Eicosanoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rutas da biosíntese dos eicosanoides a partir do ácido araquidónico: tres delas son vías paralelas que parten do ácido eicosapentaenoico e do ácido ácido dihomo-gamma-linolénico.

En bioquímica os eicosanoides (o termo máis usado[1]) ou icosanoides[2] (a IUPAC prefire este último actualmente[3]) son lípidos con función sinalizadora ou mediadora orixinados pola oxidación de ácidos graxos esenciais de 20 carbonos do tipo omega-3 e omega-6. Funcionan en vertebrados e invertebrados exercendo un complexo control sobre diversos sistemas corporais, principalmente na inflamación ou inmunidade, e como mensaxeiros no sistema nervioso central. As redes de control que dependen dos eicosanoides están entre as máis complexas do corpo humano.

Os eicosanoides ω-6 son xeralmente proinflamatorios; e os ω-3 teñen unha actividade proinflamatoria moito menor. As cantidades e o equilibrio entre estes lípidos na dieta dunha persoa afectan ás funcións que os eicosanoides controlan no corpo, con efectos sobre as enfermidades cardiovasculares, os triglicéridos, presión sanguínea e artrite. Fármacos antiinflamatorios como a aspirina e outros antiinflamatorios non esteroideos (AINEs) actúan reducindo a síntese de eicosanoides.

Existen catro grandes familias de eicosanoides: prostaglandinas, prostaciclinas, tromboxanos e leucotrienos. Os tres primeiros pertencen ao grupo dos prostanoides. Para cada unha das catro familias hai dúas ou tres series separadas, que derivan dun ácido graxo esencial ω-3 ou ω-6. As diferentes actividades destas series explican en grande medida os efectos sobre a saúde das graxas ω-3 e ω-6.[4][5][6][7]

Nomenclatura[editar | editar a fonte]

"Eicosanoide" (do grego eicosa-, que significa "vinte") é o termo colectivo utilizado para designar a todos [8] os derivados osixenados de tres diferentes ácidos graxos esenciais de 20 carbonos (para unha discusión sobre o significado de "ácido graxo esencial" véxase dita páxina). Eses tres ácidos graxos son:

O uso actual máis común limita o termo eicosanoides aos leucotrienos (LT) e os tres tipos de prostanoides (prostaglandinas ou PG, prostaciclinas ou PGI, e tromboxanos ou TX). Estes son os denominados "eicosanoides clásicos" [9][10][11] e esta é a definición de eicosanoide que se utilizará neste artigo. Porén, existen outras varias clases de compostos que tecnicamente poden tamén denominarse eicosanoides, e que se denominan "eicosanoides non clásicos", entre os cales están: hepoxilinas, resolvinas, isofuranos, isoprostanos, lipoxinas, epi-lipoxinas, ácidos epoxieicosatrienoicos (EETs) e endocannabinoides. [12][13][14][15]

Na táboa resúmense os principais eicosanoides "clásicos" e "non clásicos".

Vías dos eicosanoides
Eicosanoides 'clásicos' Outras moléculas derivadas de ácidos graxos esenciais de 20 carbonos
Os ácidos graxos teñen
dous destinos eicosanoides:
Outras rutas oxidativas xeran
produtos similares:
Adición por
etanolamina ou glicerol:

Cada eicosanoide desígnase por unha abreviación de 4 caracteres, que se compón de:

  • A súa abreviatura de dúas letras (indicada arriba), por exemplo, tromboxano = TX [16]
  • Unha terceira letra; os eicosanoides con diferentes terceiras letras teñen os dobres enlaces e os grupos químicos situados en diferentes posicións do seu esqueleto. As letras indican xeralmente a orde en que foron descritos na literatura científica. Pode verse un diagrama para as PG [A–H] nesta referencia [17].
  • Un subíndice, que indica o número de dobres enlaces que teñen.
Exemplos:
  • Os prostanoides derivados do ácido eicosapentaenoico teñen tres dobres enlaces (por exemplo, PGG3, PGH3, PGI3, TXA3) e os leucotrienos teñen cinco (LTB5).
  • Os prostanoides derivados do ácido araquidónico teñen dous dobres enlaces (por exemplo, PGG2, PGH2, PGI2, TXA2) e os leucotrienos teñen catro (LTB4).

Ademais, a estereoquímica pode diferir e indícase con letras gregas, por exemplo, PGF. Tamén pode aparecer a/b. A PGF2a/b indica a orientación dos hidroxilos (-OH) en comparación co anel: a = os hidroxilos están orientados cara ao mesmo lado, e b = cara a lados opostos.

