Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Boeing 777 é un familia de avión de pasaxeiros bimotor, de longo alcance e fuselaxe ancha desenvolvida e fabricada por Boeing. Trátase do bimotor máis grande do mundo, e pode transportar de 314 a 396 pasaxeiros a unha distancia de entre 9 704 e 15 844 km. Coñecido tamén como o "Triplo Sete" (inglés: Triple Seven), entre as súas características distintivas están os motores turboventilador de maior diámetro en calquera aeronave, seis rodas en cada tren de aterraxe principal, unha sección completamente circular da fuselaxe e a súa terminación de cola en forma de coitela. Desenvolvido consultando a oito das principais aeroliñas do mundo, o 777 deseñouse para substituír ós modelos de fuselaxe ancha máis vellos e como ponte entre as capacidades dos modelos 767 e 747. Como primeiro avión de Boeing fly-by-wire, ten controis informatizados e trátase tamén do primeiro avión comercial deseñado enteiramente por ordenador.

A data de 2017 o 777 presentábase en dúas lonxitudes de fuselaxe. A variante orixinal 777-200 entrou en servizo comercial no ano 1995, seguida pola de máis alcance 777-200ER en 1997. A versión alongada 777-300, con 10,1 metros máis de lonxitude, comezou a operar en 1998. As versións iniciais 777-200, -200ER e -300 están equipadas con motores General Electric GE90, Pratt & Whitney PW4000 ou Rolls-Royce Trent 800. As variantes de longo alcance 777-300ER e ultralongo alcance 777-200LR entraron en servizo en 2004 e 2006 respectivamente, mentres que a versión 777F de carga estreouse en febreiro de 2009. Estas variantes están equipadas con motores General Electric GE90 e puntas de ás inclinadas de maior tamaño. O 777-200LR é o avión de pasaxeiros con maior alcance do mundo, coa capacidade de voar a máis de medio mundo, posuíndo o récord do voo máis longo sen paradas dun avión comercial.