Balneario de Caldeliñas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Balneario de Caldeliñas
Balneario de Caldeliñas en 2019
Coordenadas41°57′36″N 7°25′45″O / 41.959977777778, -7.4292916666667Coordenadas: 41°57′36″N 7°25′45″O / 41.959977777778, -7.4292916666667
editar datos en Wikidata ]

O balneario de Caldeliñas é un balneario de augas termais situado en Caldeliñas (Vilamaior do Val), a 4 km da vila de Verín. É un dos numerosos balnearios dos que consta a comarca. Foi o pioneiro do termalismo e do emprego mineromedicinal das súas augas na vila. O seu nome provén do latín “Aquae calidae”, debido á alta temperatura coa que brotan as súas augas mornas. O balneario estivo activo dende mediados do século XVI ata o século XX. Hoxe en día, atópase en ruínas, aínda que amosa un aspecto coidado[1][2].

Historia e características[editar | editar a fonte]

A primeira alusión ao Balneario de Caldeliñas foi atopada no Arquivo Xeral de Simancas, da segunda metade do século XVI, no cal se remunera ao cabido de Ourense con 737 marabedíes polos arrendamentos dese lugar. Con todo, este balneario tivo o seu primeiro apoxeo grazas ao seu principal impulsor francés Fernando Debas, que foi fotógrafo oficial da corte española a finais do século XIX durante o reinado de Afonso XII[3][4].

Fernando Debas, en 1887, ademais de mercar o balneario de Caldeliñas, tamén mercou o Balneario de Sousas, situado na mesma comarca, ao realizar fortes inversións en ambos os dous. Así mesmo, empregou o seu influxo e propulsou ditos balnearios a través dos xornais madrileños[3][4].

As bañeiras para o baño individual en ruínas, en 2019

O balneario conta con dous edificios: o primeiro deles, máis preto da estrada, foi construído sobre o mesmo manancial, no que se atopan tres grandes piscinas onde tiñan lugar os baños colectivos para ambos sexos. Ao carón das piscinas, os bañistas podíanse cambiar nos vestiarios existentes. Neste edificio, tamén se acha o depósito da auga que comunicaba as augas co outro edificio. No outro edificio, a uns 50 metros, estaban os baños individuais divididos en dúas ás, unha para cada sexo, cos seus respectivos vestiarios. Ademais, no centro había un amplo xardín[1][5].

Propiedades das augas[editar | editar a fonte]

As augas termais son empregadas dende a chegada dos romanos, co fin de tratar as diferentes doenzas[5].

As augas do Balneario de Caldeliñas teñen unha temperatura de 24,5 °C, o que significa que proveñen de puntos moi profundos e que estiveron un longo período con rochas do subsolo onde se mineralizaron[5].

Ademais, son de mineralización media, bicarbonatadas, sódicas, fluoradas e litínicas, por iso, debido á súa peculiar composición química, eran empregadas en diferentes tratamentos para atender ás enfermidades do aparello dixestivo, do fígado e das vías urinarias, principalmente[4]. Non obstante, a utilización destas augas para curar doenzas, dependía das enfermidades que se quixeran tratar, das condicións destas e dos pacientes[5].

O xeneral portugués Silveira, primeiro conde de Amarante, gravemente enfermo do mal de pedra, estivo no balneario en 1810 e recuperouse completamente grazas ás augas deste manancial[5].

Século XXI[editar | editar a fonte]

Na actualidade, as augas do balneario foron analizadas pola Universidade de Vigo, que corroborou que aínda mantiñan as propiedades mineromedicinais recomendadas especialmente para os tratamentos de dermatoloxía. Polo que o concello de Verín, despois de 70 anos, levou a cabo o establecemento dun surtidor dispoñible para todas aquelas persoas que o desexen. Ademais, a pesar de que está en ruínas, aínda se poden observar os seus restos en moi bo estado de conservación[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Balnearios de Verín". www.euroregiontermal.eu. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2018. Consultado o 2019-05-10. 
  2. Vella, Xoan Arco da. "RUINAS BALNEARIO DE CALDELIÑAS - VERÍN - OURENSE" (en castelán). Consultado o 2019-05-10. 
  3. 3,0 3,1 "Caldeliñas y el origen del termalismo en Verín. Influencias del modelo francés y la Casa Real Española." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de maio de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Concello de Verín (2017). Balneario de Caldeliñas, un milagre na pel. Deimpresión.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Courel, Luciano (186?). Aguas minerales de Verín (provincia de Ourense): aguas alcalinas, bicarbonatadas, sódicas, ferruginosas y litínicas: manantiales Sousas y Caldeliñas. Imprenta y Fundición de los Hijos de J.A. García, Campomanes, G. 
  6. "Tras 70 años cerrado, Caldeliñas abre un surtidor de forma permanente al público". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2019-05-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Congil, L. (2017). Caldeliñas y el origen del termalismo en Verín: influencias del modelo francés y la Casa Real Española. Universidade de Vigo: Campus da auga, Ourense.
  • Conxunto de conferencias (20-21 de setembro do 2017). Libro de Actas II Symposium Internacional de Termalismo y Calidad de Vida. Universidade de Vigo, Campus da Auga, Ourense.
  • Courel, L. (186?). Aguas minerales de Verín (provincia de Orense): aguas alcalinas, bicarbonatadas, sódicas, ferruginosas y litínicas: manantiales Sousas y Caldeliñas. Imprenta y Fundición de los Hijos de J.A., García, Campomanes, G.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]