Oficina Xeral de Correos (Dublín)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O pórtico grego da Oficina Xeral de Correos, completado en 1818. O Escudo de Armas do Reino Unido foi quitado tras a independencia.
Oficina Xeral de Correos en 2006.

A Oficina Xeral de Correos (GPO) (Ard-Oifig an Phoist en gaélico) en Dublín é a sede central dos Servizos Postais Irlandeses An Post, e a oficina principal de correos de Dublín. Situado no centro da da principal avenida da cidade, O'Connell Street, é un dos edificios máis famosos de Irlanda e foi o derradeiro dos grandes edificios públicos de estilo xeorxiano que foron erixidos na capital.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A Oficina Xeral de Correos estaba situada ao principio nun pequeno edificio no mesmo lugar onde se atopaban os Edificios Comerciais (actualmente o edificio do Banco Central e de Servizos Financeiros da Autoridade de Irlanda na Dame Street. Posteriormente mudárona a unha casa máis grande construída na zona do parque College Green en fronte do Banco de Irlanda, e o 6 de xaneiro de 1818 se inaugurou a nova (e actual) sede da oficina de correos na rúa Sackville Street (actualmente O'Connell Street).

Construída segundo o deseño do arquitecto Francis Johnson, a primeira pedra do edificio foi colocada por Charles Whitworth o 12 de agosto de 1814, e o resto da estrutura completouse no corto período de tres anos, con un custo de 50.000 Libras esterlinas. A fachada, que ten 67.1 metros de alto, ten un pórtico de 24.4 metros de ancho e seis columnas xónicas de 137.16 centímetros de diámetro. O friso do entaboamento é dunha gran riqueza, e no tímpano do frontón está o escudo de armas real. No acroterio do frontón hai tres estatuas do escultor John Smyth: Mercurio na dereita, co seu caduceo e a bolsa; na esquerda a Fidelidade, co seu dedo nos beizos, e unha chave na man; e no centro a Hibernia, coa súa lanza apoiada e suxeitando unha arpa. O entaboamento, coa excepción da arquitrabe, continúa ao longo do resto da fronte; porén, o friso que está sobre o pórtico non está decorado. Unha fermosa balaustrada eríxese sobre a cornixa do edificio, que está situada a 15.2 metros do chan. Coa excepción do pórtico, que é de pedra de Portland, o resto está feito de granito. O edificio ten tres pisos, dos cales a planta baixa está almofadada.

Historia[editar | editar a fonte]

Fotografía da Oficina Xeral de Correos tomada en 1964 dende a Columna de Nelson, que o IRA destruiría dous anos despois.

Durante o Alzamento de Pascua de 1916, a Oficina Xeral de Correos serviu coma cuartel xeral dos líderes da sublevación. O asalto das forzas británicas danou moitísimo o edificio e non foi reparado ata que o goberno do Estado Libre Irlandés se puxo mans á obra algúns anos despois. As columnas orixinais aínda están salpicadas de marcas de bala. Na oficina filatélica da Oficina Xeral de Correos atópase exposta permanentemente unha copia orixinal da Proclamación da República Irlandesa. O edificio está considerado coma un símbolo do nacionalismo irlandés e da historia nacional irlandesa. En conmemoración do falido Alzamento, en fronte do edificio se erixiu unha estatua que describe a morte do heroe mítico Cúchulainn. Esta estatua aparecía tamén na moeda de dez chelíns irlandeses de 1966 e nos billetes de 20 Libras. A pesar de ser mundialmente coñecido como lugar simbólico da liberdade irlandesa, continuouse pagando a renda do edificio aos propietarios ingleses e americanos ata os anos 80.[1]

Os estudios de retransmisión da 2RN, que despois se converteu en Radio Éireann, estiveron situados na Oficina Xeral de Correos dende 1928 ata os anos 60.[2] A partir de 2008, o goberno irlandés esta estudando a incorporación ao edificio dun Museo do Alzamento de Pascua, un museo filatélico, un museo de Dublín, e converter os dous patios interiores nun amplo espazo cívico que podería empregarse nas futuras investiduras dos Presidentes.[3]

A 'Columna de Nelson' estaba situada no centro da rúa O'Connell, xusto a carón da Oficina Xeral de Correos. Porén, a columna foi destruída en 1966 despois de que o IRA lle colocara unha bomba. No seu lugar se erixe actualmente o Spire de Dublín.

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns Externas[editar | editar a fonte]

Imaxes[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: General Post Office