Conversa:Xiba

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Parécevos o nome xiba o máis común para este molusco? Eu creo que o nome da páxina debería ser choco ou polo menos a redirección choco debe remitir a esta páxina do molusco. A palabra choco polo visto remite a unha páxina de homónimos, xa que existe tamén o clube de fútbol de Redondela Choco (pero a súa páxina chámase CD Choco). Eu creo que o nome deste molusco é máis importante que ese clube de fútbol (con todos os respectos e sen pretender menospreciar). Os chocos son moluscos moi importantes entre os cefalópodos que viven nos sete mares; son moluscos da Champions League dos moluscos. Un exemplo, celta é o nome da páxina que fala dos pobos celtas, linguas celtas, etc. (con toda lóxica), mentres que existe tamén a páxina Celta de Vigo para o clube de fútbol (máis importante que o CD Choco e chamado abreviadamente Celta, do cal eu fun socio, pero non por iso o nome da súa páxina vai ser celta). Nese caso fíxose a páxina Celta (homónimos) penso que con bo criterio. Non podería haber unha páxina Choco (homónimos)? Hai veces que un dos termos ten un significado máis xeral e importante e outras homónimas teñen un significado máis restrinxido. Por exemplo, o ADN é unha das moléculas bioquímicas máis importantes e coñecida por todo o mundo, pero tamén existe o periódico que se reparte gratis nos semáforos e sitios similares ADN (agora creo que xa nin sequera existe; deixouse de facer), e non creo que fose unha boa idea poñer as dúas ao mesmo nivel e facer unha páxina de homónimos chamada ADN en vez de ADN (homónimos). Hai veces que non está tan claro que termo é o máis importante, pero outras veces si. Eu creo que en choco si, e mesmo creo que os de Redondela estarían de acordo, quizais eles os primeiros, xa que non creo que lles gustase dicir festa da xiba ou vila das xibas (e o clube de fútbol leva ese nome polo animal e non ao revés).--Miguelferig (conversa) 21 de xaneiro de 2014 ás 19:09 (UTC)[responder]

  • Non entro en matices futbolísticos pero a distribución xeográfica de xiba gana por goleada á de choco. Consulta o libro de Ríos Panisse que recolle os nomes dos peixes, crustáceos e moluscos en toda a costa galega. O bicho recibe o nome de xiba en 25 portos distribuídos desde O Grove a Ribadeo, con variantes minoritarias como xibia, xibón ou xubión; e o nome de choco, única forma desde O Grove ata a Guarda, pero que convive co de xiba en lugares tan dispares coma Cambados, Ribeira, Viveiro ou Rinlo; así como chopo, que se concentra na costa coruñesa entre Malpica e a costa norte da ría de Arousa. Mandareite o plano da distribución ó teu correo. Saúdos, Pedro --Lameiro (conversa) 27 de xaneiro de 2014 ás 21:47 (UTC)[responder]
    • Acabo de darme conta que no correo da galipedia tampouco se poden adxuntar imaxes. Síntoo. Pedro --Lameiro (conversa) 27 de xaneiro de 2014 ás 21:49 (UTC)[responder]
      • Pero quizais sexa interesante facer este plano para o artigo. Aínda que eu non sabería facelo podo dar os datos a quen os queira. Pedro --Lameiro (conversa) 27 de xaneiro de 2014 ás 21:51 (UTC)[responder]
        • Descoñecía esa distribución, quizais porque eu son do sur onde choco é maioritario. Polo que dis, parece que choco é o maiorítario de A Guarda a O Grove, e desde aí ata Malpica predomina chopo, e de Malpica cara ao norte predomina xiba, aínda que conviven varios termos nalgúns puntos. Non sei se choco e chopo se poden considerar variantes e, por tanto, habería que agrupalos igual que se agrupa xiba, xibón, xubión. Creo que si sería interesante incluír o mapa de distribución de nomes no artigo; eu non sei se sabería facelo, pero se teño os datos igual si. De todos modos, sigo pensando que choco, como redirección, debería remitir a xiba (independentemente do nome que teña a páxina). --Miguelferig (conversa) 28 de xaneiro de 2014 ás 11:23 (UTC)[responder]

Fixen o mapa cos datos que me mandaches por correo. Mira a ver se serve ou hai que modificalo. É este:

--Miguelferig (conversa) 1 de febreiro de 2014 ás 20:34 (UTC)[responder]

  • Paréceme espléndido e utilísimo para o artigo. Visto o resultado, estou tentado de mandarche os datos sobre a distribución de xouba e parrocha, meiga e rapante, coruxo e sollo, que ofrecen tamén unha distribución xeográfica digna de ver. Grazas e parabéns. Pedro --Lameiro (conversa) 2 de febreiro de 2014 ás 00:33 (UTC)[responder]
    • Ben, se non require modificacións, entón igual habería que incluílo no artigo. Xa o vou colocar eu agora; mira a ver como queda. Como a imaxe xa está vista, vouna poñer máis pequena na páxina de conversa, porque xeralmente non se poñen imaxes na páxina de conversa e moito menos tan grandes. En canto aos nomes dos outros peixes, se me mandas os mapas de datos podo ir facéndoos tamén conforme vaia tendo tempo.--Miguelferig (conversa) 2 de febreiro de 2014 ás 12:22 (UTC)[responder]