Imposto Pigouviano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O economista A.C. Pigou.

Un Imposto Pigouviano é un imposto aplicado sobre unha actividade de mercado para corrixir o resultado do mesmo, no caso de aparecer externalidades negativas asociadas á actividade mercantil. De acontecer estas, o custo social da actividade supera ao custo privado da actividade, e nese caso, o resultado do mercado non é eficiente, tendendo o mercado a sobre-ofertar o produto,debido a que os custos aos que ten que facer fronte son menores do que terían que ser no caso de considerar o custo social. Se o regulador introduce un Imposto Pigouviano que sexa igual á externalidade negativa, a produción do mercado será reducida a unha cantidade eficiente.

Se pola contra, houbese externalidades positivas (beneficios sociais xerados polo desenvolvemento da actividade), o mercado tende a infra-ofertar a produción, e neste caso, unha aplicación simétrica do razoamento levaría a suxerir a creación de Subsidios Pigouvianos para incrementar a actividade en dito mercado.

Os impostos Pigouvianos reciben o seu nome do economista Arthur Pigou quen tamén desenvolveu o concepto de Externalidade Económica. William Baumol foi quen instrumentou un modelo económico baseado no traballo de Pigou para a Economía moderna.[1]

Xeito de funcionamento do Imposto Pigouviano[editar | editar a fonte]

Un Imposto Pigouviano é un dos medios tradicionais para levar a cabo un reequilibrio das forzas do mercado, polo tanto un intento de mellorar a eficiencia nas situacións económicas onde o problema exista. Nas últimas décadas apareceron outros medios, sobre todo nos Estados Unidos de América dende finais dos anos setenta do século pasado, así coma noutros Estados desenvolvidos xa nos anos oitenta, apareceu unha alternativa aos Impostos Pigouvianos: a creación dun mercado de "dereitos para contaminar" ou "dereitos de emisión" (na UE son chamados "European Union Emission Trading System (EU ETS)"). Ditos "dereitos a contaminar" son xeralmente máis ineficientes que os Impostos Pigouvianos pero resultan ser máis atractivos aos reguladores xa que entregan os dereitos gratuitamente (ou a un prezo inferior ao do mercado) aos axentes contaminantes, a quen lles provoca un recorte menor dos seus beneficios ou incluso aumentalos (permíteselles vendelos), introducindo menores distorsións no mercado afectado. Ditos dereitos enmárcanse dentro Economía do Medio-Ambiente dun xeito xeral, e dos partidarios dun Mercado Libre no particular.

Unha dificultade destes impostos atópase no feito de como valorar o dano provocado pola externalidade negativa. Factores políticos coma a presión sobre os reguladores por parte dos axentes contaminantes podería reducir a taxa a aplicar, o que provoca paralelamente unha diminución do efecto positivo de introducir o imposto; do outro lado, a presión sobre o regulador exercida por axentes interesado en calcular un valor maior do dano real pode incrementar a taxa aplicábel, que diminuirá a eficiencia ao diminuír a cantidade producida no mercado. Outro grande problema teriámolo no posible aumento do prezo do produto, que dependerá da Elasticidade da demanda. Este aumento do prezo provoca unha diminución da utilidade marxinal do consumo de dito ben, que pode provocar a diminución do beneficio social da introdución do imposto.

O diagrama embaixo amosa como funciona un Imposto Pigouviano. (Para unha maior explicación sobre como se constrúe este tipo de diagramas, ver Custo Social). O regulador calcula a contía do imposto como un custo marxinal extra non considerado polo produtor. Ao introducir este imposto (que non é máis que un custo adicional), a curva de "Custo Marxinal Privado" que tiña ata ese momento a empresa, ao considerar só os custos nos que ela mesma incorre, móvese "cara arriba" (é dicir, a producir unha cantidade fixa de produto q correspóndelle un maior custo). O aumento total nos custos e o xeito en que estes afectan á curva marxinal depende do tipo de imposto aplicado ("proporcional" ou "fixo", na gráfica explicase a aplicación dun imposto "fixo"). Ao incrementarse os custos, o produtor terá un incentivo a diminuír a cantidade total (dita cantidade defínese como aquela na que o prezo=custo marxinal) do produto que oferta que coincide co nivel social óptimo (porque así o definiu o regulador), onde sexan iguais os custos que agora ten o produtor (custo privado marxinal incrementado co imposto) co custo social marxinal. Hai que recordar que o punto no cal o prezo sexa igual ao custo marxinal é o punto de equilibrio, e determinará a cantidade producida é o prezo do ben. O ingreso total do imposto (o cal podería ser adicado a diminuír o efecto negativo da externalidade) calcúlase segundo o valor da taxa e a nova cantidade agora producida (area sombreada), descontando a parte que compensaría ao produtor os seus custos marxinais privados.

