande parte das súas posesións pasaran aos acredores. A pensión de viuvedade de súa nai non era suficiente para manter unha casa propia e á súa familia non lle quedou outro remedio que ir vivir coa súa avoa materna, Katarina Juliana Borg, que era a muller dun decano.

Pronto mostrou interese pola música, meténdose debaixo do piano rectangular cando súa nai o tocaba e tentando asociar as notas que ela tocaba coas cores das raias da manta. A súa familia levouno a concertos dende moi pequeno, estando moi presente na memoria do compositor os seus veráns en Loviisa, onde pasaban os veráns coa súa avoa paterna Katarina Fredrika e súa tía Evelina, asistindo aos concertos de verán e ás veladas musicais e poéticas organizadas polos Sucksdorffs, emparentados coa súa familia. Máis tarde Sibelius lembraba os seus veráns en Loviisa:

Loviisa era o meu sol e a miña felicidade. Hämeenlinna era a miña cidade escola, Loviisa era a liberdade.

Con cinco anos Sibelius comezou a tocar o piano, sendo capaz de memorizar e interpretar pasaxes dos seus concertos favoritos. No outono de 1872 comezou as clases na escola preparatoria sueca de Eva Savonius á vez que a súa tía Julia tentaba ensinarlle a xove Janne a tocar o piano con clases máis sistemáticas, pegándolle "nos dedos cunha agulla de tecer" tras cada nota falsa, un método que non se axustaba ao carácter de Janne e que o fixo caer na improvisación e a crítica aos alumnos de música da súa tía, se ben por consello dela aprendeu a ler música. Durante os anos seguintes adicouse a tocar a música que lle interesaba, tanto pezas solistas como dúos coa súa irmá Linda, quen posteriormente lembrou que seu irmán tamén escribira composicións para piano e violín a unha idade moi temperá.

Janne procedía dunha familia suecofalante, mais en 1874 foi trasladado á escola preparatoria en lingua finlandesa de Lucina Hagman, xa que tiña que aprender finlandés para ser admitido no Liceo Normal de Hämeenlinna (onde foi admitido en 1876 e realizou os seus estudos ata 1885), xa que en Hämeenlinna, ao contrario que na meirande parte das cidades finlandesas da época, un podía graduarse na escola secundaria en finlandés, mais non en sueco, algo inusual, xa que o país formara parte de Suecia ata 1809 e a lingua dominante das clases educadoras era o sueco e non o finlandés. Na escola, Janne e os seus amigos puxeron en marcha unha pequena orquestra con "ferriños, harmónicas, ocarinas de xoguete e camás", dirixindo el mesmo os concertos dende o piano.

Janne (violín), cos seus irmáns Linda (piano) e Christian (violonchelo) no spa casino de Loviisa cara 1880 ou 1890.

Pouco despois, en 1881 concluíra a súa primeira composición, Vattendroppar (Pingas de choiva) para violín e violonchelo, á vez que comezaba os seus estudos de violín con Gustaf Levander (director da banda de música da súa cidade natal) tras un longo período de aprendizaxe autodidacta. Janne progresou dun xeito rápido co violín e posteriormente formou un trío cos seus irmáns no que el mesmo tocaba o violín, Linda o piano, e o seu irmán pequeno Christian o violonchelo. En decembro de 1881 uniuse á orquestra da escola, onde tocaba violín segundo, e pronto comezou a tocar tamén nun cuarteto local amateur.

A primeira mención a unha composición de Sibelius a atopamos nunha carta que escribiu dende Kalalahti o 25 de agosto de 1883, onde afirma que compuxera un trío (primeira composición que pode ser datada con certeza) e que estaba a traballar noutro, dos que afirmaba:

Son máis ben pobres, mais é bo ter algo que facer nos días de choiva.

En febreiro de 1884, Janne fíxose cun exemplar do Lehrbuch der musikalischen Composition de Johann Christian Lobe, ao cal se refería como Compositionslehre nunha carta ao seu tío Pehr, e seguindo as ensinanzas do libro Sibelius compuxo un piano quartet e un piano trío. A composición ocupaba boa parte do seu tempo, o que se reflectiu nos seus estudos, sen embargo conseguiu superar o seu exame final na primavera de 1885.

Nas súas cartas, Sibelius parecía considerar a carreira de boticario ou secretario, mais alentado polo seu tío materno Axel Borg matriculouse na Facultade de Dereito da Helsingin Yliopisto (Universidade de Helsinki). A súa familia non quixo obstaculizar as súas actividades musicais, polo que tamén se matriculou como alumno especial no conservatorio, onde estudou violín con Mitrofan Wasiljeff e teoría, contrapunto e harmonía con Martin Wegelius.

Estudos en Helsinki (1885-1888)[editar | editar a fonte]

Martin Wegelius, profesor de teoría, contrapunto e harmonía de Sibelius en Helsinki.

Sibelius instalouse en Helsinki en 1885, xunto con súa nai e a súa irmá Linda, que ía comezar os seus estudos de posgrao, mentres que seu irmán pequeno Christian quedou en Hämeenlinna para continuar os seus estudos ao coidado de súa avoa e súas tías. Nesa época comezou a mudar a súa percepción do mundo co seu traslado de Hämeenlinna (que contaba cuns poucos miles de habitantes) a unha cidade grande como Helsinki (que daquela contaba cuns 60.000 habitantes), o feito de escoitar comentarios antirrelixiosos ás súa tías e a lectura da novela Röda rummet (A habitación vermella) de August Strindberg, que destruíu parte da súa inocencia xuvenil.

