Homo homini lupus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maximilian Pirner pintou Homo homini lupus en 1901. É unha sátira alegórica, que mostra unha figura alada, que representa a imaxinación, sendo crucificado por monos ante unha multitude doutras bestas.

Homo homini lupus é unha locución latina que significa literalmente "O home é un lobo para o home". A frase procede do verso 495 da comedia Asinaria[1], obra do escritor latino Plauto. En realidade é o hemistiquio dun verso: "Lupus est homo homini, non homo, quom qualis sit non novit"[2] (O home é un lobo para o home e non un home, cando non coñece quen é o outro). No contexto orixinal fala da natural desconfianza dos homes ante un descoñecido. Fóra del, a frase porta un claro sentido negativo en relación á natureza da condición humana.

Por outra banda, Séneca, como contrapunto á frase de Plauto, nas Epistulae morales ad Lucilium, e concretamente na Epistula XCV parágrafo 33, deixou escrita a seguinte frase: "Homo, sacra res homini" (O home é algo sagrado para o home)[3].

Co tempo, a expresión foi utilizada por moitos home ilustrados como Erasmo de Roterdam, Rabelais, Montaigne (Ensaios 3, 15), Bacon, Hobbes (Leviatán), Schopenhauer, Freud ou Pío Baroja (El árbol de la ciencia, II, 9) entre outros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Latin Library
  2. "T. MACCI PLAVTI ASINARIA". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 12 de setembro de 2021. 
  3. "Homo, sacra res homini (...)". Lucio Anneo Séneca: Cartas a Lucilio, XCV, 33.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]