Wikipedia:Sobre Galicia/abril 2016

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997 e que abrangue 9126 hectáreas nas beiras do río Eume. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa, e un dos poucos bosques do seu tipo que quedan no continente. Esténdese polos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña. Está tamén declarado como lugar de importancia comunitaria, coincidindo os seus límites cos do parque natural.

O bosque tradicional atlántico conservouse na zona en todo o seu esplendor, sendo consideradas as fragas como un dos mellores bosques atlánticos termófilos do continente europeo. Malia ser a flora a alfaia das Fragas, existindo raras especies de felgos que habitaban a terra hai millóns de anos, tamén destacan algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, dende pequenos anfibios e réptiles, como a saramaganta, ata especies maiores, como o lobo ou diversas aves de rapina.