Melólogo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O melólogo (do grego antigo μέλος, mélos = melodía, e λόγος, lógos = palabra) é un xénero teatral que mantén tal equilibrio entre a palabra falada e a música, que a obra sen algunha delas dúas perde o seu sentido. A diferenza doutras formas musicais, no melólogo o texto non se canta senón que se declama, e niso baséase a súa singularidade. Durante a declamación, o personaxe do melólogo realiza pausas que dan paso a interludios musicais nos que o actor se expresa mediante a mímica, poñendo en xogo tódalas súas capacidades expresivas e actorais para chegar a conmover ao público, en estreita relación cos fragmentos musicais que acompañan.[1]

As orixes do melólogo remóntanse ao ano 1770, no que se estrea en Lión a obra Pygmalion: nela, por primeira vez, alternáronse drama e música. Fui composta por Jean Jacques Rousseau, con dous números, e o resto polo compositor Horace Coignet. Ao comezo nestas pezas só aparecía un personaxe. Nelas vanse intercalando diferentes interludios, nos que o actor ou actriz realizaba pantomimas. Estes momentos musicais, nos que o actor se expresaba mediante o corpo, eran utilizados para salientar os sentimentos e paixóns que foran reflectidos no texto declamado. Pouco a pouco as pezas foron cada vez máis longas e comezaron a dividirse en actos, á vez que se engadiron máis personaxes á trama, tomando xa o nome de dílogos, trílogos, etc.[2]

En canto ao xénero musical europeo, pode citarse a Leonora de Franz Liszt (1858), melólogo para voz recitativa e pianoforte, que presenta evidente afinidade co contemporáneo Tristan und Isolde de Richard Wagner. No século XX, encádranse nesta categoría Anfion de Arthur Honegger e Perséfone de Igor Stravinskii.[3]

O melólogo aparece en España na última década do século XVIII grazas a recoñecidos dramaturgos daquela época como Francisco Luciano Comella, Fermín del Rey, María Rosa Gálvez e José Concha, entre outros. O gaditano Juan Ignacio González del Castillo escribiu o que se coñece como antecedente do xénero, Hannibal (1788). Porén, é Guzmán el Bueno (1790), do fabulista Tomás de Iriarte, o primeiro melólogo considerado como tal.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]