Voo 739 de Flying Tiger Line
Voo 739 de Flying Tiger Line | |
---|---|
Constellation semellante ao do accidente
| |
Resumo | |
Data | 16 de marzo de 1962 |
Causa | posible explosión |
Lugar | descoñecido |
Finados | 107 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Lockheed Constellation L-1049H |
Operador | Flying Tiger Line |
Rexistro | N6921C |
Pasaxeiros | 96 |
Tripulación | 11 |
Superviventes | 0 |
O voo 739 de Flying Tiger Line foi un Lockheed L-1049 Super Constellation fretado polos militares dos Estados Unidos que desapareceu o día 16 de marzo de 1962 sobre o océano Pacífico occidental. O avión transportaba 93 soldados estadounidenses e 3 survietnamitas dende a base da forza aérea de Travis, en California, ata Saigón. Despois de recargar na base da forza aérea de Andersen, en Guam, o Super Constellation atopábase en ruta cara á base aérea de Clark en Filipinas cando desapareceu. Os 107 ocupantes foron declarados desaparecidos e supostamente mortos.
A desaparición do avión provocou unha das maiores buscas aéreas e marítimas na historia do Pacífico. Avións e barcos das catro ramas das forzas armadas estadounidenses buscaron en máis de 520 000 km² durante oito días. Un petroleiro civil observou o que podería ser un estoupido no aire que se cre que podería ser o desaparecido Super Constellation, aínda que non se recuperou ningún anaco do avión. A Xunta de Aeronáutica Civil (CAB) determinou que, baseándose nas observacións do petroleiro, o voo 739 probablemente estoupou no aire, aínda que non se puido determinar unha causa exacta sen examinar os restos do aparello. Ata a data é o peor accidente dun Lockheed Constellation.
Voo
[editar | editar a fonte]O avión era un Lockheed L-1049H Super Constellation de 5 anos de idade con 17 224 horas de voo.[1] Levaba 11 tripulantes estadounidenses e 96 pasaxeiros militares.[2] O voo estaba operado por Flying Tiger Line como un servizo de transporte aéreo militar chárter.[1]
O Super Constellation transportaba 93 especialistas de comunicacións en ruta a Vietnam do Sur.[3] As súas ordes eran relevar a soldados en Saigón que estiveran adestrando tropas vietnamitas para loitar contra a guerrilla do Viet Cong.[4] A bordo tamén había tres membros do exército vietnamita. A tripulación estaba formada por once civís baseados en California.[2] O piloto era o capitán Gregory P. Thomas.[5]
O voo orixinouse na base da forza aérea de Travis, California, e dirixíase cara a Saigón. Na ruta había catro paradas para recargar: Honolulu, Hawai; Illa Wake; Guam; e base aérea de Clark, Filipinas. O voo chegou a Guam ás 11:14 GMT despois de atrasarse para realizar traballos menores de mantemento nos motores 1 e 3 en Honolulu, e despois na Illa Wake. O avión engalou de Guam ás 12:57 GMT estimándose a súa chegada a Filipinas ás 19:16 GMT.[1] O Super Constellation levaba nove horas de combustible para un voo de oito horas de 2 600 km.[5]
80 minutos despois da súa saída, ás 14:22 GMT, o piloto radiou unha mensaxe de rutina e deu a súa posición a 450 km ao oeste de Guam nas coordenadas 13°40′N 140°0′E. O avión debería chegar a 14°0′N 135°0′E ás 15:30. Nesa hora Guam experimentou dificultades temporais nas comunicacións con forte estática de radio. Ás 15:39 o operador de radio de Guam intentou contactar co avión para un informe de posición pero foi incapaz de restablecer o contacto novamente.[1]
Investigación
[editar | editar a fonte]O Centro de Coordinación de Rescate do aeródromo de Clark declarou ao avión desaparecido na mañá do 16 de marzo.[5] Oficiais da Armada informaron que crían que o aparello se esnafrara máis preto de Guam que de Filipinas. No momento da desaparición o tempo era bo e o mar estaba calmo.[2] A Armada, a Forza Aérea, a Garda Costeira e o Corpo de Marines enviaron avións e barcos á zona.[5]
O primeiro día de busca continuou durante a noite. Durante os dous primeiros días os buques entrecruzaron 190 000 km2 de océano. O Secretario do Exército Elvis Stahr dixo aos xornalistas que "non perdimos a esperanza de que vai ser atopado e os que estaban a bordo están a salvo", e que se fará un "esforzo máximo".[4] Despois de catro días de busca, o Maior Xeneral Theodore R. Milton da 13ª Forza Aérea dixo aos xornalistas que aínda que a posibilidade de atopar superviventes era dubidosa, faríanse todos os esforzos "sempre que exista algunha esperanza".[6]
Os esforzos de busca incluíron avións de Guam, do aeródromo de Clark Field, da 7ª Frota, e da Forza Aérea en Okinawa. Ademais tamén contribuíron numerosos barcos e avións de distintas bases estadounidenses do Pacífico occidental.[5]
Despois de oito días os traballos de busca suspendéronse. A busca, que na época foi unha das maiores realizadas no Pacífico, cubriu máis de 520 000 km2 de océano.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Lockheed L-1049H Super Constellation N6921C between Guam and Angeles City". aviation-safety.net. Consultado o 2019-01-10.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "U.S. Plane Lost With 107, Pacific Search Launched". The Milwaukee Sentinel. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 2019-1-10.
- ↑ "Ship Reports Bright Flash". Eugene Register-Guard. Consultado o 2019-1-10.
- ↑ 4,0 4,1 "2 State Soldiers On Lost Airliner". The Milwaukee Sentinel. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 2019-1-10.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Search Continuing For Plane Missing With 107 Aboard". The Free-Lance Star. Consultado o 2019-1-10.
- ↑ "Flash Reported; Plane Sabotage Possible". Spokane Daily Chronicle. Consultado o 2019-1-11.
- ↑ "Sea Search Abandoned". Eugene Register-Guard. Consultado o 2019-1-11.