Ácido eicosatetraenoico
Ácido eicosatetraenoico (ETA) é o nome co que se designa calquera cadea de ácido graxo 20:4 (de 20 carbonos e 4 dobres enlaces). O ácido eicosatetraenoico pertence á familia dos eicosanoides, moléculas sintetizadas a partir de ácidos graxos poliinsaturados oxidados para que actúen como mediadores da comunicación célula-célula. Os eicosanoides funcionan en tándem, contribuíndo á complexa sinalización lipídica en gran medida responsable de inducir unha resposta inmune inflamatoria.[1][2] Estes efectos obsérvanse e están asociados a pacientes con cancros e varios trastornos neurolóxicos e metabólicos.[3]
Dous isómeros, ambos os dous ácidos graxos esenciais, son de especial interese:
- Ácido todo-cis-5,8,11,14-eicosatetraenoico (chamado comunmente ácido araquidónico) é un ácido graxo ω−6. Fórmase pola desaturación do ácido dihomo-gamma-linolénico (DGLA, 20:3 ω−6).
- Ácido todo-cis-8,11,14,17-eicosatetraenoico. É un ácido graxo ω−3. É un intermediario entre o ácido estearidónico (18:4 ω−3) e o ácido eicosapentaenoico (EPA, 20:5 ω−3)
Algunhas fontes químicas definen "ácido araquidónico" como calquera dos ácidos eicosatetraenoicos. Porén, case todas as publicacións de bioloxía, medicina e nutrición limitan o uso do termo "ácido araquidónico" ao ácido todo-cis-5,8,11,14-eicosatetraenoico (ω−6).
Estudos relacionados[editar | editar a fonte]
O ETA encóntrase no mexillón Perna canaliculus e parece actuar como inhibidor dual da oxixenación do ácido araquidónico tanto pola vía da ciclooxixenase (COX) coma pola da lipoxixenase.[4]
Os mutantes de Mortierella alpina 1S-4 son fungos empregados para producir ácido araquidónico. Estes mutantes producen grandes cantidades de ETA debido á expresión dun xene de ω-3-desaturase, tipicamente responsable da produción significativa dos ácidos graxos poliinsaturados máis abundantes.[5]
Ademais da súa natureza inflamatoria, os eicosanoides como o ETA poden tamén contribuír a unha resposta anti-inflamatoria.[5]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Dennis EA, Norris PC (agosto de 2015). "Eicosanoid storm in infection and inflammation". Nature Reviews. Immunology 15 (8): 511–23. PMC 4606863. PMID 26139350. doi:10.1038/nri3859.
- ↑ Lone AM, Taskén K (2013). "Proinflammatory and immunoregulatory roles of eicosanoids in T cells". Frontiers in Immunology (en English) 4: 130. PMC 3671288. PMID 23760108. doi:10.3389/fimmu.2013.00130.
- ↑ Deng, Hui; Li, Weimin (2020-4). "Monoacylglycerol lipase inhibitors: modulators for lipid metabolism in cancer malignancy, neurological and metabolic disorders". Acta Pharmaceutica Sinica. B 10 (4): 582–602. ISSN 2211-3835. PMC 7161712. PMID 32322464. doi:10.1016/j.apsb.2019.10.006.
- ↑ Bierer TL, Bui LM (xuño de 2002). "Improvement of arthritic signs in dogs fed green-lipped mussel (Perna canaliculus)". The Journal of Nutrition 132 (6 Suppl 2): 1634S–6S. PMID 12042477. doi:10.1093/jn/132.6.1634S.
- ↑ 5,0 5,1 Okuda T, Ando A, Negoro H, Kikukawa H, Sakamoto T, Sakuradani E, Shimizu S, Ogawa J (setembro de 2015). "Omega-3 eicosatetraenoic acid production by molecular breeding of the mutant strain S14 derived from Mortierella alpina 1S-4". Journal of Bioscience and Bioengineering 120 (3): 299–304. PMID 25845716. doi:10.1016/j.jbiosc.2015.01.014.