Oligopolio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O oligopolio (do grego oligo - poucos, e polio - vendedor) é unha situación de mercado na que hai poucas empresas ofrecendo o mesmo produto ou servizo, de tal xeito que ningunha delas pode impoñerse totalmente no mercado. Hai por iso unha constante loita entre as mesmas para poder levarse a maior parte da cota do mercado na que as empresas toman decisións estratéxicas continuamente, tendo en conta as fortalezas e debilidades da estrutura empresarial de cada unha.

Teoría de xogos[editar | editar a fonte]

O problema pódese formular en ocasións usando métodos da Teoría dos xogos. Por exemplo, dadas as funcións de custos de cada unha das empresas implicadas, cada unha atreverase a ofrecer a un determinado prezo, unha cantidade determinada, ao mercado. Pero, estas ofertas das empresas ao ser observadas dende o punto de vista da demanda, terán efecto en canta cantidade é realmente demandada para cada empresa, e dado o prezo que puxo cada unha, daranlle a cada unha delas un certo nivel de beneficios. Tamén se pode introducir a idea de que as empresas intenten "diferenciar" o seu produto con respecto ao produto das outras, para que non parezan tan "substitutivos" e así se poidan considerar como "diferentes" polos consumidores. Aínda que acotío esas diferencias no produto sexan en cousas mínimas como a presentación do produto, a súa "calidade", o envase no que vén, servizos de posventa, as redes de distribución, a proximidade do produto ao domicilio do consumidor etcétera (para isto hai que estudar máis as estratexias comerciais de cada empresa en particular). Todo iso pode dar lugar ao estudo de diferentes tipos de modelos.

Xeralmente, cando se aplica a Teoría dos Xogos, suponse que cada empresa pode tomar decisións nun conxunto de decisións propio, e que dependendo de cales toma esa empresa e as demais, esa empresa e as demais obterán un determinado resultado. Ás veces isto se pode representar como que cada empresa ten unha "Curva de Reacción" ás accións das demais empresas. Por exemplo, se o resto das empresas tomasen unha serie de decisións, e a nosa empresa en cuestión coñecese (suposto bastante forte, dende logo) que decisións tomaron as demais, para poder obter ela o máximo beneficio debería tomar certas decisións a súa vez, que dependen das tomadas polas demais.

Hipoteticamente, se as "curvas de reacción" de todas as empresas se cruzasen nalgún sitio, ese conxunto de decisións para todas as empresas implicadas implicaría o "Equilibrio do Xogo", porque todas as empresas estarían á vez facendo o mellor para si mesmas dado o que están a facer o resto das empresas. Isto é o que se coñece como Equilibrio de Nash. Nash probou en que condicións se pode dar este Equilibrio. Exemplos de equilibrios nos mercados son o de Cournot, cando as empresas compiten en cantidades ofertadas, e o de Bertrand, cando o fan en prezos.

Non obstante, un caso común tamén é que algunha das empresas sexa líder e as demais seguidoras. Neste caso, en vez de supoñerse que se vai acadar un equilibrio no que todas as empresas máis ou menos chegan simultaneamente a esa situación de equilibrio, a vantaxe da empresa líder (por exemplo, por ter algunha vantaxe empresarial importante sobre as outras empresas) lle leva a tomar primeiro unha decisión ante a cal responden, ou sexa, a tomán despois, as Seguidoras. Isto é o que leva á líder a ter en conta, para cada decisión, que as seguidoras van responder de un determinado xeito, polo que reaxusta a súa forma de decidir tendo en conta cales serán as decisións das demais, como se en certo modo tamén as puidese controlar a elas e poñelas ao servizo do seu propio beneficio.

Outro caso posible é o da Colusión. Prodúcese cando as empresas no oligopolio se poñen de acordo para actuar coordinadamente á hora de ofertar os seus bens e de poñer os seus prezos, co que logran maior beneficio total para cada unha delas que cando actúan por separado, o que en ocasións leva a unha situación semellante, dende o punto de vista dos consumidores, á do monopolio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]