Biosíntese[editar | editar a fonte]

A osixenación que orixina os eicosanoides está catalizada por dúas familias de encimas:

Os eicosanoides non se almacenan nas células, senón que son sintetizados a medida que son necesarios. Derivan de ácidos graxos que forman parte da membrana plasmática e envoltura nuclear.

A biosíntese dos eicosanoides empeza cando a célula é activada por un trauma mecánico, citocinas, factores de crecemento ou outros estímulos. (O estímulo mesmo pode ser un eicosanoide procedente dunha célula veciña; as vías de estimulación son complexas). Isto desencadea a liberación dunha fosfolipase na membrana celular. A fosfolipase viaxa desde alí ata a membrana nuclear. Alí, a fosfolipase cataliza a hidrólise de ésteres de fosfolípidos (pola fosfolipase A2) ou de diacilglicéridos (pola fosfolipase C). Isto libera un ácido graxo esencial de 20 carbonos. Esta hidrólise parece ser a reacción limitante da síntese dos eicosanoides.

Os ácidos graxos poden liberarse por algunha das varias fosfolipases que existen. Delas, a fosfolipase A2 citosólica tipo IV (cPLA2) é a principal, xa que as células que carecen de cPLA2 xeralmente non poden sintetizar eicosanoides. A fosfolipase cPLA2 é específica de fosfolípidos que conteñen ácido araquidónico, ácido eicosapentaenoico ou GPLA na posición SN2. A cPLA2 pode tamén liberar o lisofosfolípido que orixina o factor activador das plaquetas.[18]

Peroxidación e especies reactivas do osíxeno[editar | editar a fonte]

Despois, o ácido graxo libre osixénase seguindo varias posibles vías, que se indican no esquema. As rutas seguidas (por medio da lipoxixenase ou da COX) engaden osíxeno molecular (O2). Aínda que o ácido graxo é simétrico, os eicosanoides resultantes teñen quiralidade; e a oxidación ten lugar con grande estereoespecificidade.

A oxidación dos lípidos é perigosa para as células, especialmente cando ocorre preto do núcleo. Existen elaborados mecanismos que preveñen as oxidacións indesexadas. A COX, e as lipoxixenases e fosfolipases están estreitamente controladas; e hai polo menos oito proteínas que se activan para coordinar a xeración de leucotrienos. Varias delas existen en múltiples isoformas.[7]

A oxidación pola COX ou pola lipoxixenase libera especies reactivas do osíxeno e os produtos iniciais na xeración de eicosanoides son peróxidos moi reactivos. O LTA4 pode formar aductos co ADN tisular. Outras reaccións das lipoxixenases xeran danos celulares; en modelos de ratos está implicada a 15-lipoxixenase na patoxénese da aterosclerose.[19][20] A oxidación na xeración dos eicosanoides está compartimentalizada, o que limita os danos causados polos peróxidos. Os encimas que biosintetizan os eicosanoides (por exemplo, glutatión-S-transferases, epóxido hidrolases e proteínas transportadoras) pertencen a familias que teñen funcións moi relacionadas coa detoxificación celular. Isto suxire que a sinalización por eicosanoides puido evolucionar a partir da detoxificación das especies reactivas do osíxeno.

A célula debe obter algún beneficio ao xerar hidroperóxidos lipídicos preto do núcleo. As prostaglandinas e tromboxanos poden mediar ou regular a transcrición alí; O LTB4 é un ligando para o receptor activado do proliferador do peroxisoma (PPAR-alfa).[5]

Estruturas dalgúns eicosanoides
Prostaglandin E1.svg Thromboxane A2.png Leukotriene B4.svg
Prostaglandina E1. Os aneis de 5 membros son característicos desta clase. Tromboxano A2. Os osíxenos
desprazáronse dentro do anel.
Leucotrieno B4. Con 3 dobres enlaces conxugados.
Prostaglandin I2.png Leukotriene E4.svg
Prostaciclina I2. O segundo anel distíngueos das prostaglandinas. Leucotrieno E4, un exemplo de cisteinil leucotrieno.

