Wall of Sound

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Spector (centro) nos Gold Star Studios con Modern Folk Quartet en 1965

O Wall of Sound (muro de son), tamén chamado Spector Sound (son de Spector),[1][2] é unha fórmula de produción musical desenvolvida polo produtor estadounidense Phil Spector nos Gold Star Studios nos anos 60, coa asistencia do enxeñeiro Larry Levine e o conglomerado de músicos de sesión posteriormente coñecido como "The Wrecking Crew". A intención era a de aproveitar as posibilidades da gravación en estudio para crear unha estética orquestral infrecuentemente densa que se transmitiu ben a través de radios e máquinas de discos da época. Spector explicou en 1964: "estaba buscando un son, un son tan forte que aínda que o material non fose o mellor, o son levaría ao disco. Era un caso de aumentar, aumentar. Todo encaixa como un crebacabezas".[3]

Unha crenza popular errónea suxire que o Wall of Sound foi creado sinxelamente a través dun máximo de ruído e distorsión, pero o método tiña realmente máis matices.[4][3] Para acadar o Wall of Sound, os arranxos de Spector requirían grandes conxuntos (incluíndo algúns instrumentos que non adoitaban a usarse para tocar en agrupacións musicais, como guitarras eléctricas e acústicas), con múltiples instrumentos duplicando ou triplicando moitas das partes para crear un ton máis completo e rico.[5] Por exemplo, Spector adoitaba a duplicar unha parte tocada cun piano acústico cun piano eléctrico e un clavicémbalo.[6] Mesturados o suficientemente ben, os tres instrumentos serían entón indistinguibles para o oínte.[6][7]

Entre outras características do son, Spector incorporou unha serie de instrumentos orquestrais (cordas, vento-madeira, vento-metal e percusión) que anteriormente non estaban asociados coa música pop orientada á mocidade. Tamén resaltou a reverberación a partir dunha cámara de eco para unha textura adicional. Caracterizou os seus métodos como "un enfoque wagneriano do rock & roll: pequenas sinfonías para os nenos".[8] A combinación de grandes conxuntos musicais con efectos de reverberación tamén incrementou a potencia de son media dun xeito que parece compresión. En 1979, o uso decompresión volvérase común na radio, marcando a tendencia que levou á "guerra do volume" nos anos 80.[9]

As complexidades da técnica non tiñan precedentes no campo da produción de son para a música popular.[3] Segundo Brian Wilson, o líder dos Beach Boys, que usou amplamente a fórmula: "nos 40 e 50 os arranxos consederábanse 'correctos aquí, escoita esa trompa ou escoita esta sección de cordas agora'. Todo era un son definido. Non había combinacións de son e, coa chegada de Phil Spector, atopamos combinacións de son, o que, cientificamente falando, é un aspecto brillante da produción de son".[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Moorefield 2010, p. 10
  2. "THE SPECTOR SOUND Perhaps the only notable popular music genre to". www.shsu.edu. Consultado o 2022-11-19. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Classic Tracks: The Ronettes 'Be My Baby'". www.soundonsound.com. Consultado o 2022-11-19. 
  4. David Hinckley; Back to Mono (1958-1969); 1991; ABKCO music, Inc.
  5. Zak 2001, p. 77
  6. 6,0 6,1 Ribowsky 1989, pp. 185-186
  7. 7,0 7,1 "Interview with Brian Wilson of The Beach Boys in early 1980's". Global ImageWorks. 2014-07-26. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2014. Consultado o 2022-11-19. 
  8. Williams 2003
  9. "The Loudness War: Background, Speculation and Recommendations" (PDF). Consultado o 20 de novembro de 2022. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]