Xiba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xiba
Washington DC Zoo - Sepia officinalis 2.jpg

A xiba, choco ou sepia (Sepia officinalis, Linnaeus 1758; antes Sepia zebrina, Risso 1854) é un molusco cefalópodo mariño da familia Sepiidae, da orde Sepiida. É a especie máis coñecida do xénero.

Índice

Morfoloxía[editar]

Ten un corpo ancho, oval, aplanado, de ata 30-40 cm de lonxitude. Presenta dúas expansións laterais a modo de aletas que percorren todo o corpo. O bordo anterior do manto presenta na zona dorsal un lóbulo triangular, obtuso, que avanza entre os ollos. O sifón é ventral e pequeno.

A cuncha é interna, de forma ovoide, laminada e con estrías.

Teñen oito brazos e dous tentáculos. Os primeiros son curtos, retráctiles e con catro filas de ventosas; os segundos son tres veces máis longos e só presentan algunhas ventosas, ensanchadas, no extremo final ou maza; só se utilizan para a reprodución ou para agarrar as presas.

A cor é moi variable, en función das circunstancias biolóxicas e o sustrato no que se pousan. Adoitan ser de cor moura ou gris apardazada, con puntos de distinto tamaño ou bandas de cor. A zona ventral é abrancazada.

Hábitat e bioloxía[editar]

Distribúense amplamente no Atlántico e no Mediterráneo.

Viven na franxa sublitoral, ata os 250 metros de profundidade, sobre area ou sedimentos onde se poden enterrar parcialmente.

Aliméntase de crustáceos e peixes. A posta faina sobre algas, corais ou cunchas abandonadas [1] e hai veces que inxecta tinta nos ovos para escurecelos e facilitar a camuflaxe e o ocultamento fronte ós depredadores.

Interese pesqueiro e comercial[editar]

En Galicia é unha especie de gran interese comercial. Péscase con diversas artes e en tódalas épocas do ano aínda que a súa mellor época vai de decembro a febreiro.

Cocíñase de diferentes formas (cocido, á prancha, na súa tinta, á romana).

Á xiba pequena chámana chopo e choquiño.

A cuncha de xiba recibe os nomes populares, entre outros, de pan de gaivota e pan senso.

En Redondela celébrase unha afamada Festa do choco. Di Eladio Rodríguez que os chocos "Abundan ... muy especialmente en Redondela, que vulgarmente se llama en todo su contorno a 'vila dos chocos'".

Notas[editar]

  1. Nos acuarios poden facelo sobre ramas de árbores que lles botan na piscina.

Véxase tamén[editar]

Bibliografía[editar]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas[editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe a especie: Xiba