A ruta dos prostanoides[editar | editar a fonte]

     Composto inicial: (Prostaglandina H2)      Compostos derivados      Reacción mediada por encima Numerais = Compostos prostanoides:
1 Prostaglandina H2; 2 Prostaglandina E2; 3 Prostaglandina F2; 4 Prostaglandina A2; 5 Prostaglandina B2; 6 Prostaglandina D2; 7 Prostaglandina J2; 8 Prostaglandina I2 (prostaciclina); 9 6-ceto-prostaglandina Fα; 10 Tromboxano A2.
Texto = Encimas:
A. Prostaglandina E sintase; B. Prostaglandina E 9-cetorredutase; C. Prostaglandina D sintase; D. Prostaciclina sintase; E. Tromboxano-A sintase.

A ciclooxixenase (COX) cataliza a conversión dos ácidos graxos esenciais libres en prostanoides (prostaglandinas, prostaciclina, tromboxanos) nun proceso en dous pasos. Primeiro, engádense dúas moléculas de O2 en forma de enlaces peróxido, e fórmase un anel de 5 átomos de carbono no medio da molécula. Isto forma un intermediato inestable de curta vida, a prostaglandina G (PGG). Despois, un dos enlaces peróxido elimina un só osíxeno, formando a PGH.

As tres clases de prostanoides vanse orixinar a partir da PGH. Todos teñen o característico anel no centro da molécula, pero difiren nas súas estruturas. Os compostos de PGH (precursores de todos os demais) teñen o anel de 5 carbonos, no que hai unha ponte de dous osíxenos (un peróxido). Como se mostra no exemplo da figura anterior das Estruturas dalgúns eicosanoides, as prostaglandinas derivadas conteñen un só anel insaturado de 5 carbonos. Nas prostaciclinas, este anel está unido a outro anel con osíxeno. Nos tromboxanos o anel faise de 6 membros e cun osíxeno. Os leucotrienos non teñen anel.

Varios fármacos reducen a inflamación bloqueando a síntese de prostanoides, como a aspirina.

A ruta dos leucotrienos[editar | editar a fonte]

Véxase Leucotrieno#Biosíntese.

O encima 5-lipoxixenase (5-LO) utiliza a proteína activadora da 5-lipoxixenase (FLAP) para converter o ácido araquidónico en ácido 5-hidroperoxieicosatetraenoico (5-HPETE), que se reduce espontaneamente a ácido 5-hidroxieicosatetraenoico (5-HETE). O encima leucotrieno A sintase actúa sobre o 5-HPETE converténdoo en leucotrieno A4 (LTA4), o cal pode ser convertido en LTB4 polo encima leucotrieno A4 epóxido hidrolase. Os eosinófilos, mastocitos, e macrófagos alveolares utilizan o encima leucotrieno C4 sintase para conxugar o glutatión con LTA4 formando LTC4, o cal será transportado fóra da célula, onde se lle elimina un residuo de ácido glutámico, dando lugar ao LTD4. O leucotrieno LTD4 é despois escindido por dipeptidases para formar LTE4. Os leucotrienos LTC4, LTD4 e LTE4 conteñen todos cisteína e denomínanse cisteinil leucotrienos.

Funcións e farmacoloxía[editar | editar a fonte]

Accións metabólicas dalgúns prostanoides e leucotrienos[18]
PGD2 Favorecen o sono TXA2 Estimulación da agregación das
plaquetas; vasoconstrición
PGE2 Contración do músculo liso;
inducindo dor, calor, febre;
broncoconstrición
15d-PGJ2 Diferenciación dos adipocitos
PGF Contraccións uterinas LTB4 Quimiotaxe de leucoditos
PGI2 Inhibición da agregación plaquetaria;
vasodilatación; implantación do embrión
Cisteinil-LTs Anafilaxe; contración do músculo
liso bronquial.
Móstranse os eicosanoides que derivan do ácido araquidónico; os que derivan do ácido eicosapentaenoico xeralmente teñen unha actividade máis feble

Os eicosanoides exercen un complexo control sobre varios procesos do noso corpo, como a inflamación ou a inmunidade, e como mensaxeiros no sistema nervioso central. Nos humanos os eicosanoides funcionan como hormonas locais (ver autacoides) que son liberadas pola maioría das células, actúan sobre a mesma célula que os produciu ou sobre células veciñas (por tanto, son mediadores autócrinos e parácrinos), e despois son rapidamente inactivados.

Os eicosanoides teñen unha curta vida media, de só segundos ou poucos minutos. Os antioxidantes da dieta inhiben a xeración dalgúns eicosanoides inflamatorios, por exemplo, o trans-resveratrol inhibe a tromboxanos e a algúns leucotrienos.[21] A maioría dos receptores de eicosanoides son membros da superfamilia do receptor acoplado á proteína G.

