Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
JEAN LOUIS THÉODORE GÉRICAULT - La Balsa de la Medusa (Museo del Louvre, 1818-19).jpg

A Balsa da Medusa (francés: Le Radeau de la Méduse [lə ʁado d(ə) la medyz]) é unha pintura ó óleo de 1818–1819 do pintor e litógrafo francés Théodore Géricault (1791–1824). Completada cando o artista tiña 27 anos de idade, esta obra está considerada unha icona do romanticismo francés. Cunhas medidas de 491 cm × 716 cm, é unha pintura a escala natural que representa o momento posterior ó naufraxio da fragata francesa La Méduse, que encallou na costa de Mauritania o 2 de xullo de 1816. O 5 de xullo de 1816 unhas 147 persoas lanzáronse á deriva nunha balsa de construción apresurada. Só 15 deles sobreviviron ós 13 días que pasaron antes do seu rescate, obrigados a superar a inanición, deshidratación e á práctica do canibalismo. O evento deu lugar a un escándalo internacional, en parte pola atribución da súa causa á incompetencia do capitán francés do navío.

Géricault decidiu representar este evento para lanzar a súa carreira cunha obra a grande escala sen partir dun encargo, nun tema que xa xerara un grande interese público. O evento fascináballe, e antes de comezar a traballar na pintura final levou a cabo unha investigación exhaustiva e produciu moitos bosquexos preparatorios. Entrevistou dous dos sobreviventes e construíu unha maqueta a escala con gran detalle da balsa. Visitou os hospitais e morgues nos que puido ver de primeira man a cor e textura da carne dos mortos e moribundos. Como el mesmo anticipaba, a pintura resultou ser moi controvertida na súa primeira exhibición no Salón de París, atraendo apaixonadas louvanzas e condenas a partes iguais. A obra estableceu a súa reputación internacional, e considérase unha obra transcendental na historia temperá do movemento romántico da pintura francesa.