Aínda que inicialmente Sibelius se trasladara á capital finlandesa para estudar Dereito, pronto se volcou nas súas clases de música no Instituto Musical de Helsinki que Martin Wegelius findara en 1882, inicialmente centradas no estudo do violín con Mitrofan Wasiljeff, quen considerou a Janne como un "xenio musical". O propio Wegelius se entusiasmou co seu alumno, que xa escribira varias obras de cámara, e pouco a pouco as súas clases de teoría se converteron en clases de composición nas que Janne aprendeu todo del.

Na primavera de 1886 comezou a empregar as tarxetas de visita de seu tío mariñeiro, afirmando nunha carta ao seu tío Pehr o 31 de marzo que "Jean é agora o meu nome musical". Daquela a súa única conexión coa universidade era como violinista na orquestra de Richard Faltin.

Durante os primeiros anos en Helsinki, Sibelius mostrou as súas dotes como violinista, sendo eloxiado "pola súa avanzada técnica". No semestre de outono de 1886 realizou catro aparicións como solista, mentres que no de primavera tocou frecuentemente como músico de cámara. Sen embargo os seus soños de converterse nun virtuoso do violín sufriron un duro revés tras un concerto falido do Andante e Finale do concerto para violín de Felix Mendelssohn no que o crítico musical Richard Faltin atopou fallos co seu son fino e áspero, o que provocou que Sibelius non avanzara máis como violinista, se ben continuaba a tocar en orquestras e grupos de cámara, e o seu profesor de violín pasou a ser Hermann Csillag, quen o convidou a tocar o segundo violín no cuarteto do Instituto. Na casa, Sibelius tocaba nun cuarteto co seu irmán Christian (que tamén se trasladara a Helsinki), o fillo de Richard Faltin e Ernst Lindelöf.

Na primavera de 1888, Wegelius e Sibelius escribiron xuntos música para Näcken (Duende da Auga) de Gunnar Wennerberg. Nunha revisión, Richard Faltin pai declarou que Sibelius era mesmo máis interesante como compositor que como violinista. En maio dese mesmo ano, o seu cuarteto de corda ou Tema con Variacións en Do sostido menor foi ben recibido, e Karl Flodin, o crítico de Nya Pressen, loou "a habilidade teórica e o seu notable poder imaxinativo".

Durante o verán de 1888 en Loviisa, Jean compuxo unha das súas mellores pezas temperás de música de cámara, o Trío Loviisa en Do maior, para piano, violín e violonchelo. Facéndose cada vez máis evidente nos círculos musicais de Helsinki que Sibelius sería compositor e non violinista. No outono dese ano, Wegelius conseguiu levar ao Instituto de Música a Ferruccio Bussoni (futuro pianista, compositor e director), quen coñeceu a Sibelius e a Armas Järnefelt, o outro alumno máis destacado da institución, así como a Adolf Paul, os compañeiros chamáronse a si mesmo os Leskovites polo can de Busoni, Lesko, e pasaban moito tempo no apartamento de Busoni e nos cafés de Helsinki. Busoni animou a Sibelius nas súas composicións e ese outono publicouse a súa primeira composición, a Serenata sobre un texto de Runeberg, publicada no folleto Det sjungande Finland II. Ese mesmo outono, Armas Järnefelt levou a Sibelius a coñecer á súa familia, foi daquela cando coñecería á súa futura muller, a irmá de Armas, Aino Järnefelt.

Na derradeira primavera que pasou Sibelius en Helsinki en 1889, pasou moito tempo na residencia dos Järnefelt, coñecendo aos irmáns de Armas, Eero (que estaba a estudar para ser artista) e Arvid (e estaba a planear un novo xornal xunto co novelista Juhani Aho e Eero Erkko, que sería editor). Deste xeito Sibelius entrou no círculo do xornal Päivälehti, o precursor do maior xornal finlandés, o Helsingin Sanomat. Este grupo influiu moito a Sibelius nunha dirección culturalmente progresista con énfase na lingua finlandesa. Sibelius declaraba posteriormente:

Eu era case un "Svecoman"[4] ata que o círculo Päivälehti espertou un novo espírito en min.

Dúas obras de cámara culminaron os seus estudos en Helsinki: unha suite para violín e violonchelo e un cuarteto de corda en La menor. Das dúas, o cuarteto foi a máis exitosa, referíndose a ela Karl Flodin no Nya Pressen nestes termos:

Dun só golpe uniu a vangarda dos que se lles confiou o futuro da arte da música en Finlandia.

A estrea foi unha experiencia tan abrumador que Robert Kajanus, o famoso compositor e director da Sociedade Musical de Helsinki, declarou que renunciaría inmediatamente á súa obra como compositor, aínda que finalmente seguiu compoñendo, sen embargo converteuse no primeiro director en gravar a música de Sibleius.

Sibelius era entón a maior promesa da música finlandesa e recibiu a suma de 2.000 marcos (en torno a 8.000 euros da actualidade) para que puidera ir estudar a Berlín no outono. Ao mesmo tempo produciuse un cambio temporal na súa vida persoal, xa que o seu romance con Aino Järnefelt non progresou debido á relación que o compositor mantiña dende a primavera e o principio do verán con Betsy Lerche, a quen coñecera no Instituto de Música e que lle adicou un vals alegre. Aínda que a relación con Betsy rematou rápidamente, Aino e Jean non tiveron tempo para reconciliarse e non se escribiron durante o tempo que el pasou estudando en Berlin.

