Crónica anglosaxoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A páxina inicial da Crónica de Peterborough.

A Crónica Anglosaxoa é unha colección de anais en inglés antigo que narran a historia dos anglosaxóns. Os anais creáronse no século IX, probabelmente en Wessex, durante o reinado de Alfredo o Grande. Fixéronse e distribuíron moitas copias manuscritas polos mosteiros de Inglaterra, e fóronse actualizando de maneira independente. Nun dos casos, a crónica aínda se seguía actualizando en 1154.

Sobreviven, en parte ou ao completo, nove dos manuscritos, aínda que non todos eles son de igual valor histórico, e ningún deles é a versión orixinal. O máis vello parece que se empezou sobre o final do reinado de Alfredo, mentres que o máis recente se escribiu na Abadía de Peterborough tras un lume no mosteiro, en 1116. Case todo o material da crónica está en forma de anal, por anos; os máis antigos están datados no ano 60 a.C., e o material histórico segue ata o ano no que se escribiu a crónica, punto no que comezan os rexistros contemporáneos. Colectivamente, estes manuscritos coñécense como a Crónica Anglosaxoa. A Crónica non carece de parcialidade: hai ocasións nas que a comparación con outras fontes medievais revela que os escribas que a escribiron omitiron sucesos ou contaron versións das historias só desde un lado; tamén hai partes que se contradín con outras. Porén, tomada no seu conxunto, a crónica é a fonte histórica máis importante do período que vai entre a saída dos romanos e a conquista normanda. Gran parte da información ofrecida na Crónica non está rexistrada en ningún outro lugar. Ademais, os manuscritos son fontes importantes da historia da lingua inglesa; en particular, o texto de Peterborough é un dos primeiros exemplos existentes do inglés medio.

Sete dos nove manuscritos e fragmentos superviventes residen hoxe na Biblioteca Británica. Os dous restantes están na Biblioteca Bodleiana e na biblioteca do Corpus Christi College, en Cambridge.

Composición[editar | editar a fonte]

As Crónica Anglosaxoa non é un documento individual, senón un conxunto de textos relacionados. Todos os manuscritos superviventes son copias, polo que non se sabe a ciencia certa cando ou onde se compuxo a primeira versión da Crónica. Hai un acordo xeral en que a versión orixinal se escribiu a finais do século IX, probabelmente a principios da década de 890, a mans dun escriba de Wessex. Por exemplo, Richard Abels di que "os historiadores están de acordo en que a Crónica orixinal se estendeu polo menos ata 890". Keynes e Lapidge suxiren que "o regreso dos viquingos a Inglaterra parece que provocou a 'publicación' da Crónica Anglosaxoa, a finais de 892 ou a principios de 893".[1][2]

Despois de que se compilase a crónica orixinal fixéronse e distribuíron copias a varios mosteiros. Fixéronse copias adicionais para maior distribución ou para substituír os manuscritos perdidos, e algunhas delas actualizáronse independentemente. Algunhas destas copias tardías son as que sobreviviron.[3]

O manuscrito máis antigo existente, a Crónica de Winchester, foi escrita por un so escriba ata o ano 891. O escriba puxo o número do ano, DCCXCII, na marxe da liña seguinte; o material adicional foi escrito por outros escribas.[3] Isto parece colocar a composición da crónica nun punto non posterior a 892; o uso do Bispo de Asser dunha versión da crónica no seu libro Vida do rei Alfredo, que se sabe que foi escrito en 893, proporciona máis evidencia ao respecto.[2] Sábese que o manuscrito de Winchester é como mínimo unha copia dunha copia do orixinal da Crónica; polo tanto, non hai probas de que a Crónica se compilase en Winchester. Ver P. Wormald, "Alfredian Manuscripts", en[4] Tamén é difícil fixar a data de composición, pero pénsase que as crónicas foron compostas durante o reinado de Alfredo o Grande (871–899). Alfredo intentou deliberadamente revivir a aprendizaxe e a cultura durante o seu reinado, e fomentou o uso do inglés como linguaxe escrita. A propia Crónica, ademais da distribución de copias a outros centros de aprendizaxe, puido ser unha consecuencia dos cambios introducidos por Alfredo.[5]

Manuscritos superviventes[editar | editar a fonte]

Unha páxina da Crónica de Winchester ou Parker, que mostra o prefacio xenealóxico.