Receptores: Hai receptores específicos para todos os eicosanoides
Leucotrienos:
  • CysLT1 (receptor tipo 1 do
    cisteinil leucotrieno)
  • CysLT2 (receptor tipo 2 do
    cisteinil leucotrieno )
  • BLT1 (receptor do leucotrieno B4)
Prostanoides:
  • PGD2: DP-(PGD2)
  • PGE2:
    • EP1-(PGE2)
    • EP2-(PGE2)
    • EP3-(PGE2)
    • EP4-(PGE2)
  • PGF: FP-(PGF)
  • PGI2 (prostaciclina): IP-(PGI2)
  • TXA2 (tromboxano): TP-(TXA2)

As series ω-3 e ω-6[editar | editar a fonte]

A redución dos eicosanoides derivados do ácido araquidónico e a diminución da actividade dos produtos alternativos xerados a partir de ácidos graxos ω-3 serve de fundamento para explicar algúns dos efectos beneficiosos do aumento do consumo de ω-3. (K. Fritsche, Fatty Acids as Modulators of the Immune Response). [22]

O ácido araquidónico (AA; 20:4 ω-6) sitúase ao inicio da cascada do ácido araquidónico, formada por máis de 20 vías de sinalización mediadas polos eicosanoides, que controlan un amplo conxunto de funcións celulares, especialmente as que regulan a inflamación, inmunidade e o sistema nervioso central.[6]

Na resposta inflamatoria outros dous grupos de ácidos graxos esenciais inician cascadas de reaccións que son paralelas e compiten coa cascada do ácido araquidónico. O ácido eicosapentaenoico ou EPA (20:5 ω-3) dá lugar á cascada competidora máis importante. O ácido dihomo-gama-linolénico ou DGLA (20:3 ω-6) dá lugar a outra cascada menos importante. Estas dúas cascadas paralelas suavizan os efectos inflamatorios do ácido araquidónico e os seus produtos. Unha inxestión escasa na dieta destes ácidos graxos esenciais menos inflamatorios, especialmente os ω-3, está asociada con varias enfermidades relacionadas coa inflamación, e talvez con algunhas enfermidades mentais.

Segundo os National Institutes of Health de EEUU e a National Library of Medicine hai evidencia de nivel "A" de que un incremento na inxestión na dieta de ácidos graxos ω-3 mellora os resultados da hipertrigliceridemia, a prevención de enfermidades cardiovasculares secundarias e a hipertensión. Hai evidencias de nivel "B" (evidencia científica boa) de que un incremento na dieta de ácidos graxos ω-3 é boa para a prevención primaria das enfermidades vasculares, artrite reumatoide e na protección contra a toxicidade da ciclosporina utilizada en pacientes aos que se lles realizou un transplante de órganos. Tamén sinalan que hai evidencias preliminares que indican que os ω-3 da dieta poden mellorar os síntomas de varios trastornos psiquiátricos.[23]

Ademais da influencia sobre os eicosanoides, as graxas da dieta poliinsaturadas modulan a resposta inmunitaria por medio doutros tres mecanismos moleculares: (a) alteran a composición e función das membranas celulares, incluíndo a composición das balsas lipídicas; (b) cambian a biosíntese de citocinas e (c) activan directamente a transcrición de xenes.[22] Deles a acción dos eicosanoides é a mellor estudada.

Mecanismos de acción dos ω-3[editar | editar a fonte]

Fontes de ácidos graxos esenciais: Produción e metabolismo dos ácidos graxos esenciais para formar eicosanoides. En cada paso, as cascadas dos ω-3 e ω-6 compiten polos encimas.

Os eicosanoides formados a partir de ácido araquidónico xeralmente promoven a inflamación. Os que se forman a partir do ácido eicospentaenoico e do ácido gamma-linolénico ou GLA (vía ácido dihomo-gamma-linolénico ou DGLA) teñen xeralmente efectos menos inflamatorios, ou son inactivos, ou mesmo antiinflamatorios. A figura mostra as rutas de síntese dos ω-3 e -6, xunto cos principais eicosanoides formados a partir do ácido araquidónico, ácido eicosapentaenoico e ácido dihomo-gamma-linolénico.