Berlín e Viena (1889-1891)[editar | editar a fonte]

Con 23 anos Sibelius trasladouse a Berlín, onde puido asistir xa na súa primeira noite na capital alemá a unha representación de Don Giovanni de Mozart na Kroll Opera. Durante o tempo que permaneceu na cidade puido asistir a representacións de óperas de Wagner como Tannhäuser ou Die Meistersinger von Nürnberg, a concertos de piano de Hans von Bülow, así como concertos de Beethoven nos que o pianista dirixiu á Berliner Philharmoniker, escoitou o Don Juan dun xove Richard Strauss, e asistiu a interpretacións do Joseph Joachim Quartet do cuarteto en Fa maior Op. 59 de Beethoven e o cuarteto en Do maior de Schubert, que o impresionaron.

Na capital alemá Sibelius converteuse en alumno de Albert Becker, seguindo os rigurosos exercicios que o reputado compositor lle propuña, como exercicios sen fin de técnicas de fugados e laboriosos exercicios de contrapunto que secaron a súa produción durante meses.

A Sibelius non lle gustaba a atmosfera de Berlín durante o período do Chanceler de Ferro Otto von Bismarck, un ambiente demasiado pesimista e conservador para o gusto do compositor, que se relacionaba principalmente con estudantes estranxeiros e tocaba música de cámara cos seus amigos. Polas noites vivía moi por riba das súas posibilidades, mercando entradas para os mellores asentos da ópera e desfrutando da cociña de restaurantes caros. Esta vida o levou á enfermidade, e mesmo ás enfermidades venéreas segundo as deshinibidas cartas que escribiu na época, e á súa hospitalización en novembro de 1889. Trala súa recuperación foi invitado por Busoni a escoitar a primeira representación pública do quinteto con piano do seu amigo común Christian Sinding no que el sería o pianista. A obra de Sinding espertou a vontade compositiva de Sibelius, que na primavera de 1890 rematou a súa obra máis significativa do ano que pasou en Berlín, o quinteto con piano en Sol menor.

Cando Sibelius estaba a traballar nas súas composicións escoitou a Robert Kajanus dirixindo a Berliner Philharmoniker nun programa que incluía Aino de Kajanus. Aínda que a composición non impresionou a Sibelius, si que despertou o interese do compositor en combinar o Kalevala coa música, e soñaba con ver a súa música interpretada nunha ocasión tan grande, dicíndose "a próxima vez serei eu" cando marchou do concerto. 12 anos despois o seu soño se faría realidade, cando dirixiu á Berliner Philharmoniker nunha representación da súa En Saga.

Becker quedou satisfeito co seu quinteto con piano, redactando un informe positivo no que puña énfase na importancia dos estudos adicionais. O quinteto con piano foi suficiente proba para o Senado, que concedeu a Sibelius unha bolsa de estudo de 2.000 marcos (en torno a 8.000 euros) para o seguinte curso académico. Sen embargo Sibelius non quería realmente volver a Berlín, polo que pasou o verán en Finlandia e planeou ir a Viena.

Sibelius en Viena en 1891.

A súa partida á capital austríaca atrasouse ao reavivarse a súa relación con Aino Järnefelt, que culminou cun compromiso segredo en setembro. Sibelius tamén rematou ao seu cuarteto en Si bemol maior, á que lle puxo un número de Opus (un caso único entre os cuartetos dos seus anos de estudante). Finalmente chegaba a Viena o 19 de outubro de 1890, onde tras recibir a negativa de Brahms e Bruckner de aceptalo como alumno, comezou a recibir clases privadas de Robert Fuchs, quen daba clase no Conservatorio de Viena, aínda que Sibelius non se puido matricular na institución ao ter finalizado o prazo de matrícula, polo que as súas composicións tampouco se tocaron nos concertos de alumnos, se ben se lle permitiu tocar na orquestra do Conservatorio como violinista, coñecendo a moitos músicos novos que estudaban na cidade. A principios de novembro de 1890 Sibelius coñeceu ao compositor húngaro Karl Goldmark (daquela moi popular pola súa ópera Die Königin von Saba), quen aceptou darlle clases.

Sibelius mostraríase satisfeito cos seus profesores e coa cidade, escribindo á súa familia que "Viena son todo risas e valses", e procurou a compañía doutros músicos por motivos educativos, como aprender as propiedades co corno inglés dun oboista chamado Heber. Sen embargo, o xove compositor seguía a vivir por riba das súas posibilidades. Sibelius presentouse á cantante Pauline Lucca, a muller dun home rico, e pronto comezou a pasar as tardes nas recepcións da familia Lucca. Para mellorar a súa situación financeira presentouse para un posto como violinista na Wiener Philharmoniker, sen embargo na audición sufriu pánico escénico e non conseguiu o posto.

O ano que Sibelius pasou en Viena foi crucial para o seu desenvolvemento, cun Goldmark instándoo a traballar os seus temas con maior atención que ata o momento e recomendándolle seguir máis as influencias dos clásicos que as de Berlioz ou Wagner polo momento. Ao mesmo tempo comezou a estudar a música folk finlandesa e os rítmos do Kalevala coa intención de darlle ás súas obras unha maior orixinalidade, aplicando por primeira vez este novo estilo na súa canción Drömmen (O soño, 1891), unha canción a solo sobre versos de Johan Ludvig Runeberg.

