Elasticidade (economía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En Economía, a elasticidade é a relación entre o cambio porcentual nunha variable e o cambio porcentual que se produce noutra variable. Permite, polo tanto, medir a sensibilidade dunha variable a cambios noutra. O feito de que a relación se produza entre cambios porcentuais permite eliminar as unidades de medida do cálculo, simplificando a análise de datos.

De forma xenérica, pode definirse matematicamente a elasticidade Y de X como:

E_{x, y} = \left|\frac{\partial x}{\partial y}\cdot\frac{y}{x}\right|

Elasticidade da demanda[editar | editar a fonte]

O concepto de elasticidade aplícase frecuentemente a cambios na cantidade demandada, xa sexa en relación á renda do consumidor, ó prezo do ben que se estea a analizar ou ó prezo doutros bens.

Elasticidade-prezo da demanda[editar | editar a fonte]

A elasticidade-prezo da demanda é a relación existente entre o cambio porcentual producido na cantidade demandada (Q) cando se produce un determinado cambio porcentual no prezo (P):

E_{Pd} = \left|\frac{\frac{Q_{f} - Q_{i}} {Q_{i}} \cdot\ 100} {\frac{P_{f} - P_{i}} {P_{i}} \cdot\ 100} \right| , onde os subíndices f representan o prezo e a cantidade finais mentres que os subíndices i se refiren a prezo e cantidade iniciais.

Cando se calcula nun determinado punto (elasticidade-punto) a fórmula adquire a seguinte forma:

E_{Pd} = \left|\frac{\partial Q}{\partial P}\cdot\frac{P}{Q}\right|

Se o valor da elasticidade é superior a 1, dise que a demanda do ben é elástica respecto do prezo (a porcentaxe de variación na cantidade demandada é superior á porcentaxe de variación no prezo); se a elasticidade é inferior a 1, a demanda do ben denomínase inelástica.