Dick Spanner, P.I.
Dick Spanner, P.I. | |
---|---|
Formato | 4:3 |
Creado por | Terry Adlam |
Desenvolvido por | Virgin Group |
Escrito por | Tony Barwick (como Harry Bolt) |
Dirixido por | Steven Begg Terry Adlam |
Intérpretes | Shane Rimmer |
País de orixe | Reino Unido |
Temporadas | 1 |
Episodios | 22 |
Produción | |
Produtor(es) executivo(s) | Gerry Anderson Christopher Burr |
Cámara | Steven Begg Bob Bell |
Duración | 6 min |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | Channel 4 |
Primeiro episodio | 3 de maio de 1987 |
Derradeiro episodio | 27 de setembro de 1987 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Dick Spanner, P.I. é unha serie cómica de animación británica en stop motion de 1987, parodia os relatos de detectives de novela negra, típicos de autores como Raymond Chandler.[1] O personaxe principal e protagonista da serie é Dick Spanner (con voz de Shane Rimmer), un detective privado robótico que traballa en casos nunha urbe do futuro. O programa emprega decote xogos de palabras e gags visuais.[1]
A serie consta de 25 episodios de seis minutos de duración cada un, que cubrían dúas historias de igual duración: «The Case Of The Human Cannonball» (en galego: O caso do home bala) e «The Case Of The Maltese Parrot» (en galego: O caso do papagaio maltés).[2] A serie emitiuse orixinalmente no Reino Unido como parte do programa Network 7 os domingo pola mañá en Channel 4, repetíndose após no mesmo canal na franxa nocturna.
Producida por Gerry Anderson, a serie foi creada e escrita por Terry Adlam, quen traballara previamente nos efectos especiais de Falcóns do espacio, creada por Anderson.[3] A serie serviu de inspiración para a campaña publicitaria de Gerry Anderson para Tennent Pilsner protagonizada polo personaxe Lou Tennent (con voz de Vivian Stanshall).
Lanzamentos comerciais[editar | editar a fonte]
Cinta VHS[editar | editar a fonte]
A serie foi lanzada en formato VHS pola compañía de vídeo Channel 5 (que lanzou moitas outras series de Gerry Anderson) a finais da década de 1980. Lanzáronse dous casetes, "The Case Of The Human Cannonball" e "The Case Of The Maltese Parrot"; ambos casos viñan nas cintas cos seus episodios unidos para amosar cada historia de forma completa, con pequenos cortes. A principios da década de 1990, ambos casos foron reeditados nun só casete por PolyGram Video. Tódalas cintas que saíron en VHS son na actualidade difíciles de conseguir.
DVD[editar | editar a fonte]
Un DVD da serie foi lanzado o 15 de outubro de 2007,[4] con extras que inclúen unha entrevista con Gerry Anderson.[5] A petición do propio Anderson, os episodios presentaron unha nova música de fondo, acústica en lugar da música de fondo de sintetizador orixinal (que probablemente sexa a máis famosa e recordada da serie). Os efectos de son modificáronse de xeito que moitos gags de son da serie se viron afectados. A calidade das gravacións parece un pouco degradada respecto ás lanzadas en formato VHS. Ademais a imaxe tamén se recortou a formato 16:9, perdéndose parte da visualización no proceso. A versión lanzada en DVD divídese nos episodios orixinais de seis minutos, porén os créditos orixinais do final substituíronse por outros novos para o DVD.
O 4 de setembro de 2017 DVD Network lanzou un novo DVD; este presenta a música orixinal e os episodios no formato orixinal de 4:3, é dicir, sen recortar, coas dúas historias presentadas en episodios a xeito de compilación. Ademais o DVD presentou de xeito adicional a introdución da terceira parte da serie, que resultou inconclusa, e incluíu «The Case of the Screaming Dame» (2017), unha historia en animatic creada por Terry Adlam, protagonizada por Dick Spanner e dividida en dúas partes.[6]
A desaparición da marioneta[editar | editar a fonte]
En outubro de 2007, varios periódicos (incluído The Independent) informaron que Gerry Anderson andaba buscando o monicreque orixinal de Dick Spanner, que fora visto por última vez en posesión dun tal "Clive", un home que traballara na serie.[7] Após sóubose que todo fora un truco publicitario para promover o lanzamento do novo DVD. A iniciativa tomouna un publicista de deuvedés sen o coñecemento de Gerry Anderson.[8]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Worthington, TJ (decembro de 2002). "Comedy on Channel 4 Part Two: From Ruby Wax to Roger Mellie". Off The Telly (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12-10-2007. Consultado o 18-06-2019.
- ↑ "Dick Spanner". páxina web oficial de Gerry Anderson (en inglés). Consultado o 18-06-2019.
- ↑ Terry Adlam. "Film, TV & Video" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02-10-2011. Consultado o 18-06-2019.
- ↑ "Dick Spanner P.I. Set [2007] (Gerry Anderson)". Amazon.co.uk. Consultado o 18-06-2019.
- ↑ "Review of Dick Spanner P.I.". myReviewer.com (en inglés). Consultado o 18-06-2019.
- ↑ "Dick Spanner, P.I.:The Complete Series". Amazon.com. Consultado o 19-06-2019.
- ↑ Owen, Jonathan (21-10-2007). "Help! One of my puppets is missing, says T-bird 1". The Independent (Londres). Consultado o 18-06-2019.
- ↑ Freeman, John (25-10-2007). "Local Papers Victims of Spanner PR Stunt". Downthetubes (en inglés). Consultado o 18-06-2019.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Dick Spanner, P.I. na IMDb (en inglés)
- Dick Spanner, P.I. Arquivado 22 de outubro de 2020 en Wayback Machine. en TV.com (en inglés)
- Dick Spanner, P.I. at SausageNet (en inglés)