En febreiro de 1891 comezou a desenvolver a súa primeira sinfonía, aínda que dos bosquexos iniciais só queda a Obertura en Mi maior e a Scène de Ballet, que estaba destinada a ser o segundo movemento, dúas partes que serían interpretadas en público en abril dese mesmo ano pola orquestra de Robert Kajanus sen moito éxito, o que non crevou a confianza de Sibelius. E mesmo os críticos finlandeses declararon que

"Francamente, aínda non tivemos tempo de descubrir o que o artista quere revelar na súa obra."[5]
Crítica no Päivälehti o 24 de abril.

Sibelius renunciou á súa idea de compoñer unha sinfonía e a Obertura e a Scène de Ballet ficaron como obras inconexas. No seu lugar comezou a compoñer unha obra orquestral sobre a saga de Kullervo pertencente ao poema épico Kalevala, sen embargo o seu traballo se viu interrompido por unha nova enfermidade que se pensa o levou a unha operación da que o propio compositor dixo que o doutor extraera unha "pedra". Logo de que os seus familiares de Loviisa aforraran cartos para sacalo do hospital en xuño de 1891, unha vez finalizados os seus estudos, Sibelius marchou a Berlín novamente e tras recibir unha nova remesa de cartos que a súa familia reunira con dificultade, conseguiu regresar a Finlandia.

Regreso a Finlandia[editar | editar a fonte]

Aino Sibelius contra o 1895.

No verán de 1891 Sibelius reencontrouse coa súa prometida nunha reunión na residencia de verán que a familia Järnefelt tiña preto de Vaasa, sen embargo o matrimonio estaba fóra da cuestión, xa que Sibelius se encontraba sen cartos nin traballo, polo que decidiu ir a Loviisa a traballar en Kullervo, onde conseguiu algo de diñeiro dando clases de música. A finais de novembro dese mesmo ano estreouse como director de orquestra dirixindo a súa Obertura e a Scène de Ballet nun concerto popular en Helsinki, e máis tarde ese mesmo mes trasladaríase a Porvoo para escoitar a Larin Paraske, unha cantante tradicional de Ingria (unha rexión de fala finlandesa próxima a San Petersburgo), quen como máis tarde recoñecería o propio Sibelius, foi unha influencia para Kullervo.

A finais de xaneiro de 1892 trasladouse de novo a Helsinki, e esa primavera demostrou ser un enérxico traballador, adicándose día e noite para finalizar Kullervo en abril tras un ano de traballo. Á estrea da obra asistiu "o círculo Päivälehti" e outros Fennomans que querían escoitar unha obra en finlandés sobre o Kalevala, sen embargo o éxito foi moderado e non todo o público entendeu a obra, sen embargo as palabras de Kajanus sobre Sibelius arrincou unha auténtica treboada de aplausos e finalmente considerouse que a estrea fora un éxito. O éxito de Kullervo foi o que segundo Aino convenceu a seus pais para que a xove parella casara, aínda que outro factor foi a promesa dun posto de traballo para Sibelius no Instituto de Música e na Escola Orquestral de Kajanus.

O voda entre Jean e Aino celebrouse o 10 de xuño de 1892 na residencia de verán dos Järnefelt en Tottisalmi. Trala voda a parella pasou a súa lúa de mel preto de Lieksa grazas a unha bolsa de estudos que lle concederon para estudar interpretación de kantele e canto rúnico en Carelia, onde Sibelius atopou tempo para comezar a compoñer En Saga e para revisar as cancións sobre textos de Runeberg Under strandens granar, Kyssens hopp e Till Frigga.

En outono de 1892 a parella estableceuse en Helsinki, onde Sibelius retomou a súa amizade con Kajanus e Axel Gallén, comezando as sesións do Symposion, nas que os tres artistas debatían cuestións fundamentais da arte. Nesa época ensinaba teoría e violín no Instituto de Música Wegelius e na Escola Orquestral de Kajanus, e rematou as súas sete cancións sobre textos de Runeberg, que foron publicadas en Finlandia, se ben a súa composición máis importante na época foi En Saga, cuxa composición se viu interrompida polo enterro de súa avoa, e cuxa estrea da primeira versión (máis longa e heteroxénea que a versión actual datada estreada en 1902) tivo lugar o 16 de febreiro de 1893.

En marzo de 1893 produciuse un duro golpe para o compositor cando o crítico de Uusi Suometar atopou a súa obra Kullervo incomprensible, logo de escoitala dirixida polo propio compositor, dicindo ademais que era longa, monótona e aburrida. Posteriormente o propio Sibelius recoñecería que mesmo varios amigos lle recomendaran deixar a composición e converterse en organista en Porvoo. Ese mesmo mes nacería a primoxénita da parella, Eva, e ao mes seguinte chegou un novo éxito para Sibelius, cando a súa obra coral Väinämöisen venematkaa se estreou con éxito. Nesta época comezou unha etapa wagneriana, e ese mesmo verán planeou a composición dunha ópera baseada nas runas 6 e 16 do Kalevala, e no verán seguinte viaxou ao festival de Bayreuth para somerxerse máis no estilo wagneriano, sen embargo o estudo da Sinfonía Fausto de Liszt:

"Penso que son realmente un pintor e poeta musical. Quero dicir que o punto de vista de Liszt é o máis próximo a min. Este [concepto de] poema sinfónico."

Polo que os seus plans de compoñer unha ópera se quedaron en nada e comezou a composición da súa Suite Lemminkäinen. Durante o tempo que estivo a planear a composición dunha ópera, a Asociación de Estudantes de Viipuri (actualmente denominada Vyborg e en territorio ruso) encargoulle a composición de música para a historia de Carelia que sería o xermolo da Suite Karelia que sería ben recibida na súa estrea.

