Xunta de Goberno Republicana de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Xunta de Goberno Democrática Republicana Federal de Santiago foi un órgano de goberno formado o 12 de febreiro de 1873 que exerceu o poder municipal de Santiago de Compostela tras a abdicación do rei Amadeo I, producida o día anterior.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O día 11 de febreiro, o alcalde interino compostelán, Antonio Pérez Dávila, recibiu un telegrama do Gobernador civil da Coruña, Fausto Garagarza Dugiols, que lle notificaba o desexo do Goberno "de resignar os seus poderes nas Cámaras" para tentar evitar o que semellaba unha inminente renuncia do rei[1]. Pero, este, a medio día, presentouse perante o Congreso para "devolver á Nación, e no seu nome a vós, a Corona que me ofreceu o voto nacional, facendo dela renuncia por min, por os meus fillos e sucesores"[2]. Esa mesma tarde, no Congreso, os republicanos presentaron unha proposición "para que se declaren as Cortes en Convención"[3] e, seguidamente, proclamouse a Primeira República Española. As noticias chegaron a Santiago ao fin do día e o día 12 presentouse ante o alcalde unha agrupación de persoas que, baixo o nome de Xunta de Goberno Republicana, esixiulle a renuncia. Pérez-Dávila fíxoo perante a Autoridade provincial, resignando o poder municipal na propia Xunta "en medio da tranquilidade máis completa", e publicou un bando no que informaba do sucedido[4].

Nas horas seguintes, os compoñentes da Xunta recorreron as rúas coa comparsa que adoitaba tocar na cidade, ondeando a bandeira encarnada da República, para chegar ata a Praza do Hospital onde fixeron unhas proclamas e presentaron aos membros da Xunta ao pobo. A tranquilidade foi absoluta, ata o punto de que estiveron "as tendas e comercios abertos como sempre".

A Xunta estivo constituída por Esteban Quet Puigvert (quen ocupou a presidencia), Marcial Moure González (vice-presidente 1º), Manuel Ozores Fernández (vice-presidente 2º), José Servino Ballesteros-del Mazo, Miguel Vilaseco, Nicolás Quintela Lago, Fortunato Rodríguez Arizmendi, Benito Sánchez (todos eles vogais), Pablo González Munín (secretario) e Julio Urrabieta Ortiz (vice-secretario)[5]. Non hai que esquecer que, malia que non pertenceu á Xunta, José Sánchez Villamarín estivo moi presente nos sucesos da chegada da República a Santiago e ocupou varios cargos relevantes nos meses seguintes.

Unha vez que o Goberno republicano quedou asegurado no Estado, a Xunta resignou o poder municipal o día 14 de febreiro de novo no alcalde Antonio Pérez Dávila e a súa antiga Corporación[6]. Logo despois, disolveuse.

Os membros da Xunta de Goberno Republicana de Santiago[editar | editar a fonte]

A extracción social e a traxectoria dos membros da Xunta foi diversa. Dentro dos que dedicáronse á ensinanza, temos a Quet Puigvert (profesor de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela), González Munín (profesor de Medicina) e a Rodríguez Arizmendi (mestre nacional e profesor na Escola Normal de Mestres de Santiago). Ademais, Moure González foi, o mesmo que Quet, farmacéutico. Non obstante, o segmento máis representado é o de propietarios ou facendados, aínda que non todos co mesmo grao de solvencia. Neste caso estarían Servino (fidalgo, con propiedades en Galicia e Andalucía), Urrabieta (a través da herdanza da súa dona, pola que tivo que loitar nos tribunais) e Vilaseco (en menor contía). No caso de Quintela tiña o oficio de paraugueiro, e Urrabieta era oficial da Gobernación. Por último, Sánchez-Villamarín era avogado e industrial dos curtidos.

Ademais da súa innegable pertenza ao Partido Republicano Federal de Santiago, hai que salientar que Quet Puigvert, Moure, Vilaseco e González Munín pertenceron a diferentes Comités directivos do partido. Pero, como dato sobranceiro, temos tamén que catro dos seus membros, Marcial Moure, Fortunato Rodríguez, Pablo González Munín e José Sánchez-Villamarín, foron membros desde 1870 da loxa masónica Luz Compostelana nº 13[7].

Finalmente, a meirande parte do membros da Xunta pasaron a ter os graos militares máis importantes do recentemente formado Batallón de Voluntarios Republicanos da Milicia Nacional de Santiago. Das catro compañías, tres foron dirixidas por algún deles co posto de capitán (Quet, Servino e Sánchez-Villamarín), dous foron tenentes (Vilaseco e Rodríguez) e un sarxento primeiro (Benito Sánchez)[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Gacetilla de Santiago, 12-2-1873, p. 1.
  2. BOLAÑOS MEJÍAS, Carmen: El reinado de Amadeo de Saboya y la monarquía constitucional. Madrid, UNED, 1999, pp. 238-239.
  3. La Gacetilla de Santiago, 13-2-1873, p. 1.
  4. La Gacetilla de Santiago, 13-2-1873, pp. 1-2.
  5. La Gacetilla de Santiago, 13-2-1873, p. 2.
  6. La Gacetilla de Santiago, 15-2-1873, p. 2.
  7. Valín, 1990, p. 282 e ss.
  8. La Gacetilla de Santiago, 4-3-1873, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]