Pablo González Munín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pablo González Munín
Nacemento1846
 Ourense
Falecemento9 de febreiro de 1886
 Santiago de Compostela
Ocupacióncatedrático de universidade e político
editar datos en Wikidata ]

Pablo González Munín, nado en Ourense en 1846 e falecido en Santiago de Compostela o 9 de febreiro de 1886[1], foi un profesor universitario, político republicano e destacado masón galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación académica e ingreso no republicanismo compostelán[editar | editar a fonte]

Fillo do facendado Ramón González e de Perpetua Munín, e irmán de Victoriana González Munín (Ourense, 1838O Carballiño, 1929), estudou no Instituto de Ourense[2][3] desde o curso de 1857-58[4]. En 1862 ingresou na Facultade de Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela, onde licenciouse en 1874[5][6].

González Munín debeu participar, mentres estudaba Medicina, na fundación do Partido Republicano Federal de Santiago en 1869, na que o profesor Esteban Quet foi elixido o seu presidente. Despois de celebrarse o Pacto federal astur-galaico, o 23 de decembro do mesmo ano González Munín participou nun manifesto revolucionario como membro do chamado Comité Republicano. Deste comité formaban parte ademais de González e Quet, Ramón Hermida Romero, Baltasar García Villar, José Cañizo, Joaquín María Castaños Ordóñez e Marcial Moure González. Todos eles foron denunciados pola Autoridade por «delito de inxuria, calumnia e desacato contra o Goberno, por algunhas das súas actuacións e a marcha seguida». Finalmente, esta denuncia foi arquivada pola Audiencia provincial da Coruña no mes de abril de 1871[7]. Desde o 13 de outubro de 1872 ocupou a vicepresidencia do Comité republicano federal de Santiago, baixo a presidencia de Marcial Moure, do que tamén formaron parte Quet (tesoureiro), Julio Urrabieta Ortiz (secretario), Manuel Ruiz (vicesecretario), e os vogais Miguel Vilaseco, Ramón del Río Correa, Baltasar García Villar e Domingo Criado González (fundador de El Nuevo Alacrán)[8].

A etapa no goberno local compostelán durante a Primeira República[editar | editar a fonte]

Tras obter o bacharel en Ciencias e licenciarse en Medicina e Cirurxía, comezou a ofrecer clases particulares da materia de Anatomía descritiva e xeral, polo menos desde comezos de 1873[9] ata mediados deste mesmo ano, cando a caída de Amadeo I levouno a participar no goberno republicano da cidade. En efecto, González Munín foi un dos dez asinantes da proclama que comezaba cun «Cidadáns: proclamada pacífica e legalmente polos Corpos Colexisladores a República en España...» e constituíuse como a Xunta de Goberno Democrática Republicana Federal de Santiago entre o 12 e o 14 de febreiro de 1873)[10]. As persoas que formaron esta Xunta foron, novamente, Quet Puigvert (o presidente), Marcial Moure, Manuel Ozores Fernández, José Servino Ballesteros-del Mazo, Miguel Vilaseco, Nicolás Quintela Lago, Fortunato Rodríguez Arizmendi, Benito Sánchez e Julio Urrabieta. Unha vez que o Goberno republicano quedou asegurado, a Xunta resignou o poder municipal o día 14 de novo no alcalde Antonio Pérez Dávila e na súa antiga Corporación[11], e disolveuse. Non obstante, o día 2 de marzo, estes deron comezo á organización do Batallón de Voluntarios Republicanos da Milicia Nacional de Santiago desde o partido, o que demostraba que o consistorio estaba de facto baixo a vixilancia do republicanismo. Así para a Comandancia xeral foi elixido Manuel Ozores e como Comandante 2º Manuel Moure, mentres Pablo González foi designado o seu axudante[12].