Os ω-3 e ácido gamma-linolénico son responsables dos efectos inflamatorios dos eicosanoides procedentes do ácido araquidónico de tres xeitos, ao longo das rutas dos eicosanoides:

  • Desprazamento— Os ω-3 da dieta fan descender as concentracións tisulares de ácido araquidónico, polo que haberá menos cantidade para formar os eicosanoides ω-6.
  • Inhibición competitiva— O ácido dihomo-gamma-linolénico e o ácido eicospentaenoico compiten co ácido araquidónico por acceder aos encimas ciclooxixenase e lipoxixenase. Deste modo a presenza de ácido dihomo-gamma-linolénico e ácido eicosapentaenoico nos tecidos diminúe a produción de eicosanoides do ácido araquidónico.
  • Oposición— Algúns eicosanoides derivados do ácido dihomo-gamma-linolénico e ácido eicosapentaenoico contrarrestan os produtos correspondentes derivados do ácido araquidónico.

Complexidade metabólica[editar | editar a fonte]

As vías de sinalización dos eicosanoides son complexas, polo que é difícil caracterizar a acción dun eicosanoide en particular. Por exemplo, a PGE2 únese a catro receptores, nomeados EP1–4. Cada un é codificado por un xene individual, e algúns existen en varias formas (isoformas). Cada receptor EP á súa vez asóciase cunha proteína G. O receptor EP2, EP4 e unha das isofromas do EP3 tenden a asiociarse cunha variedade Gs. O facelo aumenta o AMP cíclico con efectos antiinflamatorios. O receptor EP1 e outra isoforma do EP3 únense á proteína Gq, incrementando o calcio intracelular, o que é proinflamatorio. Finalmente, outra isoforma do receptor EP3 únese á proteína Gi, disminuíndo o AMPc e ao mesmo tempo incrementando o calcio intracelular. Moitas células do sistema inmune expresan múltiples receptores que se unen a estes sistemas aparentemente opostos.[24]

Pénsase que a PGE3 derivada do ácido eicosapentaenoico ten un efecto algo distinto neste sistema, pero non se coñecen ben as súas características.

Papel na inflamación[editar | editar a fonte]

Desde a antigüidade recoñecíase que os signos principais da inflamación eran: calor, dor, inchamento e rubor. Os eicosanoides están implicados en cada un destes signos.

Por exemplo, o rubor ou eritema da zona inflamada que aparece cando nos pica un insecto, débese á acción rápida vasoconstritora do TXA2 que se libera inmediatamente despois da picada. A zona pode momentaneamente quedar máis pálida, pero pouco despois o TXA2 media a liberación de vasodilatadores como PGE2 e LTB4. Os vasos sanguíneos dilatados aumentan o fluxo sanguíneo e a zona ponse máis colorada.
O edema ou inchamento débese a que o LTB4 fai que os vasos sanguíneos sexan máis permeables. O plasma fíltrase desde os vasos e acumúlase no tecido connectivo circundante, provocando que inche. No proceso tamén se liberan citocinas proinflamatorias.
A hiperalxesia ou incremento da dor débese ao incremento da actividade do encima COX-2. Isto eleva os niveis de PGE2, sensibilizando as neuronas da dor.
A febre e aumento de calor na zona afectada débese a que a PGE2 é tamén un potente axente pirético. A aspirina e outras drogas similares (antiinflamatorios non estereoideos ou AINEs) bloquean as rutas da COX e deteñen a síntese de prostanoides, limitando a febre ou a calor de inflamacións localizadas.

Farmacoloxía: Eicosanoides, análogos de eicosanoides e agonistas/antagonistas de receptores utilizados como medicinas
Medicina Tipo Indicacións ou uso
Alprostadil PGE1 Disfunción eréctil, mantemento do
conduto arterioso persistente no feto
Beraprost Análogo da PGI1 Hipertensión pulmonar, evita danos
por reperfusión (recuperación súpeta
do fluxo sanguíneo e forte oxidación)
Bimatoprost Análogo de PG Glaucoma, hipertensión ocular
Carboprost Análogo de PG Indución do parto, aborto nas
primeiras fases da preñez
Dinoprostone PGE2 Indución ao parto
Iloprost Análogo da PGI2 Hipertensión pulmonar arterial
Latanoprost Análogo de PG Glaucoma, hipertensión ocular
Misoprostol Análogo da PGE1 Úlcera péptica de estómago,
indución ao parto, aborto
Montelukast receptor antagonista
de leucotrienos
Asma, alerxias estacionais
Travoprost Análogo deePG Glaucoma, hipertension ocular
Treprostinil Análogo da PGI Hipertensión pulmonar
U46619 Análogo de vida longa
do tromboxano
En investigación
Zafirlukast receptor antagonista
de leucotrienos
Asma

Acción dos prostanoides[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Prostaglandina, Prostaciclina e Tromboxano.

