Cirque du Soleil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Espectáculo do Cirque du Soleil.

O Cirque du Soleil (en galego Circo do Sol) é unha empresa canadense de entretemento, que se describe a si mesma coma unha montaxe dramática de artes circenses e esparcemento rueiro. A súa sede está no Quebec, na área de Saint-Michel.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi creada polos ex-artistas de rúa Guy Laliberté e Daniel Gauthier en Baie-Saint-Paul, en 1984. A orixe do seu nome remóntase a un día no que Laliberté admiraba unha posta de sol durante unha viaxe a Hawai; pouco despois optou por empregar o termo Soleil, símbolo de xuventude, dinamismo e enerxía. En 1980 Gilles Ste-Croix fundou unha compañía denominada Les Échassiers de Baie-Saint-Paul (trad. lit: os pernilongos de Baie-Saint-Paul), formada por bailaríns, tragalumes e outras personaxes típicas dun circo que percorrían as rúas de Baie-Saint-Paul, unha vila preto do Quebec, para dar espectáculo aos seus habitantes. Ao pouco tempo, o grupo cambiou o seu nome por Le Club des talons hauts (trad. lit: O club dos tacóns altos) e, tras dous anos de experiencia polas rúas, en 1982, organizaron un festival cultural denominado La Fête foraine de Baie-Saint-Paul, á que acudiron artistas de rúa doutras rexións do Canadá para percorrer as rúas de Baie-Saint-Paul; isto marcou o precedente para que Laliberté e Ste-Croix decidiran fundar un circo no Canadá. O termo Cirque du Soleil empregouse por primeira vez para nomear o espectáculo que montarían Laliberté e Ste-Croix para conmemorar o 450 aniversario do descubrimento do que hoxe é o Canadá por Jacques Cartier, percorrendo toda a cidade en 1984. A presentación Le Grand Tour du Cirque du Soleil foi un éxito, e eventualmente Laliberté contratou ao artista Guy Caron, da Escola Nacional Circense do Canadá, para adaptar o espectáculo de circo cun novo enfoque teatral baseado nas personaxes e onde non se empregaran animais no espectáculo, factores que consolidaron a Cirque du Soleil como o circo contemporáneo (nouveau cirque) que se coñece dende entón.