Azagaia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Azagaia de base fendida do Magdaleniano

Unha azagaia é unha arma arreboladiza primitiva e lixeira que se lanza coa man (como unha xavelina) ou coa axuda dun propulsor, e que xeralmente ten a punta de hasta de cérvido, un hastil de madeira e, ás veces, tamén unhas plumas na parte final para estabilizar o voo, como se fai coas frechas.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Azagaias profusamente decoradas do Magdaleniano

A punta da azagaia é, xeralmente, o único resto que atopan os arqueólogos nas escavacións, pois o hastil de madeira podrece co paso do tempo. Por esta razón, a palabra azagaia é empregada, en arqueoloxía, para referirse indistintamente ás lanzas completas ou ás puntas de corno deste tipo de armas de caza.

As azagaias son particularmente características do Paleolítico superior europeo e, dado que foron evolucionando co tempo, é posible asignar un ou varios modelos característicos para cada unha das culturas desta fase da Prehistoria:

  • Auriñaciense: azagaias de base fendida e azagaias losánxicas
  • Gravetiense: azagaias de base biselada e azagaias fusiformes
  • Solutreano: azagaias coa zona central aplanada (tamén as hai biseladas e fusiformes)
  • Magdaleniano: xunto ás anteriores, aparecen as azagaias de rañuras (probablemente para incrustar micrólitos), azagaias de base bifurcada e azagaias profusamente decoradas.