Dólar de prata do centenario dos Boy Scouts dos Estados Unidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do centenario dos
Boy Scouts dos Estados Unidos
A/: Tres Boy Scouts en posición de saúdo.

Lendas: CONTINUING THE JOURNEY / 1910 - 2010 / IN GOD WE TRUST / LIBERTY

R/: Logotipo dos Boy Scout dos Estados Unidos. Marca de ceca (P).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / BOY SCOUTS OF AMERICA/ BE PREPARED / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

  • Valor: 1 dólar.
  • Gravador: D. Weaver, C. Vickers (anv.) e J. Licaretz (rev.).
  • Datas de emisión: 2010
  • Ceca: US Mint: Ceca de Filadelfia ("P").
  • Tiraxe: 349.983 exemplares.
  • Aliaxe: 90 % prata e 10 % cobre.
  • Diámetro: 38,1 mm.
  • Peso: 26,73 g.
  • Espesor: 3,1 mm.
  • Canto: estriado.

O dólar de prata do centenario dos Boy Scouts dos Estados Unidos é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2010 e cuñada pola Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 110-363, do 8 de outubro de 2008,[1] pola que se creaba unha moeda conmemorativa do centenario dos Boy Scouts dos Estados Unidos.[2]

Deseño[editar | editar a fonte]

O secretario do Tesouro, Timothy F. Geithner, aprobou os deseños para o dólar conmemorativo do centenario dos Boy Scouts dos Estados Unidos o 16 de setembro de 2009, logo de consultar coa organización Boy Scout dos EEUU, a Comisión de Belas Artes dos EEUU e o Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda.[2][3]

Os responsables do seu anverso foron a deseñadora Donna Weaver e o gravador Charles L. Vickers. Nel represéntase en primeiro plano un "lobeto" —a rama infantil— e detrás del un Boy Scout e unha rapaza do programa Venturing —a rama xuvenil—, todos eles en posición de saúdo.[2][4]

Pola súa banda, a parte central do reverso está ocupada polo logotipo da organización Boy Scouts dos Estados Unidos.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 350.000 exemplares. A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia[2] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 23 de marzo de 2010.[5]

A súa produción foi de 244.963 dólares na súa condición estándar e 105.020 con acabamento especial (proof).[6] A súa comercialización foi un éxito, de maneira que xa na primeira semana se venderan 214.673 moedas e ao pouco tempo acabou esgotándose a tiraxe máxima autorizada.[4]

A moeda comercializouse aos prezos de 35,95 dólares en condición estándar e 43,95 en condición proof,[5][4] e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse á Fundación Nacional de Boy Scouts dos Estados Unidos, para poder financiar os seus consellos locais e estender, deste xeito, o scoutismo nas zonas de difícil acceso.[2][4]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]