Cheikh Hadjibou Soumaré

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cheikh Hadjibou Soumaré, nado en Dakar en 1951, é un político senegalés que foi Primeiro Ministro do Senegal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cheikh Hadjibou Soumaré é diplomado en Economía (1979) e en Administración e Maxistratura, se ben comezou a súa carreira profesional como recadador de impostos na rexión de Kaolack. Está casado e ten dous fillos.

Política[editar | editar a fonte]

Nomeado ministro da área de economía co primeiro goberno Abdoulaye Wade, encargouse das políticas orzamentarias e de vivenda dende 2001 e o 17 de xuño de 2007 foi nomeado primeiro ministro logo da dimisión de Macky Sall, que ocupaba o posto dende 2004, e despois dunhas eleccións lexislativas boicoteadas polos principais partidos da oposición. De feito, o executivo de Soumaré goza dun respaldo case total no parlamento, con 131 de 150 deputados. O seu nomeamento como primeiro ministro foi sorprendente, posto que non contaba nas quinielas. É considerado un tecnócrata sen cobizas políticas, e nin sequera é membro do partido gobernante, o Partido Democrático Senegalés.

O goberno de Soumaré, que ten 36 ministros, foi designado o 19 de xuño. Está composto fundamentalmente por tecnócratas, dos que se manteñen con respecto ao executivo anterior os postos de Exteriores, Economía, Xustiza, Interior e Minas. Tamén se produciu un forte aumento das mulleres ministras, que pasan de 5 a 11, o 30% do gabinete. Ningún dos ministros procede dos partidos da oposición.


Predecesor:
Macky Sall
Flag of Senegal.svg Primeiro Ministro do Senegal
2007 - 2009
Sucesor:
Souleymane Ndéné Ndiaye