Nas eleccións para as Cortes Constituíntes de maio de 1873 Marcial Moure obtivo a acta de deputado, polo que houbo unha redistribución de cargos no republicanismo santiagués. O 19 de abril celebráronse as eleccións municipais, e González Munín obtivo acta de concelleiro. Pretenderon por iso os republicanos presentalo como candidato á alcaldía[13]. Porén, non foi aceptada esta opción, consensuándose finalmente a candidatura de José Sánchez-Villamarín Pereira como alcalde-presidente o día 19 de maio e outorgando a quinta tenencia de alcaldía a González[14][15]. Sánchez-Villamarín era dentro do republicanismo local máis pragmático e non tan exaltado quizais como outros correlixionarios, polo que concitou os apoios suficientes para acadar o posto de maior representación do Concello. Non obstante, dentro do Partido Republicano a súa figura non era tan valorada, tal e como demostra o feito de que poucos días despois, o 26, o partido elixiu un novo Comité no que González levou a presidencia, sendo acompañado por Francisco Álvarez Ruiz (vicepresidente), Urrabieta (secretario), Cesáreo Tizón (vicesecretario), e os vogais José Cardalda Corral, Ramón Albán Barco, Blas Amat Amat, Cándido Pereira Garea e José María Ferro Díaz[16]. Na cerimonia de proclamación da República federal en Santiago, celebrada o 15 de xuño, González tería un lugar principal, portando a bandeira republicana[17], e igualmente foi designado o día 22 para formar parte do chamado Centro de iniciativa para a nova organización de Galicia (proposto polo alcalde Sánchez-Villamarín inicialmente co nome de "Centro directivo") para avaliar a forma en que Galicia ía a integrarse como «organización político-administrativa» dentro da República Federal española[18]. Xunto a González, que tivo o cargo de secretario 2º, o devandito Centro directivo estivo integrada polo propio alcalde (presidente), Bernardo A. Portela Pérez (vicepresidente), Manuel Vázquez Acebo, José Ventura Lorenzo Mouteira (contador), Pedro Pais Lapido (secretario 1º), Esteban Quet, Vicente Martínez-de la Riva Andrés e Olimpio Pérez Rodríguez (tesoureiro)[19][20], nunha heteroxénea composición da sociedade compostelá.

A principios de xullo de 1873, o alcalde Sánchez-Villamarín ditou unhas disposicións orzamentarias polas que se crearon novos impostos locais[21], sendo apoiado por González Munín. Pero, estas decisións non contaron co apoio incondicional de todos os republicanos. Así, o día 3 tivo lugar unha reunión do Partido Republicano na que se pediron explicacións a estas novas taxas que, segundo o parecer dunha ampla parte das bases, afectaban «notablemente á clase artesá». Como tanto o alcalde como González abandonaron a reunión, ao día seguinte achegouse á casa do concello unha comisión encabezada por Álvarez Ruiz[22]. Días despois, o día 16, o consistorio decidiu a «supresión de todo gravame sobre algúns artigos de primeira necesidade», entre outras cuestións orzamentarias.

Traballo na Universidade de Santiago[editar | editar a fonte]

Patio de San Mateo no Hospital Real, onde Pablo González Munín comezou a traballar como profesor clínico en 1876 (foto de Constantin Uhde, en 1888)

Probablemente a súa filiación masónica facilitou que a partir do 5 de agosto de 1873 obtivese o importante posto de Secretario xeral da Universidade de Santiago de Compostela[23], durante o reitorado de Antonio Casares Rodríguez. Este ilustre catedrático de Ciencias era cuñado do catedrático Maximino Teijeiro Fernández, membro da mesma loxa á que González Munín pertencía polo menos desde 1873. A secretaría xeral da universidade controlaba a burocracia administrativa e económica desta institución[24]. Ocupou este cargo até o 12 de decembro de 1874, segundo Barreiro, aínda que unha nova publicada en febreiro do ano seguinte posponía o seu relevo até entón[25]. Foi substituído por un xenro de Teijeiro, Augusto Milón Reales.