Hai nove manuscritos superviventes, dos cales oito están escritos na súa totalidade en inglés antigo (tamén coñecido como "anglosaxón"), mentres que o noveno está en inglés antigo cunha tradución ao latín de cada anal. Un (a Crónica de Peterborough) contén tamén inglés medio primitivo. O máis vello (Corp. Chris. MS 173) coñécese como Crónica de Winchester, ou Crónica de Parker, por Matthew Parker, un Arcebispo de Canterbury que foi o seu propietario. Seis dos manuscritos imprimíronse nunha edición de 1861 de B. Thorpe, co texto disposto en columnas etiquetadas do A ao F. Esta nomenclatura é de uso común e detállase embaixo. Seguindo esta convención, outros tres manuscritos adicionais adóitanse chamar [G], [H] e [I].

Os manuscritos superviventes lístanse embaixo, aínda que o manuscrito G se queimou nun incendio en 1731 e só quedan unhas follas.

Versión Nome da crónica Situación Manuscrito
A A Crónica de Parker ou A Crónica de Winchester Corpus Christi College, Cambridge MS. 173
B A Crónica de Abingdon I Biblioteca Británica Cotton MS. Tiberius A vi.
C A Crónica de Abingdon II Biblioteca Británica Cotton MS. Tiberius B i.
D A Crónica de Worcester Biblioteca Británica Cotton MS. Tiberius B iv.
E A Crónica de Laud ou A Crónica de Peterborough Biblioteca Bodleiana MS Laud 636
F O Epítome Bilingüe de Canterbury Biblioteca Británica Cotton MS. Domitian A viii.
G ou A2 ou W Unha copia d’ A Crónica de Winchester Biblioteca Británica Cotton MS. Otho B xi., 2
H Fragmento cotoniano Biblioteca Británica Cotton MS. Domitian A ix.
I Unha Crónica da Táboa de Pascuas Biblioteca Británica Cotton MS. Caligula A xv.

Relación entre os manuscritos[editar | editar a fonte]

A relación entre sete dos manuscritos da Crónica. O fragmento [H] non pode situarse cun mínimo de fiabilidade no diagrama. Tamén se mostran outros textos relacionados. O diagrama amosa un orixinal putativo e tamén ofrece as relacións dos manuscritos cunha versión setentrional que non sobrevive pero que se pensa que existiu.

Pénsase que todos os manuscritos derivan dun orixinal común, pero as conexións entre os textos son máis complexas cá simple herdanza por copia. O diagrama da dereita mostra unha perspectiva xeral das relacións entre os manuscritos. A seguir ofrécese un resumo das relacións que se coñecen.

  • [A2] foi unha copia de [A], feita en Winchester, probabelmente entre 1001 e 1013.
  • [B] utilizouse para compilar [C] en Abingdon, a mediados do século XI. No entanto, o escriba que fixo [C] tamén tiña acceso a outra versión que non sobreviviu.
  • [D] inclúe da Historia Eclesiástica de Beda e dunha serie de anais de Northumbria do século VIII. Pénsase que foi copiado a partir dunha versión setentrional que non sobreviviu.
  • [E] ten material que parece derivar das mesmas fontes que [D], pero non inclúe algunhas adicións que só aparecen en [D], como o Rexistro mercio. Este manuscrito compúxose no mosteiro de Peterborough certo tempo despois dun incendio ocorrido alí en 1116, que probabelmente destruíu a copia que tiñan da Crónica; [E] parece que se compuxo a partir de entón como unha copia da versión de Kent, probabelmente de Canterbury.
  • [F] parece que inclúe material da mesma versión de Canterbury que se utilizou para crear [E].
  • A Vida do rei Alfredo, de Asser, que se escribiu en 893, inclúe unha tradución das entradas da Crónica desde 849 a 887. Dos manuscritos superviventes, só [A] podía existir en 893, pero hai sitios nos que Asser se afasta do texto de [A], polo que é posíbel que Asser utilizase unha versión que non sobreviviu. Por exemplo, Asser omite Esla da xenealoxía de Alfredo; [A] inclúe a Esla, pero [D] non.[2]
  • Aethelweard escribiu unha tradución da Crónica ao latín a finais do século X; a versión que utilizou procedía probabelmente da mesma rama que [A] na árbore de relacións.[3]
  • En Abingdon, nalgún momento entre 1120 e 1140, un autor descoñecido escribiu unha crónica en latín coñecida como os Anais de Saint Neots. Este traballo inclúe material dunha copia da Crónica, pero é moi difícil saber cal versión, xa que o escritor foi selectivo á hora de usar o material. Puido ter sido unha recensión setentrional, ou un derivado en latín desa recensión.[3]