O principal problema do Imposto Pigouviano atopámolo no feito do coñecemento do problema tal como suxeriu o mesmo Pigou no seu ensaio "Some Aspects of the Welfare State" (1954) onde escribiu: "De calquera xeito, teño que confesar que raramente temos o coñecemento necesario para decidir en que campos e para que aumentar o papel do Estado (na economía), debido [aos buratos entre custos privados e públicos] poderiamos interferir na elección individual.". Noutras palabras, o modelo "de encerado" do economista asume un coñecemento que non se posúe — é un modelo que asume coma "dado" cando de feito non foi dado a ninguén. Friedrich Hayek argumentará que este é coñecemento o cal non podería ter sido considerado coma "dado" `por ningún método do que se teña coñecemento, debido ás insuperábeis limitacións do coñecemento humano; a Teoría do Caos argumenta outras limitacións do coñecemento. Un contraargumento baséase en que non é necesario o perfecto coñecemento dos buratos entre custos privados e públicos. Ás veces estas diferenzas son obvias – por exemplo o efecto do consumo de petróleo (e os seus derivados) sobre a contaminación, o Quentamento Global e a conxestión do tráfico. Nese caso, a aplicación dun Imposto Pigouviano (especialmente un pequeno) sería mellor que nada. Pero segue a existir o problema da valoración.

Como cada vez que se introduce un imposto, pódese provocar contrabando ou a aparición de mercados negros, sobre todo se se producen grandes incrementos no prezo de bens moi demandados. Tamén poden aparecer problemas co distribución da renda, xa que podería ter provocado regresividade, se a poboación con baixos ingresos destina unha grande proporción da súa renda aos produtos con externalidades negativas, cantidade maior que para a poboación con rendas altas, xa que aqueles soportarían a maior parte do imposto.

Impostos por contaminar[editar | editar a fonte]

A Regulación é vista coma un grande vantaxe para a sociedade xa que os Impostos Pigouvianos aumentan o beneficio social e responden automaticamente a cambios no mercado, tales coma unha diminución do custo privado de produción. Cun Imposto Pigouviano hai sempre un incentivo a reducir a contaminación, mentres que con outras regulacións directas, un axente contaminante non ten incentivo a contaminar menos que o permitido.

A teoría económica predí que nunha economía onde o custo de acadar acordos mutuos entre partes é alto, e onde a contaminación sexa difusa, os Impostos Pigouvianos serán un eficiente xeito de promover o interese público, e levará a un incremento da calidade de vida medida polo Indicador do Progreso Verificado e outros indicadores, ademais dun incremento do crecemento do Produto Interior Bruto (PIB).

Ademais, A teoría económica predí que, baixo certas condicións, un beneficio secundario podería aparecer. O primeiro sería a redución da contaminación. O segundo consistiría ao mudar a fonte de ingreso do Estado cara a unha Política fiscal "verde". Se o goberno mantén ese ingreso constante, pódense diminuír outros impostos (véxase Ecotaxa). Se o goberno escollese recortar impostos distorsionantes, os custos de mudar a unha política fiscal "verde" serían negativos.

A existencia de estudos que mostran unha correlación positiva entre medidas fiscais "verdes" e gran crecemento do PIB non demostran que exista unha relación de causalidade, xa que a segunda pode ser causa da primeira (os países, ao ser máis ricos, poden ter un interese maior no medio ambiente que aqueles países máis pobres ou menos desenvolvidos).

Impostos Pigouvianos Negativos (Subsidios Pigouvianos)[editar | editar a fonte]

Se hai efectos positivos no canto de negativos, sería desexable promover eses comportamentos mediante o emprego de subsidios. Por exemplo, a limpeza dos montes. Cada vez que un limpa o seu monte, non só provoca un beneficio particular (ao diminuír a posibilidade de que se queime o seu monte) senón tamén no conxunto de montes, xa que as posibilidades de que o lume se estenda son menores, o que redunda en toda a poboación. Subvencionar estas actividades de limpeza dos montes pode ser considerado coma un "Imposto Pigouviano Negativo".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Baumol, W.J. (1972), ‘On Taxation and the Control of Externalities’, American Economic Review, 62 (3), 307-322.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • N. Gregory Mankiw: Principles of Economics, Second edition, Harcourt College Publishers, 2001, page 216.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]