O seu ingreso na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago supuxo a partir de xullo de 1874 o inicio da súa participación nas conferencias nocturnas do Ateneo compostelán, dirixidas á clase obreira. Nela deu charlas xunto a outros profesores universitarios como o propio Casares, Melchor Salvá Hormaechea, Ramiro Rueda Neira, Ramón Gil Villanueva, Vicente Martínez-de la Riva Andrés, Jerónimo Macho Velado e Francisco Romero Blanco, profesores do Instituto como José López Amarante e escritores como Manuel Ovilo Otero[26][27]. Pouco despois González comezou a traballar como docente no Colegio de San Pelayo, dirixido por Ángel Rubido Prieto. Estivo neste colexio até xuño de 1876[28].

Precisamente, a principios de 1876 convocáronse as oposicións a unha praza como profesor clínico na Facultade de Medicina[29] e Pablo González Munín presentouse, enfrontándose ás candidaturas de Juan Barcia Caballero, Santiago López Mosquera e Jesús Novoa López[30], comezando as probas o día 8[31] e rematando o 15 de xaneiro[32]. Tras gañar as oposicións, foi nomeado Profesor clínico a finais do mesmo mes[33], cunha remuneración de seis mil reais ao ano. Desenvolveu este labor no Hospital Real de Santiago de Compostela até a súa morte, distinguíndose especialmente como cirurxián[34]. Tivo como colegas neste labor aos profesores clínicos Ignacio Caballero Villar e, sobre todo, ao compañeiro masón Braulio Félix Reino Gómez. A nivel cirúrxico, xunto a Teijeiro, Jeremías e un novo Enrique Lanzós Sánchez, foi un dos primeiros que aplicaron a antisepsia en España[35], así como novas técnicas cirúrxicas[36][37].

En decembro de 1878 comezou a traballar tamén como médico da sociedade de socorros mutuos La Compostelana[38], que tiña sido creada en 1873 para dar asistencia médica e medicamentos aos seus asociados[39]. Apenas un ano despois, pasou a colaborar coa decana das sociedades de socorros, La Benéfica, xunto doutro médico, Narciso Acosta Codesido[40]. Tamén cómpre salientar a súa pertenza á comisión curadora das escolas da Sociedade Económica de Santiago desde novembro de 1881[41][42][43][44], nas que desde o curso de 1883 foi profesor da materia de Nocións de matemáticas[45][46][47]. Tamén impartiu clases nocturnas de Matemáticas no Instituto de Santiago aos obreiros desde 1884[48], de acordo ao compromiso social republicano, e no mesmo ano presidiu novas charlas no Ateneo, ao estilo daquelas nas que interveu unha década antes, dirixidas nesta ocasión a «alumnos internos» do Hospital[49][50].

Durante este período final da súa vida seguiu comprometido politicamente e, nas eleccións municipais de maio de 1879, participou nunha candidatura de integración, que se dicía de independentes, na que aparecían compañeiros masóns, como Maximino Teijeiro, pero, sobre todo, elementos moi próximos ao primeiro monterismo, como Gerardo Jeremías Devesa ou Bruno Bartolomé Pérez[51]. Sorprende este achegamento aos monteristas, coñecendo o seu pasado federalista, toda vez que nestas eleccións tamén presentouse unha candidatura progresista con personaxes como Manuel Palmeiro, Daniel Rey e José Peón[52]. Porén, ao examinar o cadro de médicos e docentes da Facultade de Medicina, comprobamos que nel estaban os propios Teijeiro e Jeremías, así como outro concelleiro da candidatura independente, Jerónimo Macho. Como se ve, moitos deles eran tamén membros da Sociedade Económica de Santiago. González viuse polo tanto pouco a pouco integrado nunha rede de influencias, xermolo do devandito monterismo. Proba destas novas afinidades personalistas foi que, perante a nova viraxe ideolóxica que Montero Ríos protagonizou ao asinar o manifesto do de abril de 1880 de Manuel Ruiz Zorrilla (de corte republicano e socialista), González seguiuno e acabou sendo un dos fundadores do comité local do Partido Demócrata Progresista de Santiago nos últimos días dese mesmo ano. O primeiro comité formouse con Santiago de Andrés-Moreno García (presidente), o médico Acacio José Fráiz Andón (vicepresidente), Alfredo Vilas Iglesias (secretario) e, como vogais, Sánchez-Villamarín, Cándido Pereira Garea, Maximino Teijeiro, Gerardo Jeremías, Esteban Quet e o propio Pablo González Munín[53].