A finais de 1894 naceu a súa segunda filla, Ruth. A idea de compoñer a Suite Lemminkäinen fixo que Sibelius, a pesar de ter numerosas débedas, pedira permiso para finalizala ao Instituto de Música en outono de 1895. Finalmente a Suite foi un éxito de taquilla, se ben as opinións foron diversas.

En 1896 compuxo a súa primeira e única ópera, Jungfrun i tornet, unha ópera nun acto. O público xa aceptara a Sibelius, mais a crítica seguía a ter reservas. O 25 de novembro dese ano, Sibelius presentou a súa candidatura para o posto de profesor de música na Universidade de Helsinki para suceder a Richard Faltin; tras expoñer a súa tese, Sibelius foi recomendado para o posto, mais unha denuncia posterior de Kajanus fixo que o posto fora asignado ao daquela amigo de Sibelius, o que provocou o arrefriamento da súa relación e finalmente co Symposion.

O ano 1897 foi un ano de duro traballo para Sibelius, sen embargo o escaso recoñecemento de varias composicións tras ter composto varias obras dun nivel internacional moi alto, unido ás críticas ao seu estilo realizadas por Karl Flodin e ao feito de que ningunha das súas partituras orquestrais fora publicada nin tivera chamado a atención no estranxeiro, provocaron a frustración do compositor. A todos estes acontecementos sumouse a morte de súa nai o 29 de decembro dese mesmo ano, que non chegaría a ver o espectacular ascenso á fama de seu fillo tan só uns anos máis tarde. Sen embargo pouco despois chegaría un xiro inesperado á súa situación económica, cando lle foi concedida unha subvención anual de 3.000 marcos durante dez anos que unha vez transcorrido ese período se convertería nunha pensión vitalicia, que Sibelius chegou a pensar que era unha compensación de Kajanus por coller o posto na Universidade de Helsinki, xa que a suma era aproximadamente a metade do salario dun profesor; a esto se lle sumou o encargo da música para a obra de Adolf Paul Rei Cristian II, que foi estreada o 24 de febreiro de 1898 con éxito e coa que conseguiu chamar a atención máis aló de Finlandia (levándose a cabo con éxito en Estocolmo ao ano seguinte); finalmente un antigo compañeiro seu, o crítico Karl Fredrik Wasenius (que escribía para o Hufvudstadsbladet baixo o pseudónimo de "Bis") comprometeuse a publicar catro pezas da obra teatral, que foron impresos como redución para piano por Breitkopf & Härtel en Leipzig e que se venderían ben en Finlandia.

A finais de febreiro de 1898 Sibelius viaxou a Berlín coa súa muller Aino (que marchou rapidamente). A estadía na capital alemá resultou proveitosa para o compositor, Adolf Paul instouno a viaxar con el a Leipzig para coñecer a Oskar von Hase, o director de Breitkopf & Härtel, editorial que decidiu mercar os dereitos da de distribución da súa obra escénica en Alemaña, polo que ese mesmo verán preparou a música durante a súa estadía en Lohja. En xaneiro de 1899 trasladouse a Kerava para escapar das tentacións da capital e comezar a escribir a súa Primeira Sinfonía.

O espertar do sentimento nacional[editar | editar a fonte]

O poema sinfónico Finlandia (1899) tivo a súa xénese no contexto das protestas contra a rusificación de Finlandia.

Ao mes seguinte do seu traslado a Kerava produciuse un acontecemento que espertaría o seu sentimento patriótico cando o día 15 de febreiro o Emperador de Rusia Nicolao II publicou o Manifesto de febreiro, polo cal o Gran Ducado de Finlandia perdía boa parte da súa autonomía. Neste contexto, entre medias da Primeira Sinfonía, escribiu o seu Atenarnes sång (Canción dos atenienses), que pode interpretarse como unha declaración contra a opresión rusa. Estas dúas obras foron estreadas en Helsinqui o 26 de abril de 1899, e a canción espertou o entusiasmo do público e converteu a Sibelius nunha das principais figuras da resistencia nacional, mentres que a sinfonía convenceu aos críticos. Esta liña de protesta continuou con Islossningen i Uleå älv (A rotura do xeo do Río Oulu), unha obra para narrador, coro e orquestra que non puido ser prohibida por estar composta en honor ao tsar Alexandre II a pesar do recoñecible espírito de protesta que encarnaba.

A seguinte obra de protesta escoitouse en novembro, cuns cadros que Sibelius realizara para as celebracións da prensa finlandesa, que fora un dos baluartes da oposición á rusificación de Finlandia, en 1899. Ante o éxito da súa música, Sibelius decidiu empregala posteriormente, sendo a primeira en ser adaptada o chamado Esperta Finlandia como unha peza independente chamada Finlandia e que se converteu nun himno oficioso e segredo ao ser prohibido polas autoridades rusas. Co tempo o propio Sibelius reescribiría a parte final da obra baixo o nome Finlandia-hymni.

Chegada do éxito internacional[editar | editar a fonte]

O 13 de febreiro de 1900 morría de febre tifoidea Kirsti, a filla menor de Jean e Aino, o que provocou unha profunda depresión en Aino e o alcoholismo que sufría Jean dende a súa xuventude tornouse nalgo máis perigoso. Esta tráxica circunstancia non afectou sen embargo á produción de Sibelius, que si mostra unha profunda melancolía durante esta etapa.

