Yakuza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rúa do distrito de Shinjuku en Toquio, supostamente frecuentado pola Yakuza.

A yakuza (やくざ) é o equivalente xaponés do crime organizado; é unha mafia xaponesa que data do século XVII. A orixe da palabra non se coñece con exactitude, pero dise que provén dun xogo de cartas chamado Oicho-Kabu, moi famoso entre os bakuto, no que a peor man consiste nun 8 (ya), un 9 (ku) e un 3 (za). A Yakuza moderna estendeu as súas actividades á corrupción bancaria e política. Esta mafia é unha das máis antigas e poderosas e é, sen dúbida, a que máis membros ten, cun número aproximado de 84.700 membros.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Durante o período Edo, a figura do samurai era privilexiada dentro da sociedade debido á súa eficiencia militar e ós servizos de seguridade que prestaban á comunidade, a través dos daimyō, señores feudais. Ó final do período Edo, Xapón iniciou a súa era moderna e continuou unificándose nun só goberno, así que moitos samurais eran despedidos porque resultaban inútiles ós novos destinos da nación e convertíanse en mercenarios ambulantes coñecidos como rōnin. Estes seguiron facendo traballos de xeito independente para os seus xefes e a alta sociedade. Ó cabo dun tempo comezaron a organizarse en bandas paramilitares que protexían rexións a cambio de comida e comodidades que proporcionaba a comunidade. Pouco tempo despois acaban dominando os negocios ilegais do Xapón.

A finais do século XIX e ó iniciarse o XX tiñan o control da prostitución, o xogo, o contrabando, lavado de cartos, os espectáculos, a especulación de bens inmobiliarios, a extorsión, e o tráfico de drogas, pornografía e armas. Ademais, despois da segunda guerra mundial certas bandas de ideoloxía de ultradereita comezaron a operar e extorsionar dentro de grupos políticos.

A súa organización derivouse dos códigos dos samurais pero moito máis estruturados e fornecidos; todo o clan considérase unha familia onde se profesa a fidelidade absoluta á banda, o ultranacionalismo, a obediencia ó maior rango e o seu estrito e brutal código de honra. Os novatos adoutrínanse a través do sistema senpai e kōhai, no cal se especifican os procedementos de castigo á deslealdade, como por exemplo a amputación dun dedo maimiño (iubitsume). Dita amputación serve aínda na actualidade para recoñecer os membros retirados ou disidentes.

Notas[editar | editar a fonte]