Falecemento[editar | editar a fonte]

O martes día 9 de febreiro de 1886 Pablo González Munín faleceu en Santiago, cando só contaba 40 anos de idade[54]. A súa curta carreira como profesor clínico non lle permitiu acadar suficientes aforros como para deixar á súa familia recursos tras a súa morte. Deste xeito, os seus funerais tiveron que ser sufragados por subscrición popular. Foi enterrado no Cemiterio Xeral, en Bonaval.

Por iniciativa dos alumnos internos de González Munín, organizouse unha «velada musical» para acadar cartos para a súa familia[55]. Tivo lugar o día 3 de marzo[56] no Teatro-Circo que desde xullo do ano anterior viña operando no Campo da Leña, xunto ao Colexio de San Clemente[57]. Participaron neste evento músicos como o Cuarteto Curros, do músico José Gómez Veiga, así como o Orfeón Valverde[58]. Puideron por este medio recaudar catro mil reais, que entregaron á súa viúva[59][60].

González Munín e a masonaría[editar | editar a fonte]

Tras a revolución setembrina e a promulgación do decreto de legalización do dereito de asociación (20 de novembro de 1868), comezaron a crearse as primeiras loxas masónicas do segundo grande período da masonaría en Galicia[61]. A cidade da Coruña foi a pioneira en dar o primeiro paso. De enorme importancia, polo seu número de membros (99) e polo peso representativo de moitos deles, foi a constitución na segunda metade de 1869 da loxa La Herculina nº 10, entre os que estaban o avogado Vicente Cid Osorio, o enxeñeiro industrial Ricardo López Palacios, o médico Benito Losada Astray, o director da Escola de Belas Artes José Moreno Moreno, o político Juan Montero Telinge, o enxeñeiro Eugenio Roeset Liot, o enxeñeiro de telegrafía José Savall Salvat, o urbanista Arturo Soria Mata, o xornalista Francisco Suárez García, o futuro alcalde Federico Tapia Segade ou o avogado Saturnino Villelga García[62].

Probablemente a proximidade de González Munín ao progresismo compostelán, dentro do cal moitos dos seus membros mantiñan simpatías co asociacionismo masónico, animouno á creación en Santiago dunha loxa propia xunto a outros correlixionarios. Para poder facelo cumpría a súa iniciación previa noutra loxa, polo que entre o 4 e o 5 de xaneiro de 1870 ingresou na devandita La Herculina nº 10 e foi exaltado ata o grao 3º (mestre), empregando desde entón o nome simbólico de Guzmán. Xunto del obtiveron o mesmo grao, e no mesmo curto tempo, outros tres compañeiros-fundadores da loxa compostelá: Manuel López Navalón (futuro director do Colexio de Xordo-mudos de Santiago), o farmacéutico Marcial Moure e o profesor de instrución primaria Fortunato Rodríguez Arizmendi[63]. Finalmente, en xaneiro deste mesmo ano estes catro hiramitas xunto ao empregado do Concello José Trigueros Somoza, ao mestre de instrución primaria Federico Fernández Calvet e a un sétimo compañeiro do que se descoñece o nome, fundaron a loxa Luz Compostelana nº 13 (máis tarde renumerada co 5)[64]. Para o historiador Alberto Valín, este sétimo membro, que era necesario para a fundación dunha loxa, puidera ter sido o tamén profesor universitario Esteban Quet, que pouco tempo despois sería alcalde republicano de Santiago. Rapidamente esta loxa concitou o rechazo frontal do arcebispo Miguel García Cuesta, declarado antimasón, que promoveu unha intensa campaña na súa contra[65].