Nesa primavera o traballo máis importante para Sibelius foi a reescritura da Primeira Sinfonía antes da xira da orquestra de Robert Kajanus e as súas interpretacións na Exposición Universal de París. Se ben Sibelius viaxaría tamén na xira, Kajanus non lle deixou dirixir. Nesta xira realizaron 19 concertos en 13 cidades diferentes e marcou o inicio do éxito internacional de Sibelius, con numerosos eloxios por parte da crítica, especialmente en Berlín. Trala xira, Sibelius volveu a casa, mais a finais de outubro de 1900 a familia trasladouse durante uns meses á capital alemá, onde ficaron ata xaneiro de 1901. Tras conseguir máis cartos en Finlandia, a familia viaxou finalmente á cidade de Rapallo, na costa de Italia, onde concibiu ideas para o movemento lento da súa Segunda Sinfonía. Na súa estadía en Italia, o compositor visitou tamén Roma ou Florencia, e cando volveu a casa en maio dese mesmo ano, o seu caderno estaba repleto de ideas para os seguintes anos. Sen embargo, á súa volta a casa unha nova viaxe se lle presentou a Sibelius cando foi convidado a dirixir a súa música no Allgemeiner Deutscher Musikverein en Heidelberg (Alemaña), nun concerto que confirmou o entusiasmo pola súa música de influentes figuras da música alemá, e este éxito levou a unha maior demanda das súas partituras.

En outono de 1901 comezou a composición da súa Segunda Sinfonía, que remataría a comezos de 1902, sendo estreada o 8 de marzo en Helsinqui cun rotundo éxito. Na primavera dese ano completou a composición de Tulen synty (A orixe do lume) para a inauguración do Teatro Nacional en abril, unha peza curta cun forte carácter nacional. No verán, Sibelius pasou un tempo en Berlín co seu irmán, así como en Tvärminne (onde traballou na canción Var det en dröm -Foi un soño- e nunha nova versión de En Saga), preto da cidade de Hanko. Tras dous anos en Kerava, no outono de 1902 a familia trasladábase novamente a Helsinqui, e en novembro dese mesmo ano Sibelius dirixía unha nova versión de En Saga en Berlín á fronte da Berliner Philharmoniker. Sen embargo o compositor se achegaba a unha nova crise, e co seu traslado á capital finlandesa volvería ás festas alcohólicas. Na capital finlandesa o compositor asistiu ás reunións de Euterpeans,[6] que adoitaban alongarse toda a noite ata a mañá seguinte.

En 1903 naceu a cuarta filla de Jean e Aino, Katarina, o que lles deu consolo a pesar de non poder quitar a dor pola morte de Kirsti. Sibelius dirixiu a súa música en Helsinki e Tampere, e na primavera de 1903 en Tallinn. Esa mesma primavera, a familia trasladouse a Lohja, onde o compositor se centrou na composición dun concerto para violín. Sen embargo a súa maior popularidade chegaría co Valse triste, composto sobre unha obra chamada A morte escrita polo seu cuñado Arvid Järnefelt, algo que o seu círculo máis próximo interpretou como un baile real de Sibelius coa morte a causa dó seu estilo de vida, polo que seu irmán o instou a deixar o alcohol nunha carta do 19 de novembro, se ben Jean xa tomara a decisión de afastarse das tentacións da capital mercando un terreo para construír unha casa preto do lago Tuusulanjärvi, 45 Km ao norte de Helsinqui. A casa chamaríase Ainola (Lugar de Aino) e se convertería na residencia fixa da familia Sibelius.

A principios de 1904 Sibelius realizou os últimos retoques do seu Concerto para violín, que se estreou o 8 de febreiro, e en febreiro comezou a construción de Ainola. Os custos da construción da vivenda familiar eran incompatibles co estilo de vida do compositor, que frecuentaba caros restaurantes na noite da capital, polo que Aino pediu consello ao irmán de Sibelius, Christian, que daquela se atopaba en Berlín e que recomendou a Jean o abandono do alcohol, para o que lle receitou polvos médicos na súa condición de médico. Finalmente as noites de esmorga finalizaron e Sibelius conseguiu cartos para a construción de Ainola con concertos en Helsinki, Turku e Vaasa, unha xira que se prolongaría ata principios de xuño cun concerto en Kadriorg (Tallin, Estonia), e no verán en Letonia.

Traslado a Ainola[editar | editar a fonte]

Ainola en 1915.

No verán de 1904 a familia Sibelius xa vivía en Tuusula, onde supervisaron os traballos finais da súa casa, e o 24 de setembro dese mesmo ano a familia trasladouse a Ainola, deste xeito os Sibelius pasaron a formar parte da comunidade artística que vivía xunto ao lago Tuusulanjärvi.

En outono de 1904 as obras orquestrais máis importantes de Sibelius foran impresas e os directores de todo o mundo as incluíron con éxito nos seus repertorios, sen embargo o escaso desenvolvemento dos sistemas de dereitos de autoría fixeron que non todas as interpretacións das súas obras lle reportaron beneficios. A pesar de que o traslado a Ainola afastara ao compositor das tentacións de Helsinqui, a finais de 1904, durante unha xira na que dou concertos en Pori e Oulu, chamou á casa bébedo, o que provocou unha crise na parella que finalizaría no Nadal, poñéndose de manifesto na correspondencia que o matrimonio mantivo durante a estadía de Jean en Berlín en xaneiro de 1905.

Na capital alemá, o compositor coñeceu varias obras importantes e el mesmo escribiu música incidental para Pelléas och Mélisande. Outro feito importante foi a invitación de Busoni para dirixir a súa Segunda Sinfonía nun concerto o día 12 de xaneiro de 1905 que sería un gran éxito, e canso de facer negocios con Breitkopf & Härtel asinou un contrato de edición con Robert Lienau. De acordo co contrato con Lienau, Sibelius debía escribir catro obras maiores cada ano, polo que recibiría a suma de 34.000 euros da actualidade.

