Bernardo Provenzano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bernardo Provenzano, coñecido como Zio Binu (Tío Bernardo) ou U tratturi (O tractor, debido á súa forza e determinación para disparar e matar), nacido en 1933 en Corleone, foi o Capo di tutti i capi (máximo dirixente) da Cosa Nostra siciliana.

Biografía[editar | editar a fonte]

A súa carreira mafiosa e escalada criminal comezou na década de 1950, cando xunto a Salvatore "Totó" Riina e Calogero Bagarella, converteuse no lugartenente do gran xefe da mafia corleonese Luciano Liggio. O seu primeiro traballo foi liquidar a Francesco Streva, do clan contrario de Michelle Navarra. O mafioso escapou nun primeiro momento, pero días despois foi asasinado. Provenzano, buscado pola policía, pasou a paradoiro descoñecido, no que chegaría a estar durante corenta e tres anos. Era o 18 de setembro de 1963.

Co paso dos anos e tras deixar un regato de sangue na guerra entre clans mafiosos da década de 1980, Riina e Provenzano fixéronse co control de Cosa Nostra, logo de vencer á poderosa mafia da capital de Palermo. Bagarella, entre tanto, foi asasinado. O clan dos Corleoneses dominou Sicilia e Riina erixiuse no máximo representante, mentres que Provenzano pasou a un suposto segundo plano.

A xustiza seguiulles os pasos e o nome dos dous aparece en decenas de procesos, mentres comezou a tecerse a súa fama de invisible. Segundo os coñecedores das reviravoltas da Cosa Nostra, Provenzano foi o que manexou a organización durante medio século. Cando Totó Riina foi detido o 15 de xaneiro de 1993, Provenzano asumiu o control total da organización. Destacados "arrepentidos mafiosos" (colaboradores da xustiza), como Totó Cancemi e Gioacchino Pennino aseguraron que Provenzano sempre mantivo o "control político" dentro da Cosa Nostra, mentres que Riina foi en realidade "o xefe militar".

A Provenzano relaciónaselle con 127 asasinatos mafiosos levados a cabo nos setenta e os primeiros anos dos noventa, delitos polos que está condenado en rebeldía a cadea perpetua. Provenzano estivo en paradoiro descoñecido durante 43 anos. Apoiado na "omertá" (pacto de silencio) que rexe na mafia e talvez axudado por personalidades importantes da vida siciliana, Provenzano pasou todo ese tempo na illa. Chegouse a asegurar que morrera. Ninguén o recoñecía e a súa voz nunca foi interceptada ou recoñecida por teléfono.

A única foto que se coñecía de Provenzano era de 1958, o que lle permitiu ata burlar unha vez máis ás autoridades italianas en 2005, cando viaxou a Francia para operarse de próstata nun hospital de Marsella, no que se aloxou baixo a identidade dun xubilado siciliano. O mafioso, polo que se ofrecía unha recompensa de 2,5 millóns de euros, chegou a presentar un formulario da sanidade siciliana para poder ser intervido no estranxeiro sen necesidade de pagar, e pasou á Rexión de Sicilia a factura da operación e dos sete días que estivo ingresado.

Bernardo Provenzano foi detido o 11 de abril de 2006 no seu pobo natal de Corleone.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Capo di tutti i capi

Segue a:
Salvatore "Totò" Riina
Bernardo Provenzano
(1993-)

Precede a:
Mafia siciliana

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]