Mărțișor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Debuxo dun mărțișor
Un mărțișor de ouro

O mărțișor é un pequeno obxecto ornamental unido a un cordón entrezado branco e vermello que forma parte das tradicións de Romanía e segundo a cal en marzo os homes regalan mărțișori ás mulleres e ás nenas e elas lévanas durante todo o mes, como un sinal da chegada da primavera[1]. É semellante a outras tradicións de pobos veciños, como a martenitsa en Bulgaria.

Mitos sobre a orixe do mărțișor[editar | editar a fonte]

O mozo que liberou o Sol[editar | editar a fonte]

Un dos mitos sobre as orixes da tradición narra que o Sol baixou á Terra camuflado na imaxe dunha fermosa doncela, que un zmeu secuestrou e meteu na cadea nun palacio, e os paxaros detiveron o seu canto, os nenos perderon a ledicia e as ganas de xogar; e todo o mundo quedou sumido na desesperación. Ao saber o que pasaba, un mozo afouto decidiu dirixirse cara ao palacio do zmeu coa vontade de liberar a doncela. Despois dunha procura infrutuosa, o rapaz atopou pro fin o palacio onde estaba prisioneira e desafiou ao zmeu a unha loita de igual a igual. Tras conseguir vencelo liberou a moza, e o Sol elevouse volvendo ao ceo, iluminando de novo toda a Terra; chegando a primavera, e volvendo a dita ao mundo. Pero o valoroso mozo ferido de morte na batalla, agonizaba e o seu sangue esparexíase pola terra entrando en contacto coa neve e alá onde o sangue a neve se fundían nacían unhas flores con forma de campaíña que anunciaban a primavera. E desde os campos de labor a xente honrou a memoria do mozo ligando nun mesmo fío dúas flores, unha branca e unha vermella, esta simbolizando o amor pola beleza e recordando o sacrificio do heroe, e a branca, polas flores con forma de campaíña, a primeira flor da primavera.

A loita da primavera co inverno[editar | editar a fonte]

Selo de Moldavia coa lenda da loita entre a primavera e o inverno

Outro mito, con orixe en Moldavia, refire como o primeiro día do mes de marzo a fermosa Primavera chega á beira dun bosque e observa como, nun claro, hai un arbusto cheo de espiñas e baixo a neve, nacen unhas flores con forma de campaíña. A Primavera decide axudar a que medren, e para o facer intenta arredar a neve e as espiñas. Mais o Inverno, enfurecido, convoca ao vento e á lazada, ordenándolles destruír esas flores. As flores quedan, pois, totalmente conxeladas. A primavera intente protexelas coas mans, feríndose cunha espiña, da ferida abrolla unha pinga de sangue, que caendo sobre as flores, devólvelles a vida, e así a Primavera venceu ao Inverno, e por iso as cores do mărțișor representan o vermello do sangue e o branco da neve.

Vendedores de mărțișori en Chisinau

Historia[editar | editar a fonte]

Descoñécese a orixe exacta da celebración do mărțișor pero a súa presenza en Romanía e a existencia dunha tradición semellante en Bulgaria, indicarían un substrato común daco-tracio, anterior á romanización no primeiro caso e á eslavización no segundo, aínda que neste último caso as historias populares falan dunha orixe relacionado cos primeiros asentamentos búlgaros no Danubio o ano 681. Considerouse tamén que o mărțișor podería estar relacionado coa celebración do aninovo no Imperio Romano no primeiro día da primavera, durante o mes dedicado a Marte, deus da guerra, a fertilidade e a vexetación.

Durante as investigacións arqueolóxicas efectuadas en Schela Cladovei (Romanía) apareceron uns amuletos, de 8000 anos de antigüídade, moi semellantes aos mărțișori, formados por pedras pintadas de branco e vermello e que se levaban no pescozo.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Actualmente o mărțișor adoita levarse durante todo o mes de marzo, e a principios de abril na maioría de aldeas e vilas de Romanía e Moldavia pendúranse os mărțișori nas árbores, xa que segundo a tradición popular de se pedir un desexo no momento de colgalo cúmprese de inmediato. En Moldavia celébrase con motivo desta tradición un fetival de música que duran do 1 ao 10 de marzo. Nalgunhas zonas de Romanía o mărțișor só se leva durante as dúas primeiras semanas de marzo, mentres que nas zonas rurais de Transilvania pendúrase de portas, fiestras e os cornos dos animais domésticos para escorrentar os malos espíritos. No condado de Bihor existe a tradición de se lavar coa auga de chuvia caída o 1 de marzo, na crenza que realzará a beldade e mellorará a saúde.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. DEX online, mărțișor