Hogzilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hogzilla é o nome que se lle deu a un porco bravo que foi abatido en Alapha, no estado de Xeorxia, nos Estados Unidos, o 17 de xuño do 2004 por Chris Griffin na granxa e reserva de caza de Ken Holyoak.

Presuntamente o animal medía 3,6 m e pesaba uns 450 kg; pero unha vez que os seus restos foron exhumados e estudados por científicos da National Geographic para un documental, no ano 2005, descubriuse que, en realidade, medía entre 2,25 e 2,4 metros e pesaba uns 360 kg, datos que a pesar de ser menores non lle restan importancia ao impresionante animal que non ten comparación con ningún xabarín ou porco doméstico, de tallas moito menores.

Ademais, segundo os datos que revelou o estudo, o porco tiña uns caninos de 46 cm de lonxitude batendo un récord en América do Norte.

Controversia con National Geographic[editar | editar a fonte]

Ken Holyoak, o home en cuxa granxa foi cazada a besta, discutiu coa National Geographic sobre os resultados obtidos para o documental. Holyoak dixo que cando o animal foi cazado pesou 450 kg coa súa balanza e as medidas que tomou eran de 3,6 m mentres colgaba das correas. É posíbel que as medidas as tomase dende o pezuño ou dende o rabo ata o naris, e tendo en conta que estaba suspendido, e a gravidade estábao estirando; seguramente nestas condicións poderíase atopar algunha discrepancia.

Ademais Holyoak tamén defendeu que o animal foi medido cando estaba morto, e polo tanto os seus tecidos estarían putrefactos e encollidos, pero Nancy Donelly, o produtor do documental sobre Hogzilla, sinalou que os científicos xa tiveron en conta o encollemento que sofre un ser vivo trala súa morte.

Efectos de Hogzilla en Alapaha[editar | editar a fonte]

Dende o descubrimento de Hogzilla, a pequena vila de Alapaha, a uns 290 km de Atlanta, Xeorxia, foi obxecto dun crecente interese por parte do resto do país e de tal maneira que Hogzilla pasou a ser comparable a outras lendas naturais dos EUA coma o misterioso Bigfoot.

A vila de Alapaha aceptou encantada este crecente interese e sóuboo aproveitar celebrando un festival no que se realiza un desfile protagonizado pola princesa Hogzilla representada cunha réplica montada sobre unha carroza.

A Hogzilla sáelle un rival[editar | editar a fonte]

O 5 de xaneiro 2007 apareceu un competidor de Hogzilla. Unha canle de novas locais informou de que fora abatido un porco bravo de enormes proporcións en Fayetteville, preto de Atlanta. O cazador, William Corsey, disparoulle ao animal dende unha árbore do seu xardín. Os veciños dixeron que xa fora visto días antes na veciñanza. Corsey levouno a unha estación de peso de camións e remolques e o animal chegou, seica, aos 500 kg. Un portavoz do Departamento de Recursos Naturais de Xeorxia asegurou que estes casos non son anormais, xa que na zona sur deste estado foron moi comúns xabaríns de grandes proporcións pero nunca se rexistrou ningún deles.

Hogzilla: A película[editar | editar a fonte]

Un director de cine independente pretende crear unha película de terror sobre este famoso animal chamada The Legend of Hogzilla. O director xa lle pediu axuda a Chris Griffin, o cazador, para obter toda a información.