Á loxa Luz Compostelana nº 13 pertenceron destacadas figuras do federalismo santiagués, e de feito dos dez membros da Xunta de Goberno Democrática Republicana Federal de Santiago (12 de febreiro de 1873) foron irmáns masóns González Munín, Marcial Moure e Fortunato Rodríguez. Xunto deles tamén estivo na Xunta o catedrático Esteban Quet. E unha personaxe tan vencellada ao republicanismo como o alcalde José Sánchez-Villamarín, sábese que estivo nesta loxa polo menos en 1881. Outros coñecidos membros da loxa foron os catedráticos universitarios Braulio Reino e Maximino Teijeiro[66]. Con todos eles, como xa vimos, Pablo González mantivo frecuentes contactos.

A intensidade das súas inclinacións masónicas eran ben coñecidas e mesmo eran aproveitadas para facer chanzas. Así, o xornal ourensán El Trabajo informou o día dos Santos Inocentes de 1879 que González Munín, xunto aos seus compañeiros hiramitas Marcial Moure, Braulio Reino e Sánchez-Villamarín, tiñan entrado a formar parte do consello de redacción do moi conservador e católico xornal compostelán El Porvenir, que estaba ademais sacudido regularmente á súa vez por continuos cambios na súa dirección. Iso si, engadía tamén de que, antes de entrar no seu organigrama, recibiron todos eles a «beizón apostólica do Cardeal Arcebispo»[67].

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou o 23 de agosto de 1869, cando aínda figuraba como estudante da universidade, na igrexa de San Fiz de Solovio (Santiago) coa asturiana nada nas Figueiras Rosina Díaz Fernández (1849—Santiago, 21-10-1924), filla dun propietario de Baiona. Nese momento vivían no número 3 da rúa do Mercado Vello (actual nº 13 da praza de Mazarelos). Outras moradas familiares foron o 4 da rúa da Acibechería (ca. 1877) e o 6 da praza das Ánimas (ca. 1884).

