Portal:Deportes gaélicos/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O All-Ireland Senior Hurling Championship é a principal competición de hurling no mundo. Este campionato é unha serie anual de partidos xogados en Irlanda durante o verán e o comezo do outono organizado pola Asociación Atlética Gaélica (GAA). O trofeo lévase xogando dende o ano 1887 coa excepción do ano 1888 no que non se disputou.

Normalmente, a final xógase o primeiro domingo de setembro en Croke Park que serve como culminación dunha serie de partidos xogados durante os meses de verán, e os resultados determinan que condado recibe a Liam McCarthy Cup. Nos seus comezos, o campionato foi unha competición de eliminación directa na que só xogaban os campións de cada provincia irlandesa. Durante os anos 1990, a competición ampliouse, incorporando en primeiro lugar un "sistema de porta atrás" e despois unha fase de grupos de todos contra todos. Actualmente o All-Ireland consta de varias etapas. No actual formato, o trofeo empeza a finais de maio cos campionatos provinciais de Leinster e Munster. Unha vez derrotado o equipo no provincial, a GAA concédelle ao equipo do condado outra oportunidade de gañar o título. Os campións de Leinster e Munster gañan un posto automático nas semifinais. Aí únense os dous gañadores da clasificación do All-Ireland a través de só dous cuartos de final.

Os equipos máis dominantes veñen das provincias de Leinster e Munster. Cork, Kilkeny e Tipperary son considerados "os tres grandes" do hurling.