Ida de Bernicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación idealizada de Ida sacada da obra de John Speed de 1611 "Saxon Heptarchy"

Ida (falecido sobre 559) é o primeiro rei coñecido do reino anglo de Bernicia, que gobernou entre 547 e 559, data da súa morte. Pouco sabemos da súa vida ou reinado, pero foi considerado como o fundador da liña de sangue da que se proclamaban sucesores moitos dos reis anglosaxóns do norte de Inglaterra e sur de Escocia. Os seus sucesores combateron a resistencia britana e acabarían fundado o reino de Northumbria.

Fontes[editar | editar a fonte]

A Crónica anglosaxoa informa que o reinado de Ida comeza en 547, e lémbrao como fillo de Eoppa, neto de Esa e bisneto de Ingwy[1] Igualmente, a Historia Brittonum preséntao como fillo de Eoppa e primeiro rei de Berneich ou Bernicia.[2] A Crónica Anglosaxoa conta que gobernou durante doce anos e construíu o castelo de Bamburgh, capital berniciana. Posteriormente, con todo, a Crónica confunde o seu territorio co posterior de Northumbria, dicindo que Ælla, un rei histórico de Deira, o sucedeu como rei á súa morte.[3] Northumbria non existiu ata a unión de Bernicia e Deira, o que sucedeu por primeira vez baixo o neto de Ida, Aethelfrith. As xenealoxías dos reis anglosaxóns que figuran anexas a algúns manuscritos da Historia Brittonum proporciona máis información acerca de Ida e a súa familia: o texto chama Bearnoch á raíña de Ida, e indica que tivo doce fillos. Varios deles son tamén citados como reis.[4] Un deles, Theodric, é destacado por enfrontarse a unha coalición britana liderada por Urien de Rheged e os seus fillos.[5]

Algúns comentaristas dos séculos XVIII e XIX, comezando por Lewis Morris, asociaron a Ida cunha figura da tradición galesa coñecida como Flamdwyn ("Portador da chama").[6] Este Flamdwyn foi evidentemente un líder anglosaxón que se enfrontou a Urien Rheged e os seus fillos, especialmente o seu fillo Owain, que o matou.[7] Con todo, Rachel Bromwich indica que esta identificación ten pouco que a apoie;[7] outros escritores, tales como Thomas Stephens e William Forbes Skene, identifican a Flamdwyn con Theodric, o fillo de Ida, sinalando as pasaxes nas xenealoxías en que se fala das batallas de Theodric con Urien e os seus fillos.[6]

Na época en que Ida gobernaba, o control de Bernicia non se estendía apenas terra adentro.[8] Non foi ata a época de Æthelfrith, o neto de Ida, cando se produciu a expansión berniciana cara ao oeste. Esta tese está referendada pola descrición da Historia Brittonum' das loitas entre bernicianos e nativos britanos, indicando unha resistencia prolongada. Tamén reforza esta teoría a escaseza de achados arqueolóxicos anglosaxóns terra dentro no século VI.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Crónica anglosaxoa, entrada de 547.
  2. Historia Brittonum, c. 56.
  3. Crónica Anglosaxoa, entrada de 560.
  4. Historia Brittonum, ch. 57.
  5. Historia Brittonum, c. 63.
  6. 6,0 6,1 Taliesin. 28. 1918. p. 154. 
  7. 7,0 7,1 Bromwich, p. 353.
  8. 8,0 8,1 Fletcher, p. 25.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bromwich, Rachel (2006). Trioedd Ynys Prydein: The Triads of the Island of Britain. ISBN 0-7083-1386-8. 
  • Fletcher, Richard (1989). Who's Who in Roman Britain and Anglo-Saxon England. ISBN 0-85683-089-5. 
  • Taliesin. 28. 1918.