Tiveron polo menos sete fillos: César (que foi telegrafista e casou con Antonia Amor Neira en 1904), Julio (que faleceu en Santiago o 7 de outubro de 1891 cando estudaba Medicina)[68], Víctor, María Asunción (falecida o 27 de xaneiro de 1884, en Santiago, cando era unha meniña)[69][70], Pablo (falecido sobre o 14 de xaneiro de 1884, en Santiago, cando era un meniño)[71], Aurora (falecida o 3 de abril de 1877, en Santiago, cando era unha meniña)[72][73] e Mercedes (que casou co industrial Manuel García Torres).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "† El Señor Don Pablo González Munín (Necrolóxica)". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 10-2-1886. p. 3. 
  2. "Cuadro de los alumnos matriculados y examinados en el curso 1859 á 1860". Boletín Oficial de la Provincia de Orense (en castelán) (Ourense). 30-10-1860. p. 3. 
  3. "Institutos de Segunda Enseñanza. Curso de 1860 á 1861. Memoria leida por D. Luis Morón y Liminiana, en la apertura de curso en el Instituto de Orense". Revista de instrucción pública, literatura y ciencias (en castelán) 5–6 (Madrid). 27-9-1860. p. 723. 
  4. "Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1857 do Instituto de Ensino Medio Otero Pedrayo". arquivo.galiciana.gal. Consultado o 6-11-2018. Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1857: (...) 1857-?; (174/1.4) Pablo González Munín; (...) 
  5. "F.U. Expedientes Personales". arquivo.usc.es. Consultado o 6-11-2018. Sinatura: EXPEDIENTES PERSONALES, Leg. 574, Exp. 13 . Segundo esta fonte, acadou o grao de doutor.
  6. Macho Velado, Jerónimo (1876). Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la solemne inauguración del Curso Académico de 1876 a 1877 (en castelán). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela / Establecimiento Tipográfico de Manuel Mirás y Álvarez (impresor). p. 45. PROFESORES CLÍNICOS. Dr. D. Ignacio Caballero. Dr. D.Braulio Félix Reino. Lic. D. Pablo González Munin . Segundo esta fonte, en 1876 aínda era licenciado, non doutor.
  7. "Real Sentencia". La Aurora de Galicia (en castelán) (Santiago). 24-4-1871. p. 1. 
  8. "El 13 del corriente...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 16-10-1872. p. 2. 
  9. "Lecciones Privadas...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 31-1-1873. p. 4. 
  10. "Junta de Gobierno democrática Republicana Federal de Santiago. Ciudadanos...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 13-2-1873. p. 2. 
  11. "Junta de Gobierno democrática Republicana Federal de Santiago. A los habitantes de esta ciudad". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 15-2-1873. p. 2. 
  12. "En votación del partido republicano...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 3-3-1873. p. 2. 
  13. "El partido republicano federal...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 16-5-1873. p. 1. 
  14. "El Ayuntamiento de Santiago...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 19-5-1873. p. 2. 
  15. "La elección de alcaldes...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 20-5-1873. 
  16. "El partido republicano eligió...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 28-5-1873. p. 2. 
  17. "La ceremonia de la proclamación...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 16-6-1873. p. 1. 
  18. "Todo lo que á Galicia interese nos interesa...". El Deber (en castelán) (Pontevedra). 27-7-1873. p. 1-2. 
  19. "Ayer tuvo lugar la reunión...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 23-6-1873. p. 2. 
  20. "Crónica local". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 25-6-1873. p. 2. 
  21. "El alcalde popular de la ciudad de Santiago". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 2-7-1873. p. 1-2. 
  22. "Ayer asistió el alcalde Sr. Villamarín...". La Gacetilla de Santiago (en castelán) (Santiago). 4-7-1873. p. 2. 
  23. Barreiro, 2002, p. 507
  24. Barreiro, 2002, p. 506
  25. "Háblase de haber sido declarado cesante...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 20-2-1875. p. 3. 
  26. "La Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 27-7-1874. p. 1-2. 
  27. "La Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 16-9-1874. p. 1-2. 
  28. "Felicitamos á los Profesores Señores...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 12-6-1876. p. 2. 
  29. "Para después de las próximas vacaciones...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 17-12-1875. p. 3. 
  30. "Para las oposiciones...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 10-1-1876. p. 3. 
  31. "Hoy comienzan en el Colegio de Fonseca...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 8-1-1876. p. 2. 
  32. "En el sábado último terminaron en esta Universidad...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 17-1-1876. p. 2. 
  33. "En virtud de las oposiciones recientemente verificadas...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 27-1-1876. p. 3. 
  34. "Sección Local". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 30-1-1878. p. 2. 
  35. Joel Gómez (16-10-2014). "Santiago incorporó avances en cirugía antes que Madrid". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). 
  36. "Una notabilísima operación ha practicado hoy...". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 4-6-1879. p. 3. 
