Partido Mahut - Isner en Wimbledon 2010

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Durante o Campionato de tenis de Wimbledon de 2010, entre os día 22 e 24 de Xuño, o estadounidense John Isner e o francés Nicolas Mahut protagonizaron o partido máis longo da historia do torneo e do tenis, en termos de tempo e xogos disputados. John Isner precisou de 183 xogos e de 11 horas e 5 minutos para bater ao seu contrincante, Nicolas Mahut. Os xogadores marcaron e romperon moitos outros récords de Wimbledon e do tenis, que inclúen a marca de 78 saques directos do xogador croata Ivo Karlović nun só partido, marca que superaron ámbolos dous xogadores: Isner fixo 112 e Mahut, 103[1].

Detalles do encontro[editar | editar a fonte]

Xogado na pista 18 do All England Lawn Tennis and Croquet Club, o partido rematou cun marcador de 6–4, 3–6, 6–7(7), 7–6(3), 70–68. Só o quinto set durou máis que calquera partido da historia do tenis, tanto en xogos disputados como no tempo de xogo, con 138 xogos e unha duración total de 8 horas e 11 minutos.

O partido comezou o 22 de xuño de 2010. Transcorridos 4 sets, o partido foi suspendido ata o día seguinte por falta de luz solar. Unha vez retomado o 23 de xuño para disputar o quinto e definitivo set, converteríase no partido máis longo de tódolos tempos. Ese día, unha vez máis, tivo que ser adiado por falta de luz solar, despois de terse chegado aos 59-59 no marcador dese quinto set, e tras 7 horas e 8 minutos de xogo. Finalmente, o 24 de xuño, 3º día de partido, Isner rompeu o servizo de Mahut despois de 1 hora e 3 minutos de xogo, e deixou o marcador do 5º set nun definitivo 70-68.

Marcas[editar | editar a fonte]

John Isner.
Nicolas Mahut.

O encontro rompeu o récord de máis xogos disputados nun partido, tanto antes como despois da introdución do sistema de morte súbita ou tie-break. Os récords anteriores eran o do partido de cuartos de final do Open de Australia no que Andy Roddick precisou de 83 xogos para derrotar a Younes El Aynaoui por 4–6, 7–6(5), 4–6, 6–4, 21–19, e os 112 xogos que precisou Pancho Gonzales en 1969 para derrotar a Charlie Pasarell na primeira volta por 22–24, 1–6, 16–14, 6–3, 11–9 antes da introdución do tie-break. No encontro de John Isner e Nicolas Mahut xogáronse un total de 183 xogos.

Este partido bateu o récord do encontro tamén por tempo xogado: 11 horas e 5 minutos. A marca oficial anterior, de 6 horas e 33 minutos, era do Open de Francia de 2004, cando Fabrice Santoro derrotou a Arnaud Clément por 6–4, 6–3, 6–7(5), 3–6, 16–14.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Hora local británica (UTC+1).

Martes, 22 de xuño de 2010[editar | editar a fonte]

  • 6:18 PM – Comeza o partido.
  • 9:07 PM – Suspéndese o partido por falta de luz.

Mércores, 23 de xuño de 2010[editar | editar a fonte]

  • 2:05 PM – Reanúdase o partido.
  • 5:45 PM – O partido pasa xa a ser o máis longo da historia.
  • 9:13 PM – Suspéndese o partido por segunda vez, co marcador en 59–59 no quinto e decisivo set.

Xoves, 24 de xuño de 2010[editar | editar a fonte]

  • 3:40 PM – Reanúdase o partido na pista 18.
  • 4:48 PM – Finaliza o partido con vitoria para John Isner, que gañou o set final por 70–68. O partido durou 11 horas e 5 minutos.

Despois do partido[editar | editar a fonte]

Inmediatamente despois de ter rematado o partido, un membro da organización do torneo de Wimbledon, acompañado polos ex-xogadores británicos de tenis Tim Henman e Ann Jones, fixo unha pequena cerimonia de conmemoración deste fito histórico na historia do tenis, na que se pronunciou un pequeno discurso e se obsequiou a cada un dos dous xogadores e máis o xuíz de cadeira cun agasallo de recordo. Ademais, fíxose unha foto dos tres diante dun dos dous marcadores electrónicos da pista 18, que marcaba ese histórico 70-68 no quinto set.[2]

Estatísticas[editar | editar a fonte]

As estatísticas oficiais do partido son as que seguen:

Nicolas Mahut John Isner
Primeiro servizo 328 de 489 = 67% 361 de 491 = 74%
Saques directos 103 112
Dobres faltas 21 10
Erros non forzados 60 62
 % gañadora do 1º servizo 284 de 328 = 87% 292 de 361 = 81%
 % gañadora do 2º servizo 101 de 161 = 63% 82 de 130 = 63%
Tantos gañadores (incluíndo o servizo) 244 246
Puntos gañados ao resto 117 de 501 = 23% 104 de 510 = 20%
Aproximacións á rede 111 de 155 = 72% 97 de 144 = 67%
Puntos totais gañados 502 478
Puntos de partido 2 5

Fallos nos marcadores[editar | editar a fonte]

No segundo día de xogo, o marcador electrónico da pista 18 quedou parado en 47–47 e logo apagouse. Os programadores de IBM dixeron que os marcadores estaban programados só ata 47-47, pero que arranxarían o fallo para o día seguinte.[3] O marcador on-line no sitio web oficial funcionou correctamente un pouco máis: En 50–50 púxose en 0-0 e volveu a contar a partir de aí. Na web pediuse aos usuarios que "por favor engadisen 50 xogos ao marcador do partido entre Isner e Mahut".[4] Un programador de IBM traballou no sistema informático do marcador ata as 11:45 PM para adaptalo de cara á continuación do partido o día seguinte (24 de xuño), aínda que tería volto a fallar de terse prolongado o partido máis de 25 xogos.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]