Oxidorredutase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A alcohol deshidroxenase (ADH) é un exemplo de oxidorredutase, que intervén na interconversión de alcohois, aldehidos e cetonas. Na figura a ADH5 humana.

Unha oxidorredutase é un encima que cataliza a transferencia de electróns desde unha molécula doante (o axente redutor) a outra aceptora (o axente oxidante). Son, por tanto, reaccións de óxido-redución nas que á vez que unha das substancias se oxida a outra redúcese. Por exemplo, un encima que catalizase esta reacción sería unha oxidorredutase:

A + B → A + B

No exemplo, A é o redutor ou doante de electróns e B é o oxidante ou aceptor.

Porén, no metabolismo celular as reaccións de oxidorredución poden ser menos evidentes; consisten na redución ou oxidación de grupos funcionais, e adoitan implicar a coencimas que tamén cambian o seu estado redox, como poden ser os pares NADH/NAD+, NADPH/NADP+, FAD/FADH2 ou FMN/FMNH2. Os coencimas actúan como intermediarios entre A e B na oxidorredución. A oxidación pode facerse por perda dun electrón ou por perda de átomos de hidróxeno. Por exemplo:

Pi + gliceraldehido-3-fosfato + NAD+ → NADH + H+ + 1,3-bisfosfoglicerato

Nesta reacción, NAD+ é o oxidante ou aceptor de electróns, e o gliceraldehido-3-fosfato, o redutor ou doante de electróns.

Nomenclatura[editar | editar a fonte]

Os nomes oficiais das oxidorredutases están formados por "doante:aceptor + oxidorredutase"; porén, son son máis frecuentes outros nomes. O máis común é un nome formado por "doante + deshidroxenase", como na gliceraldehido-3-fosfato deshidroxenase (o encima da segunda reacción de máis arriba). Outras veces os nomes comúns son do tipo "aceptor + redutase", como na NAD+ redutase. Un caso especial é "doante + oxidase" no que o O2 é o aceptor.

Clasificación[editar | editar a fonte]

As oxidorredutases clasifícanse na categoría EC1 segundo o número EC usado na clasificación dos encimas polo Comité de Nomenclatura da Unión Internacional de Bioquímica e Bioloxía Molecular. Distínguense as seguintes clases:

  • EC 1.1. Encimas que actúan con grupos CH-OH como doantes (alcohol oxidorredutases).
  • EC 1.2. Os que actúan con grupos aldehido ou cetona como doantes.
  • EC 1.3. Os que actúan con grupos CH-CH como doantes.
  • EC 1.4. Encimas que actúan con grupos CH-NH2 como doantes (aminoácido oxidorredutases, monoaminooxidases).
  • EC 1.5. Comprende os que actúan con grupos CH-NH como doantes.
  • EC 1.6. Inclúe os que actúan co NADH ou NADPH.
  • EC 1.7. Encimas que actúan con outros compostos nitroxenados como doantes.
  • EC 1.8. Os que actúan con grupos de xofre como doantes.
  • EC 1.9. Encimas que actúan con grupos hemo como doantes.
  • EC 1.10. Os que actúan con algún difenol ou compostos relacionados como doantes.
  • EC 1.11. Inclúe as peroxidases.
  • EC 1.12. Comprende os que actúan con hidróxeno como doante.
  • EC 1.13. Inclúe os que actúan cun doante coa incorporación de osíxeno molecular (osixenases).
  • EC 1.14. Os que actúan con dous doantes coa incorporación ou redución de osíxeno molecular.
  • EC 1.15. Os que actúan con superóxido como aceptor.
  • EC 1.16. Encimas que actúan oxidando ións metálicos.
  • EC 1.17. Encimas que actúan en grupos CH ou CH2.
  • EC 1.18. Os que actúan con proteínas de ferro-xofre como doantes.
  • EC 1.19. Os que actúan con flavodoxina reducida como doante.
  • EC 1.20. Os que actúan con fósforo ou arsénico como doante.
  • EC 1.21. Encimas que actúan en enlaces x-H e y-H para formar un enlace x-y.
  • EC 1.97. Outras oxidorredutases.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • EC 1 Introduction do Departmento de Química do Queen Mary, Universidade de Londres.