Historia dos manuscritos[editar | editar a fonte]

Unha páxina do texto de [C] da Crónica Anglosaxoa. Esta entrada é sobre o ano 871, un ano de batallas entre Wessex e os Vikingos.

[A]: A Crónica de Winchester, ou Parkere, é o manuscrito máis antigo dos que sobreviven. Foi iniciado en Old Minster, Winchester sobre o final do reinado de Alfredo. O manuscrito comeza cunha xenealoxía de Alfredo e a primeira entrada é para o ano 60 a.C. O primeiro escriba detívose no ano 891 e varios escribas introduciron as seguintes entradas a diversos intervalos durante o século X. O manuscrito faise independente das outras recensións trala entrada de 975. O libro, que tamén contiña unha copia das Leis de Alfredo e Ine despois da entrada de 924, transferiuse a Canterbury nalgún momento ao principio do século XI. A última na lingua vernácula é sobre 1070. Despois disto vén a Acta Lanfranci en latín, que cobre sucesos eclesiásticos de 1070 a 1093. Logo segue unha lista de papas e os arcebispos de Canterbury aos que lles concederon o palio. O manuscrito pertenceu a Matthew Parker durante un tempo, que foi arcebispo de Canterbury de 1559 a [[1575.

[B]: A Crónica de Abingdon I foi escrita por un só escriba na segunda metade do século X. Comeza cunha entrada sobre o ano 60 a.C. e termina cunha entrada para o ano 977. Un manuscrito que hoxe en día está separado (British Library MS. Cotton Tiberius Aiii, f. 178) era orixinalmente unha introdución a esta crónica; contén unha xenealoxía, como [A], pero esténdea ata o final do século X. Sábese que [B] estivo en Abingdon a mediados do século XI, xa que se utilizou para compoñer [C]. Pouco despois foi a Canterbury, onde se fixeron interpolacións e correccións. Ao igual que [A], remata cunha lista de papas e arcebispos de Canterbury aos que lles concederon o palio.

[C]: A Crónica de Abingdon II inclúe material adicional de anais locais de Abingdon, lugar onde se compuxo. Tamén inclúe unha tradución ao inglés antigo da historia do mundo de Orosio, seguida dun menoloxio e algúns versos sobre as leis do mundo natural e da humanidade. Logo segue unha copia da crónica que comeza o 60 a.C. O primeiro escriba copiou ata a entrada de 490 e un segundo escriba asumiu o traballo ata a entrada de 1048. [B] e [C] son idénticas entre 491 e 652, pero as diferenzas a partir dese punto deixan claro que o segundo escriba tamén usaba outra copia da crónica. Este escriba tamén inseriu, tras o anal de 915, o Rexistro Mercio, que cobre os anos que van de 902 a 924 e se centra en Ethelfleda. O manuscrito continúa ata 1066 e detense na metade da descrición da Batalla de Stamford Bridge. No século XII engadíronse unhas cantas liñas para completar o relato.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ABELS, R. (2005). Alfred the Great: War, Kingship and Culture in Anglo-Saxon England. ISBN 0-582-04047-7. 
  2. 2,0 2,1 2,2 KEYNES, S.; LAPIDGE, M. (2004). Alfred the Great: Asser's Life of King Alfred and other contemporary sources. ISBN 0-14-044409-2. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 SWANTON, M. (1998). The Anglo-Saxon Chronicle. ISBN 0-415-92129-5. 
  4. CAMPBELL, J.; JOHN, E.; WORMALD, P. (1991). The Anglo-Saxons. ISBN 0-14-014395-5. 
  5. HUNTER BLAIR, P. (1966). Roman Britain and Early England: 55 B.C. - A.D.. ISBN 0-393-00361-2. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]