Os prostanoides median os síntomas locais da inflamación: vasoconstrición ou vasodilatación, coagulación, dor e febre. A inhibición da ciclooxixenase, especificamente a isoforma inducible COX-2, é o modo de acción característico das AINEs (antiinflamatorios non esteroideos), como a aspirina. A COX-2 é responsable da dor e inflamación, e a COX-1 é responsable das accións de coagulación plaquetarias.

Os prostanoides activan os membros do PPARγ da familia esteroidea/tiroidea dos receptores de hormona nucleares, influíndo directamente na transcrición de xenes.[25]

Acción dos leucotrienos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Leucotrieno.

Os leucotrienos xogan un importante papel na inflamación. O LTC4 exerce un papel neuroendocrino na secreción da hormona luteinizante. [26] O LTB4 causa a adhesión e quimiotaxe dos leucocitos e estimula a agregación, liberación de encimas, e xeración de superóxidos nos neutrófilos.[27] O bloqueo dos receptores de leucotrienos pode xogar un papel no tratamento de enfermidades inflamatorias como a asma (por fármacos como montelukast e zafirlukast), a psoríase, e a artrite reumatoide.

A substancia da anafilaxe de reacción lenta comprende os cisteinil leucotrienos. Estes teñen unha clara intervención en condicións patofisiolóxicas como a asma, rinite alérxica (febre do feo) e outras alerxias nasais, e foron implicados na aterosclerose e enfermidades gastrointestinais inflamatorias.[28] Son potentes broncoconstritores, incrementan a permeabilidade vascular nas vénulas postcapilares, e estimulan a secreción de mucus. Libéranse no tecido pulmonar de suxeitos asmáticos expostos a alérxenos específicos e desempeñan un papel patofisiolóxico nas reaccións da hipersensibilidade inmediata.[27] Xunto coa PGD, funcionan no tráfico de células efectoras, presentación dos antíxenos, activación das células inmunitarias, deposición da matriz ósea polos osteocitos, e a fibrose.[29]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1930, o xinecólogo Raphael Kurzrok e o farmacéutico Charles Leib caracterizaron a prostaglandina como un compoñente do seme. Entre 1929 e 1932, G. O. Burr e M. M. Burr mostraron que a restrición das graxas na dieta animal orixinaba unha enfermidade por deficiencia, que lles levou a describir os ácidos graxos esenciais.[30] En 1935, von Euler identificou as prostaglandinas. En 1964, Bergström e Samuelsson asociaron estas observacións coa síntese dos eicosanoides "clasicos", que afirmaron que derivaban do ácido araquidónico, que fora antes considerado un ácido graxo esencial.[31] En 1971, Vane mostrou que a aspirina e outros fármacos similares inhibían a síntese de prostaglandinas.[32] Von Euler recibiu o premio Nobel de Medicina de 1970, que tamén lles foi outorgado a Samuelsson, Vane, e Bergström en 1982. E. J. Corey recibiu o premio Nobel de Química en 1990 en boa medida debido aos seus traballos sobre a síntese de prostaglandinas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Facendo unha procura na base de artigos científicos PubMed procurando "eicosanoid"[All fields]] aparecen 4.610 artigos co termo eicosanoide (eicosanoid) [1], mentres que procurando "icosanoid"[All fields] só aparecen 41 artigos co termo icosanoide (icosanoid) [2].
  2. IUPAC Goldbook - icosanoid. Nesta referencia a propia IUPAC recoñece que os especialistas nese campo da bioquímica usan comunmente "eicosanoide", a pesar de estar recomendado "icosanoide".