  37. "Una notabilísima operación ha practicado hoy...". El Diario de Lugo (en castelán) (Lugo). 6-6-1879. p. 2. 
  38. "Nuestro querido amigo el reputado profesor...". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 27-12-1878. p. 3. 
  39. Pose Antelo, José Manuel (1992). La economía y la sociedad compostelanas a finales del siglo XIX. Monografías da Universidade de Santiago de Compostela (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico. p. 239. ISBN 84-7191-830-7. 
  40. "Ayer tomaron posesión de sus cargos...". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 4-6-1879. p. 3. 
  41. "Al aparecer el primer número de la revista de la Sociedad Económica de Santiago...". Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (en castelán) (Santiago). 31-1-1882. p. 8. 
  42. "Extracto de la sesión ordinaria celebrada el día 22 de noviembre de 1881...". Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (en castelán) (Santiago). 30-4-1882. p. 7-8. 
  43. "Memoria leida por el Secretario General de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago...". Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (en castelán) (Santiago). 30-11-1882. p. 7. 
  44. "Comisión Curadora de las Escuelas". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 11-12-1882. p. 1. 
  45. Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago (folla voandeira) (en castelán). Santiago ano=1883: Sociedade Económica de Amigos do País. p. 1. 
  46. "Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 1-1-1884. p. 1. 
  47. "Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 11-12-1884. p. 1. 
  48. "Enseñanza". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 18-10-1884. p. 3. 
  49. "Ateneo de Alumnos internos". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 5-12-1884. p. 2. 
  50. "El sábado 10 celebró sesión ordinaria...". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 16-1-1885. p. 2. 
  51. "Sección Local". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 29-4-1879. p. 2-3. 
  52. Barral Martínez, Margarita (2006). A administración local en Compostela na era monterista (PDF). Monografías 05. Santiago: Escola Galega de Administración Pública. p. 33-34. ISBN 978-84-453-4402-6. 
  53. "Según nos dicen de Santiago...". El Diario de Lugo (en castelán) (Lugo). 1-12-1880. p. 2. 
  54. "A las seis de la tarde de ayer ha fallecido...". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 10-2-1886. p. 2-3. 
  55. "De nuestro apreciable colega El Libredón...". El Lucense (en castelán) (Lugo). 20-2-1886. p. 2-3. 
  56. "Circo-Teatro. Gran velada lírico-dramática". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 3-3-1886. p. 3. 
  57. Sánchez García, Jesús Ángel (1993). La arquitectura teatral en Santiago de Compostela (1768-1946). Cuadernos do Seminario de Sargadelos 60. Sada: Ediciós do Castro. pp. 126–127. ISBN 84-7492-665-3. 
  58. García Caballero, María (2008). La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX. Santiago: Alvarellos Editora. p. 319. ISBN 978-84-89323-26-1. 
  59. "Dice La Gaceta de Santiago". El Lucense (en castelán) (Lugo). 6-3-1886. p. 3. 
  60. "Cuenta detallada de los productos obtenidos". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 8-3-1886. p. 3. 
  61. Valín, 1990, p. 77
  62. Valín, 1990, p. 92-95
  63. Valín, 1990, p. 288
  64. Valín, 1990, p. 287-288
  65. Valín, 1990, p. 289
  66. Valín, 1990, p. 308-310
  67. "Despachos Telegráficos. Santiago". El Trabajo (en castelán) (Ourense). 28-12-1879. p. 1. 
  68. "D. Julio González Díaz (necrolóxica)". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 7-10-1891. p. 3. 
  69. "La niña María de la Asunción González Díaz (necrolóxica)". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 28-1-1884. p. 3. 
  70. "Nuestro querido amigo D. Pablo González Munín...". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 29-1-1884. p. 3. 
  71. "Pablo González Díaz (necrolóxica)". Gaceta de Galicia (en castelán) (Santiago). 15-1-1884. p. 3. 
  72. "La niña Aurora González Díaz (necrolóxica)". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 4-4-1877. p. 3. 
  73. "La niña Aurora González Díaz (necrolóxica)". El Diario de Santiago (en castelán) (Santiago). 6-4-1877. p. 3. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Valín Fernández, Alberto (1990). Galicia y la masonería en el siglo XIX (en castelán). Sada: Ediciós do Castro. p. 674. ISBN 84-7492-493-6. 
  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2002). Historia da Universidade de Santiago de Compostela. II O século XIX. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela / Parlamento de Galicia. p. 588. E dentro da Universidade estaban os profesores Estevo Quet e Pablo González Munín, dous republicanos, que conspiraban abertamente contra a monarquía (páx. 379) (...). O secretario xeral. Cargo fundamental na Universidade liberal porque sobre el recaía todo o control da máquina burocrática, propiamente administrativa e económica. Seguindo atentamente os libros de actas dos consellos universitarios, cos acordos asinados polo secretario e as actas do claustro, a relación é a seguinte: (...) D. Pablo González Munín, dende o 5 de agosto de 1873 ata o 12 de decembro de 1874 (...) (páx. 506-507).