Baba Marta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A festa de Baba Marta está ligada ao intercambio de martenitsi

Baba Marta (en búlgaro Баба Марта, literalmente, "Avoa marzal") é o nome dunha figura mítica que representa a fin do frío inverno e o comezo da primavera. A súa festa celébrase en Bulgaria o 1 de marzo co intercambio e uso de martenitsi. O folclore relacionado con Baba Marta tamén está presente no sur e leste de Serbia, e en Romanía hai unha tradición semellante, ligada ao regalo de mărțișori.

Día de Baba Marta[editar | editar a fonte]

Os búlgaros celebran no 1 de marzo unha tradición secular trocando martenitsi no que se coñece como o día de Baba Marta; a tradición é darlles os amigos fíos entretecidos de cor vermella e branca para que teñan saúde e felicidade durante o ano e para lembrarlles que se achega a primavera. Baba Marta represéntase como unha vella laida, que sempre se amosa insatisfeita cos seus dous irmáns, pero que segundo unha das tradicións o 1 de marzo está contenta e ri ao facer a limpeza preparatoria da primavera, e entón sae o sol.