  3. Índice Medtradiario. Tremedica.org - Letra E (ver eicosanoid) Cita: "Nun principio, a IUPAC adoptou o prefixo eicosa para designar as cadeas de 20 átomos de carbono, pero na edición da Nomenclatura da Química Orgánica de 1973 retractouse explicitamente e introduciu icosa". [...] "Pero como durante moitos anos se aceptou o prefixo eicosa, os bioquímicos seguen referíndose ao ácido araquidónico como ácido 5,6,8,9-eicosatetraenoico (con e e os indicadores numéricos antes do nome) e chamando eicosanoides aos seus derivados".
  4. DeCaterina, R and Basta, G (June 2001). "n-3 Fatty acids and the inflammatory response – biological background" (PDF). European Heart Journal Supplements 3, Suppl D: D42–D49. DOI:10.1016/S1520-765X(01)90118-X. http://eurheartjsupp.oxfordjournals.org/cgi/reprint/3/suppl_D/D42.pdf. Consultado o 2006-02-10. 
  5. 5,0 5,1 Funk, Colin D. (30 November 2001). "Prostaglandins and Leukotrienes: Advances in Eicosanoid Biology". Science 294 (5548): 1871–1875. DOI:10.1126/science.294.5548.1871. PMID 11729303. http://www.sciencemag.org/cgi/content/full/294/5548/1871. Consultado o 2007-01-08. 
  6. 6,0 6,1 Piomelli, Daniele (2000). "Arachidonic Acid". Neuropsychopharmacology: The Fifth Generation of Progress. http://www.acnp.org/g4/GN401000059/Default.htm. Consultado o 2006-03-03. 
  7. 7,0 7,1 Soberman, Roy J. and Christmas, Peter (2003). "The organization and consequences of eicosanoid signaling". J. Clin. Invest 111 (8): 1107–1113. DOI:10.1172/JCI200318338. PMC 152944. PMID 12697726. http://www.jci.org/cgi/content/full/111/8/1107. Consultado o 2007-01-05. 
  8. Beare-Rogers (2001). "IUPAC Lexicon of Lipid Nutrition" (PDF). http://www.iupac.org/publications/pac/2001/pdf/7304x0685.pdf. Consultado o June 1, 2006. 
  9. Van Dyke TE, Serhan CN (2003). "Resolution of inflammation: a new paradigm for the pathogenesis of periodontal diseases". J. Dent. Res. 82 (2): 82–90. DOI:10.1177/154405910308200202. PMID 12562878. 
  10. Serhan CN, Gotlinger K, Hong S, Arita M (2004). "Resolvins, docosatrienes, and neuroprotectins, novel omega-3-derived mediators, and their aspirin-triggered endogenous epimers: an overview of their protective roles in catabasis". Prostaglandins Other Lipid Mediat. 73 (3–4): 155–72. DOI:10.1016/j.prostaglandins.2004.03.005. PMID 15290791. 
  11. Anderle P, Farmer P, Berger A, Roberts MA (2004). "Nutrigenomic approach to understanding the mechanisms by which dietary long-chain fatty acids induce gene signals and control mechanisms involved in carcinogenesis". Nutrition (Burbank, Los Angeles County, Calif.) 20 (1): 103–8. DOI:10.1016/j.nut.2003.09.018. PMID 14698023. 
  12. Evans AR, Junger H, Southall MD, et al. (2000). "Isoprostanes, novel eicosanoids that produce nociception and sensitize rat sensory neurons". J. Pharmacol. Exp. Ther. 293 (3): 912–20. PMID 10869392. 
  13. O'Brien WF, Krammer J, O'Leary TD, Mastrogiannis DS (1993). "The effect of acetaminophen on prostacyclin production in pregnant women". Am. J. Obstet. Gynecol. 168 (4): 1164–9. PMID 8475962. 
  14. Behrendt H, Kasche A, Ebner von Eschenbach C, Risse U, Huss-Marp J, Ring J (2001). "Secretion of proinflammatory eicosanoid-like substances precedes allergen release from pollen grains in the initiation of allergic sensitization". Int. Arch. Allergy Immunol. 124 (1–3): 121–5. DOI:10.1159/000053688. PMID 11306946. 
  15. Sarau HM, Foley JJ, Schmidt DB, et al. (1999). "In vitro and in vivo pharmacological characterization of SB 201993, an eicosanoid-like LTB4 receptor antagonist with anti-inflammatory activity". Prostaglandins Leukot. Essent. Fatty Acids 61 (1): 55–64. DOI:10.1054/plef.1999.0074. PMID 10477044. 
  16. a prostaciclina PGI; que tamén foi clasificada como prostaglandina mantén o seu identificador tradicional.
  17. Cyberlipid Center. "Prostanoids". http://www.cyberlipid.org/prost1/pros0001.htm. Consultado o 09-12-2011. 
