Wikipedia:Artigo destacado/marzo 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Maija Sofia Isola, nada en Riihimäki o 15 de marzo de 1927 e finada na mesma cidade o 3 de marzo de 2001, foi unha deseñadora téxtil finlandesa, creadora de máis de 500 deseños, incluído Unikko (Papoula). Os seus atrevidos e coloridos deseños fixeron famosa a compañía de mobiliario e deseño Marimekko na década de 1960. Tamén fixo carreira como artista visual.

Isola expuxo en toda Europa, incluíndo a Exposición Mundial de Bruxelas e Triennale de Milán, así como nos Estados Unidos. As retrospectivas do seu traballo foron expostas no Museo do Deseño de Helsinqui, o Victoria and Albert Museum de Londres, o Museo do Deseño de Copenhague, o Museo Etnográfico Esloveno de Liubliana e o Minneapolis Institute of Arts. Os seus deseños seguen a venderse en Marimekko.

Viviu e traballou a maior parte da súa vida en Finlandia, mais pasou algúns anos en Francia, Alxeria e os Estados Unidos. Casou tres veces, e a súa filla Kristina Isola tamén se converteu en deseñadora de Marimekko, durante un tempo colaborando con Maija. A súa neta Emma tamén deseña para para a compañía finlandesa.