Ao seu retorno a Finlandia dirixiu a música incidental para Pelléas och Mélisande (marzo de 1905) que lle reportou un maior recoñecemento. Por esa época comezou a planear a composición dun oratorio que finalmente abandonaría, reempregando materiais para outras composicións. A finais de ano visitaría o Reino Unido, onde o 2 de decembro dirixiría con éxito a súa Primeira Sinfonía e Finlandia en Liverpool. Á súa volta a Finlandia Sibelius comezou unha etapa especialmente intensa de traballo que se prolongou durante varios meses e que daría moitos froitos, salientando o poema sinfónico Luonnotar (Filla da Natureza), que finalmente adaptaría ao Kalevala e finalmente a renomearía como Pohjolan tytär (Filla de Pohjola), que sería estreada en 1906 no Teatro Marinsky de San Petersburgo cunha boa acollida e que lle valeron ao compositor as loanzas do magazine Rusj: "Un compositor extremadamente talentoso e imaxinativo".

Os problemas de Sibelius coa bebida se puxeron novamente de manifesto en 1907, cando durante a súa estadía en Helsinki gastou grandes sumas de diñeiro en alcohol e restaurantes, o que provocou o ingreso de Aino no hospital por mor do esgotamento e o consecuente arrepentimento do compositor. Porén, a situación profesional de Sibelius era daquela moi boa: Armas Järnefelt estreara Pohjolan tytär con éxito en Estocolmo, Maud Powel tocara o seu concerto para violín a principios do ano en Nova York e Chicago, e o público berlinés tivera a oportunidade de escoitar Pelléas och Mélisande, o concerto para violín e cancións interpretadas por Ida Ekman. Todas as actuacións chegaron ao compositor con críticas excelentes, acadando deste xeito recoñecemento internacional. Sibelius comezou a traballar na súa Terceira Sinfonía durante a convalecencia de Aino, rematándoa finalmente para un concerto o 25 de setembro. Un mes máis tarde coñeceu a Gustav Mahler, que se encontraba de visita na capital finlandesa, e con quen intercambiou experiencias (os dous experimentaran a sensación de perda de oíntes con cada nova sinfonía, xa que estes quedaran cativados pola anterior).

As consecuencias dos seus malos hábitos de vida o levaron á hospitalización a principios de 1908 e algúns como Axel Carpelan creron que morrería se non deixaba de fumar e beber licores fortes. Esta enfermidade fixo que Sibelius tivera que renunciar a emprender viaxes a Roma, Varsovia e Berlín, aínda que si viaxou a Londres a finais de febreiro, onde non foi quen de convencer aos críticos británicos coa súa Terceira Sinfonía. En maio dese mesmo ano o compositor buscou axuda médica para unha dor de gorxa que resultaría ser un tumor. Sibelius marchou a Berlín, onde lle extirparon o tumor. Foi nese momento cando decidiu deixar o tabaco e o alcohol, abstinencia que duraría case sete anos.

Familia[editar | editar a fonte]

Estilo musical[editar | editar a fonte]

Moitos críticos viron nas primeiras composicións de Sibelius, concibidas para ser interpretadas polos membros da súa familia, influencias da escola clásica vienesa ou posteriormente de Tchaikovsky e Grieg en particular. Algunhas destas primeiras obras como Vattendroppar pénsase que poderían ser exercicios de práctica técnica para el e seus irmáns.

Sibelius estaba impregnado da literatura da súa Finlandia natal, concretamente da epopea nacional finlandesa Kalevala, da que extraeu numerosos textos para as súas obras vocais e temas para os seus poemas sinfónicos. Frecuentemente a súa música é descrita como "sombría", "erma" e "elemental", identificándoa co seu amor á natureza dos países nórdicos.[7] Fronte oas grandes músicos finlandeses da época, que se formaran en Alemaña e a súa música era vagamente nacionalista (como no caso de Kajanus), Sibelius tivera unha formación fundamentalmente finlandesa e pode dicirse que é a partir de Sibelius cando naceu e se desenvolveu un corpus significativo de música especificamente finlandesa.[8] A pesar da relación da música de Sibelius co folclore finlandés, esta non cita nin imita fontes folclóricas e a penas se poden atopar probas da influencia directa da canción popular nas súas obras. O xenio de Sibelius revélase principalmente nas súas sinfonías, poemas sinfónicos e no seu concerto para violín.[7]

A orixinalidade da obra de Sibelius reside na natureza dos seus temas, a súa técnica do desenvolvemento temático e o seu tratamento da forma. No canto de melodías periódicas completas, un tema pode verse construído por motivos breves que se funden nunha entidade completa tras soar de xeito separado (un exemplo o atopamos no terceiro movemento da súa Cuarta Sinfonía). Os motivos poden transferirse dun tema a outro ou poden disolverse os temas e recombinarse os seus motivos de xeito que o tema orixinal se transforma gradualmente por substitución das súas unidades motívicas, unha tras outra, ata dar pé a unha estrutura nova, como ocorre no primeiro movemento a súa Terceira Sinfonía. Un ou varios motivos básicos poden reaparecer ao longo dun movemento ou mesmo dunha sinfonía completa, como ocorre na súa Sexta Sinfonía. A estrutura, que moitas veces pode reducirse a esquemas formais clásicos, está subordinada ou mesmo é secundaria ao desenvolvemento orgánico das ideas musicais. Se a Cuarta Sinfonía supón un modelo de concisión, intensidade e unidade temática, a Sétima, escrita nun único movemento, é o cumio da unidade formal.[7]

