Lobo ibérico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lobo ibérico

Lobo ibérico.
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Xénero: Canis
Especie: Canis lupus
Subespecie: Canis lupus signatus
Nome trinomial
Canis lupus signatus
Ángel Cabrera, 1907
Distribución Canis lupus signatus
Distribución Canis lupus signatus

Distribución Canis lupus signatus

O lobo ibérico (Canis lupus signatus) é unha subespecie de lobo (Canis lupus) autóctona da Península Ibérica. Segundo o censo de 2003, estimouse que o número total de lobos ibéricos rolda os 2 000 exemplares.

Aspecto[editar | editar a fonte]

O seu tamaño é medio, algo máis pequeno que outros lobos europeos. De longo miden dende 130 ata 180 cm os machos, e dende 130 ata 160 cm as femias. A altura de cruz pode chegar aos 70 cm. Os machos adultos pesan xeralmente entre 30 e 40 kg, e as femias pesan de 20 a 35 kg. Presentan testa grande e maciza, orellas triangulares relativamente pequenas e ollos oblicuos de cor amarelenta. O fociño presenta unhas manchas brancas nos belfos denominadas bigoteiras. A súa pelaxe é heteroxénea, de tal xeito que se describen unhas franxas lonxitudinais escuras ou negras cubrindo a parte anterior das súas dúas patas dianteiras, unha mancha escura ao longo da cola, e outra mancha escura ao redor da cruz á que se lle coñece como cadeira de montar.

O conxunto destas marcas ou manchas escuras, son as que lle deron o nome "signatus" a esta subespecie de lobo, posto que "signatus" (en latín) significa "signado" ou "marcado".

Os lobatos ao nacer presentan tons escuros uniformes.

En movemento chama a atención o poderío dos cuartos dianteiros en relación á grupa, levemente caída.

Proceso histórico e poboación actual[editar | editar a fonte]

Distribución do lobo ibérico na península

O lobo ibérico estivo presente en toda a Península Ibérica durante séculos, tanto é así que chegou a habitar case todo o territorio peninsular ata os anos 1900, no entanto, estivo a piques de extinguirse nos anos 70 do século XX, debido a que en España e durante o goberno da ditadura franquista houbo unha campaña de exterminio contra este animal, unha campaña que comprendería os anos 1950 e 1960 e que erradicou a esta subespecie de todo o país agás na parte noroeste e algunhas áreas illadas de Serra Morena. Ademais, en Portugal, unha política semellante cun semellante resultado borrou dos seus campos ao lobo de todo o territorio que abrangue dende o Río Douro cara ao sur, sobrevivindo tan só algúns grupos reducidos nalgunhas áreas concretas. Se apenas puido ser salvado, sería grazas ao labor de varios naturalistas e divulgadores coma o español Félix Rodríguez de la Fuente.

É un animal protexido, con prohibición en 2021 da súa caza en toda España[1], e dende os anos noventa atópase en franca expansión ao que se engade o aumento de densidade nas zonas tradicionais. Tense noticia de que as poboacións asentadas en Castela e León están avanzando cara a Estremadura, Madrid, Aragón e Guadalaxara.[2]. As poboacións de Andalucía tiveron menos sorte e semella que os derradeiros lobos de Serra Morena desapareceron recentemente. O lobo é abondoso no noroeste da Península, sobre todo en Galicia onde conta con 90 mandas reprodutoras[3] e unha poboación duns 700 exemplares [4], o que fai de Galicia a comunidade onde se atopa a maior densidade desta especie[5].

Segundo algúns autores, cara 1988 estimouse que a poboación do lobo en España era de entre 1500 e 2000 exemplares. No ano 2002, calculáronse polo menos uns 2000, e en Portugal de 300 a 400 exemplares de lobo ibérico.[6]

O lobo ibérico está catalogado como especie vulnerable no Libro vermello dos vertebrados de España, e como especie case ameazada no Atlas do mamíferos terrestres de España.[7]

Como detectar a súa presenza[editar | editar a fonte]

É complicado para os non expertos, pois tanto as súas pegadas como os seus excrementos, e ata os danos ao gando, poden confundirse cos de cans de grande tamaño. A súa observación en liberdade resulta complicada. Porén, pódense oír (e provocar, imitándoos ou mediante gravacións) os seus ouveos.[8]

Dieta[editar | editar a fonte]

O lobo ibérico é un dos poucos grandes carnívoros que existen na Península Ibérica, e como depredador, aliméntase basicamente das presas que caza, grandes herbívoros e outros mamíferos de porte menor.

O doutor Félix Rodríguez de la Fuente, realizou diferentes estudos para concretar a dieta do lobo ibérico, e segundo os resultados extraídos, esta podería estar composta por: grandes mamíferos (como corzos, muflóns, cervos...) nun 35%, ovellas nun 24%, coellos nun 14%, ratos de campo nun 9%, prea nun 7%, réptiles e aves nun 5%, insectos e vexetais nun 4%, e outros carnívoros (coma raposos ou cans) nun 2%.[9]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Prohibida a caza do lobo en España, malia a oposición da Xunta". GCiencia. 5 de febreiro de 2021. 
  2. "El lobo vuelve al punto de mira", artigo de Rafael Méndez en El País, 4 de novembro de 2007(consultado o 22 de marzo de 2010).
  3. "Infolobo Galicia". Consellería de Medio Rural, Territorio e Vivenda. 
  4. "O lobo: especie de protección especial". Galicia Ambiental. 4 de febreiro de 2021. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2021. Consultado o 05 de febreiro de 2021. 
  5. "Os ecoloxistas esixen axudas para fomentar a pervivencia do lobo", artigo en La Voz de Galicia, 13 de agosto de 2008 (consultado o 22 de marzo de 2010).
  6. Juan Carlos Blanco, Mario Sáenz de Buruaga e Luis Llaneza. "Canis Lupus" (PDF). www.mma.es. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de xuño de 2010. Consultado o 11 de xullo de 2009. 
  7. Ministerio de Medio Ambiente (España). "Estado de conservación del lobo ibérico" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 11 de xullo de 2009. 
  8. Delibes de Castro, Miguel; Juan Carlos Velasco Marcos, Miguel Lizana Avia, Jacinto Román Sancho, Jesús Fernández Gutiérrez, Carlos Sánchez Alonso (2005). Guía de los peces, anfibios, reptiles y mamíferos de Castilla y León. Náyade editorial. ISBN 84-933730-1-X. 
  9. www.signatus.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]