Hexacordo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Man güidoniana.

O hexacordo (ἑξάχορδος) é a escala de seis sons, derivada dos tetracordos gregos.

O concepto do hexacordo xorde no século XI coa teoría güidoniana da solmisación, para a que se usaba como exemplo a entonación das sílabas do Himno a San Xoán Bautista, obra de Paulo o Diácono.

O hexacordo ten tres xéneros: o hexacordo natural (ut-re-mi-fa-sol-la); o hexacordo do becuadro ou durum (sol-la-si-ut-re-mi); e o hexacordo do bemol ou molle (fa-sol-la-sib-ut-re), co fin de evitar o intervalo do triton fa-si, disonancia moi temida polos músicos medievais, que a relacionaban co demo. Este sistema practicouse até o século XVIII.[1]

Achegas de Guido D'Arezzo[editar | editar a fonte]

Guido D'Arezzo foi o teórico máis importante do medievo. O seu traballo está expresado en dous tratados: o diálogo Pseudo-Odo e Micrologus. Ambos comezan coa explicación dos harmónicos naturais utilizando o monocordio. Para Guido, isto era o primeiro paso esencial para a pedagoxía musical e para que o cantante puidese asociar con distancias espaciais as divisións interválicas.

Na súa escala, distinguiu o si bemol do natural, e engadiu un sol que nomeou gamma, e non o tomou como unha nota, senón como un "primeiro paso" da tesitura vocal. Chamou ao si bemol b rotondum; e ao si natural, b quadrum (de aí xurdiu o nome de «becuadro»), e sinalou o si natural como b dura (durum), e o si bemol como b suave (molle), e de aí a palabra «bemol».

Guido dividiu a escala en tres tramos sen tomar en conta o "primeiro paso": graves, de la a sol; agudas (acutae), de la a sol; e moi agudas (superacutae), de la a re (logo, a mi). Esta escala empregaríase durante o resto da Idade Media.

A man güidoniana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Man guidoniana.

A man guidoniana representa o sistema de hexacordos e solmisación, unha pedagoxía renovada por Guido.

A man serve para ver a relación interválica de maneira mnemotécnica. Como exemplo, Guido utilizou Ut queant laxis, himno a Xoán o Bautista cuxa letra se compón de 6 pequenas frases que comezan con notas diferentes.

Esta relación é respectada e empeza por sol, do, e fa (usando si bemol). Entón define 3 tipos de hexacordos sol a mi durum con b (si) dura, fa a re Suave con b (si) molle (branda), e do a la sen B (chamouna natural). A isto enumerou cada nota con ut, re, mi, fa, sol, la. Nótese que a nota real non ten nome distintivo máis que letra.

Para cantar melodías que se estendesen máis aló dunha sexta, usaba a mutación de hexacordos (a súa combinación): consistía en cambiar, por exemplo, un sol por un re ou por un ut para moverse entre hexacordos. A mutación estaba prohibida unicamente entre fa e mi, por ser falsa a relación entre si bemol e si natural.

Tíñanse así escalas de 6 notas (do, re, mi, fa, sol, la) segundo estes intervalos: ton, ton, semitón, ton, ton. Cantábanse coa primeira sílaba de cada frase do himno: Ut, re, mi, fa, sol, la. O sistema de hexacordo de Guido foi unha adaptación do antigo sistema de tetracordos, pero engadiuse un ton ao principio e outro ao final, obténdose así unha sexta maior [T,(T,S,T,)T].

Solmisación[editar | editar a fonte]

A solmisación consiste en cantar as notas das escalas musicais por medio de sílabas, que comprende, ademais, o proceso da mutación de acordo coa escala de notas diatónicas de gamut («de gamma ut») cando a melodía traspasa o límite dun só hexacordo. Segundo o teórico Arístides Quintiliano, os tetracordos gregos xa foran designados con letras, pero foi Guido d’Arezzo quen, no século XI, substituíunos polos hexacordos e usou as sílabas latinas ut, re, mi, fa, sol, la, para as súas seis notas, agregándose despois si, para a sétima nota e substituíndose ut por do en Italia e outros países, salvo en Francia, onde se conservou durante moito tempo. As sílabas foron tomadas do himno Ut queant laxis de Xoán o Diácono do ano 770 para a festa de san Xoán Bautista; as liñas do seu canto chan comezaban sobre as notas sucesivas do hexacordo.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pérez Gutiérrez, Mariano (1985). 1985. Diccionario de la música y los músicos. Istmo. pp. p. 160. 
  2. Christensen, Thomas (2001). Cambridge University Press, ed. The Cambridge history of western music theory. Cambridge.