Barca funeraria de Queops

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe da barca funeraria de Queops (vista da proa).
Popa da barca.

A barca funeraria de Queops (ou barca solar) é un navío de 43,4 m de eslora do Antigo Exipto que foi soterrado nun foso aos pés da Gran Pirámide de Gizeh, ao redor de 2500 a. e. c. Posibelmente foi construída para Queops, o segundo faraón da cuarta dinastía do Imperio Antigo de Exipto. Foi descuberta en 1954 por Kamal el-Mallakh.[1][2][3]

Historia e características[editar | editar a fonte]

A barca funeraria de Queops foi descuberta en 1954 por Kamal el-Mallakh.[4] Namentres se retiraban unha serie de restos da face sur da pirámide atopáronse un par de lousas de pedra que parecían esconder unha trincheira. Aínda que o goberno exipcio non amosou grande interese pola escavación, a insistencia de Kamal el-Mallakh fixo posíbel que se descubrise a barca funeraria de Queops.[5] Construída con madeira de cedro, foi atopada provista de todos os seus aparellos, remos, cordas e cabina; estaba desmontada en 1224 pezas.[4] Despois de anos de traballo conseguiuse ensamblar todas as pezas.[5] A barca, que sería capaz de transportar 45 toneladas,[5] mide 43,4 m de eslora, 5,6 m de manga e ten 1,5 m de calado.[6] As táboas de madeira do casco da barca solar están unidas por cordas, e non cravadas. Durante a súa restauración, a cal tardou máis de dez anos,[6][3] tivéronse que empregar novas cordas, pero o 95 % das táboas de madeira son as orixinais.[1] Restaurada, expúxose dende 1982 no museo situado sobre o mesmo lugar onde foi atopada, no lado sur da Gran Pirámide de Gizeh. Porén, en agosto de 2021 foi trasladada ao Gran Museo Exipcio, onde comparte espazo cunha segunda barca de Queops que permaneceu soterrada até 2012.[7]

Foron descubertas cinco fosas de barcas funerarias xunto á Gran Pirámide, e outras cinco máis nas proximidades da de Quefrén.[3]

Función[editar | editar a fonte]

Ra, na súa barca solar.

A historia e a función da barca non se coñecen con precisión. As barcas solares eran navíos rituais que simbolizaban o ciclo da vida e a morte mediante o ciclo solar, Ra, a través do ceo.[8] Porén, esta barca contén signos que indican ter sido usada na auga, e é posíbel que a barca funeraria levase o corpo embalsamado do faraón dende Menfis a Gizeh a través do Nilo, ou que Queops a usase como un "barco de peregrinación" para visitar lugares sacros e fora soterrado para usalo na vida despois da morte.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Ancient Ships: The Ships of Antiquity - The Solar Barque of Khufu 4th Dynasty 2550-2528 BCE". www.artsales.com. 
  2. "La barque funéraire de Khéops". Atlantides.free.fr. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "La barca solar, viaje al más allá". Sobreegipto.com. 
  4. 4,0 4,1 Khufu’s Solar Boat. www.egyptkeytours.com.
  5. 5,0 5,1 5,2 Parra Ortiz, José Miguel (2008). "La morada eterna de Keops, la Gran Pirámide". Historia National Geographic (55). 1696-7755D, 40. 
  6. 6,0 6,1 "La barca solar de Keops". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2008. 
  7. El último viaje de la barca solar del faraón Keops. El Independiente, 10/08/2021.
  8. "La barca solar de Egipto". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2008.