Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2015

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Machu Picchu (do quechua sureño Machu Pikchu, "montaña vella") é o nome contemporáneo que se lle dá a unha llaqta (antigo poboado andino inca) de pedra construída principalmente a mediados do século XV no promontorio rochoso que une as montañas Machu Picchu e Huayna Picchu na vertente oriental dos Andes Centrais, no sur do Perú e a 2490 msnm, altitude da súa praza principal. O seu nome orixinal sería Picchu ou Picho.

Segundo documentos de mediados do século XVI Machu Picchu sería unha das residencias de descanso de Pachacuti (primeiro emperador inca, 1438-1470). Así a todo, algunhas das súas mellores construcións e o evidente carácter cerimonial da principal vía de acceso á llaqta demostrarían que esta foi usada como santuario relixioso. Ámbolos usos, o de palacio e o de santuario, non serían incompatibles. Algúns expertos parecen descartar, emporiso, un suposto carácter militar, polo que os populares cualificativos de "fortaleza" ou "cidadela" poderían ser superados.