Metuxalén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Matusalén")
Matusalén
Este artigo amosa escritos hebraicos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

Metuxalén[1] (en hebreo: מתושלח), tamén coñecido como Matusalén por influencia do castelán, é a persoa máis lonxeva que se menciona no Antigo Testamento. Na Xénese 5:27 afírmase que acadou a idade de 969 anos: "Foron, pois, os anos de Matusalén, novecentos sesenta e nove anos; e morreu."

Na Xénese menciónase coma fillo de Henoc[1] e pai de Lámec[1] (á súa vez, pai de Noé), a quen enxendrou con 187 anos. O seu nome converteuse nun sinónimo xeral aplicado a calquera criatura de idade avanzada, usado en frases como: "ter máis anos ca Matusalén" ou "ser máis vello ca Matusalén". Unha lectura atenta do Antigo Testamento revela que Matusalén debeu finar no ano do Gran Diluvio.

Segundo o demógrafo James Vaupel, a esperanza de vida comezou a aumentar en 1840 coa diminución da mortandade infantil e mortandade adolescente e continuou imparábel, nun aumento medio de dous anos e medio cada década, co alongamento da vida madura.[2][3] Para Vaupel a esperanza de vida dos nenos nacidos tralo ano 2000 chegará aos 100 anos no século XXII.[3]

Os nosos coñecementos actuais sobre a duración da vida dunha célula lévannos a supor que o límite natural de lonxevidade no ser humano está por baixo dos 150 anos. O récord Guinness da persoa máis vella fica no rango dos 112 a 122 anos, mais o proceso para distinguir os individuos supercentenarios dos mitos de lonxevidades extraordinarias é complicado, pois os rexistros de nacemento de finais do século XIX son moitas veces cuestionábeis.

Algunhas investigacións sosteñen que as idades extraordinarias dos patriarcas bíblicos son resultado de erros na tradución: os ciclos lunares confundíronse cos solares, e as idades reais son 13,5 veces menores. Logo, en resumidas contas, Matusalén acadou unha idade de: 969/13,5: 72 anos, que é unha cifra alta tendo en conta a esperanza de vida daquela. Neste sentido, crese que os seres humanos vivían preto de mil anos, até que, despois do diluvio, Deus acortou a súa idade (Xénese 6:3. E dixo Yahweh: "Non contenderá o meu espírito co home para sempre, porque certamente el é carne; mais serán os seus días cento vinte anos").

Segundo o xudaísmo a primeira persoa que envelleceu foi Abraham pois naceu após o diluvio, sendo as persoas anteriores ás choivas máis lonxevas.

Morte antes do Diluvio[editar | editar a fonte]

Segundo o antigo testamento:

"21Henoc tiña setenta e cinco anos cando lle naceu Metuxalén. 22Andou o camiño con Deus. Despois de lle nacer Metuxalén viviu aínda trescentos anos, e tivo outros fillos e fillas. 23Por xunto viviu trescentos sesenta e cinco anos. 24Andou o camiño con Deus e logo desapareceu, porque Deus o levou.

25Metuxalén tiña cento oitenta e sete anos cando lle naceu Lámec. 26Despois viviu setecentos oitenta e tres anos, e tivo outros fillos e fillas. 27Por xunto viviu novecentos sesenta e nove anos, e logo morreu."[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 A Biblia. Revisada por Xosé Fernández Lago (2ª ed.). Vigo: SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos). 1992. p. 13. ISBN 84-7337-040-6. «Metuxalén tiña cento oitenta e sete anos cando lle naceu Lámec» 
  2. A esperanza de vida e James Vaupel no programa “Redes”, en A. demografía
  3. 3,0 3,1 La esperanza de vida en el futuro. Claves para aumentar la esperanza de vida, Redes, RTVE, 6/6/2011

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Metuxalén

Outros artigos[editar | editar a fonte]