  18. 18,0 18,1 University of Kansas Medical Center (2004). "Eicosanoids and Inflammation" (PDF). http://classes.kumc.edu/som/bioc801/small_group/eicosanoids/eicosanoids-2004.pdf. Consultado o 2007-01-05. 
  19. Cyrus, Tillmann; Witztum, Joseph L.; Rader, Daniel J.; Tangirala, Rajendra; Fazio, Sergio; Linton, Macrae F.; Funk, Colin D. (June 1999). "Disruption of the 12/15-lipoxygenase gene diminishes atherosclerosis in apo E–deficient mice". J Clin Invest 103 (11): 1597–1604n. DOI:10.1172/JCI5897. PMC 408369. PMID 10359569. http://www.jci.org/cgi/content/abstract/103/11/1597. 
  20. Schewe T. (2002 Mar–Apr). "15-lipoxygenase-1: a prooxidant enzyme". Biol Chem. 383 (3–4): 365–74. DOI:10.1515/BC.2002.041. PMID 12033428. 
  21. Pace-Asciak CR, Hahn S, Diamandis EP, Soleas G, Goldberg DM. (31 March 1995). "The red wine phenolics trans-resveratrol and quercetin block human platelet aggregation and eicosanoid synthesis: implications for protection against coronary heart disease". Clin Chim Acta. 235 (2): 207–19. DOI:10.1016/0009-8981(95)06045-1. PMID 7554275. 
  22. 22,0 22,1 Fritsche, Kevin (August 2006). "Fatty Acids as Modulators of the Immune Response". Annual Review of Nutrition 26: 45–73. DOI:10.1146/annurev.nutr.25.050304.092610. PMID 16848700. http://arjournals.annualreviews.org/doi/abs/10.1146/annurev.nutr.25.050304.092610?journalCode=nutr. Consultado o 2007-01-11. 
  23. National Institute of Health (2005-08-01). "Omega-3 fatty acids, fish oil, alpha-linolenic acid". Arquivado do orixinal o May 3, 2006. http://web.archive.org/web/20060503222604/http://www.nlm.nih.gov/medlineplus/print/druginfo/natural/patient-fishoil.html. Consultado o March 26, 2006. 
  24. Tilley S, Coffman T, Koller B. "Mixed messages: modulation of inflammation and immune responses by prostaglandins and thromboxanes". J Clin Invest (1). PMID 11435451. http://www.jci.org/cgi/reprint/108/1/15. 
  25. Bos C, Richel D, Ritsema T, Peppelenbosch M, Versteeg H (2004). "Prostanoids and prostanoid receptors in signal transduction". Int J Biochem Cell Biol 36 (7): 1187–205. DOI:10.1016/j.biocel.2003.08.006. PMID 15109566. 
  26. Samuelsson, SE Dahlen, JA Lindgren, CA Rouzer, and CN Serhan (09-04 1987). "Leukotrienes and lipoxins: structures, biosynthesis, and biological effects". Science 237 (4819): 1171–1176. DOI:10.1126/science.2820055. PMID 2820055. http://www.sciencemag.org/cgi/content/abstract/237/4819/1171. Consultado o 2007-01-22. 
  27. 27,0 27,1 Samuelsson B (May 1983). "Leukotrienes: mediators of immediate hypersensitivity reactions and inflammation". Science 220 (4597): 568–575. DOI:10.1126/science.6301011. PMID 6301011. http://www.sciencemag.org/cgi/content/abstract/sci;220/4597/568. 
  28. Capra V (2004). "Molecular and functional aspects of human cysteinyl leukotriene receptors". Pharmacol Res 50 (1): 1–11. DOI:10.1016/j.phrs.2003.12.012. PMID 15082024. 
  29. Boyce J (2005). "Eicosanoid mediators of mast cells: receptors, regulation of synthesis, and pathobiologic implications". Chem Immunol Allergy. Chemical Immunology and Allergy 87: 59–79. DOI:10.1159/000087571. ISBN 3-8055-7948-9. PMID 16107763. 
  30. Burr, G.O. and Burr, M.M. (1930). "On the nature and role of the fatty acids essential in nutrition" (PDF). J. Biol. Chem. 86 (587). http://www.jbc.org/cgi/reprint/97/1/1.pdf. Consultado o 2007-01-17. 
  31. Bergström, S., Danielsson, H. and Samuelsson, B. (1964). "The enzymatic formation of prostaglandin E2 from arachidonic acid". Biochim. Biophys. Acta 90 (207): 207–10. PMID 14201168. 
  32. Vane, J. R. (June 23, 1971). "Inhibition of prostaglandin synthesis as a mechanism of action for aspirin-like drugs". Nature New Biol. 231 (25): 232–5. PMID 5284360. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]