Obra[editar | editar a fonte]

O groso da obra de Sibelius é o seu conxunto de sete sinfonías. Ao igual que Beethoven, Sibelius utilizaba cada unha para desenvolver máis lonxe o seu propio estilo compositivo individual, mais a diferenza do compositor alemán, quen aproveitaba as sinfonías para facer declaracións públicas, reservando os seus sentimentos máis íntimos cara ás súas obras máis pequenas, Sibelius publicaba os seus sentimentos individuais nas propias sinfonías. Estas obras continúan sendo representadas frecuentemente en salas de concerto e son a miúdo rexistradas en disco.

Ata aproximadamente 1926 mostrou unha produción moi prolífica que inclúe pezas inspiradas na epopea nacional finlandesa Kalevala, cen cancións con acompañamento de piano, música incidental para 13 obras, a ópera en sueco Jungfrun i tornet (en galego A xove na torre), música de cámara, música para piano, 21 publicacións de música coral, e música ritual para a masonaría.[9]

Logo da súa Séptima Sinfonía e do poema sinfónico Tapiola, non compuxo ningunha outra obra importante nos seus últimos trinta anos de vida, aínda que comezou a escribir a súa Oitava Sinfonía que el mesmo destruiría e da que a penas se conservan uns fragmentos.

Ademais das súas sinfonías, as composicións máis coñecidas de Sibelius son o poema sinfónico Finlandia, a Suite Karelia, o Valse triste, o seu Concerto para violín e Tuonelan joutsen (en galego O cisne de Tuonela, un dos catro movementos da Suite Lemminkäinen).

Sibelius e a política[editar | editar a fonte]

A música de Sibelius pronto recibiu unha cálida benvida en Alemaña. Mais a partir de 1933, cos nazis no poder, suscitouse a cuestión das relacións do compositor co réxime hitleriano. A polémica cristalizou ao redor da obra de TL Jackson, da University of North Texas, quen, sobre a base de arquivos esencialmente alemáns, sostén a tese dun Sibelius máis que compracido coas autoridades nazis. Presidente adxunto en 1934 ao lado de Richard Strauss do Council of composer's international cooperation, unha asociación para a promoción da música nacional-socialista, recipiendario da medalla Goethe en 1935, creación dunha sociedade Sibelius en 1942[10], Sibelius non rexeitou os honores do réxime nazi.

Na súa defensa Veijo Murtomaki, profesor de historia da música na academia Sibelius, rexeita todas estas acusacións facendo ver que a tese de Jackson, unicamente documentalista, é sorprendente para os finlandeses, que coñecen mellor que ninguén a situación económica e cultural da Finlandia de 1933 a 1945, que Sibelius era un home de orgullo moi satisfeito pola súa grande popularidade en Alemaña e que fixo de todo para obter diso o meirande beneficio persoal, especialmente financeiro, e que en definitiva non se pode presentar a Sibelius como un apoio do réxime nazi.

Sibelius na cultura popular[editar | editar a fonte]

O billete de 100 marcos finlandeses tiña a imaxe do compositor ata a súa retirada no 2002.[11] Houbo tres edicións de selos conmemorativos en Finlandia en homenaxe a Sibelius nos anos 1945, 1957 e 1965. No Sibeliuspuisto (Parque Sibelius) de Helsinki se encontra dende 1967 un monumento adicado ao compositor deseñado por Eila Hiltunen. Existen tamén distintas institucións que teñen o seu nome, salientando a Sibelius-Akatemia (escola superior de música de Finlandia e que ten sedes na capital e en Kuopio) ou o Sibelius-museo (museo adicado á música da cidade de Turku). Na cidade de Lahti se encontra o Sibeliustalo, un auditorio con capacidade 1.250 espectadores e que acolle os concertos de tempada da Sinfonia Lahti.

Dende 2011, Finlandia celebra un día da bandeira o 8 de decembro, o día do nacemento do compositor, tamén coñecido como o Día da Música Finlandesa.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Calamnius.fi
  2. Dous idiomas oficiais en Finlandia, aínda que o sueco era falado na época por case un 20 % da pobiación fronte ao 6 % actual.
  3. Ekman 1972, p. 11.
  4. Defensor da lingua e a cultura sueca.
  5. Sibelius.fi "Studies in Vienna 1890-1891"
  6. Euterpe era unha revista literaria en lingua sueca cuxos editores eran supervisados por Werner Söderhjelm.
  7. 7,0 7,1 7,2 DONALD J. GROUT & CLAUDE V. PALISCA: Historia de la música occidental (vol. 2), p. 874. Editorial Alianza Música. ISBN 84-206-7893-7
  8. LEÓN PLANTINGA: La Música Romántica, p. 419. AKAL Música. ISBN 84-460-0040-7
  9. "Brother Sibelius". http://www.masonmusic.org/sibelius.html. Consultado o 12 abril 2013. 
  10. Timothy L. Jackson, Veijo Murtomaki, Sibelius Studies, Cambridge University Press, 2001
  11. "Setelit.com". Setelit.com. http://www.setelit.com/raha/347. 
  12. "Ministry of Interior-Days the Finnish flag is flown". http://www.intermin.fi/intermin/home.nsf/pages/C3E0FA94667D1B19C2256B640061558B?opendocument. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Jean Sibelius

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]