Voo 703 de Saratov Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 703 de Saratov Airlines
O avión do accidente
Resumo
Data  11 de febreiro de 2018
Causa  baixo investigación
Lugar  preto de Stepanovskoe,
óblast de Moscova
Coordenadas  Coordenadas: 55°17′59″N 38°23′25″L / 55.2997887, 38.3903017
Orixe  Moscova-Domodedovo
Destino  aeroporto de Orsk
Finados  71 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave Antonov An-148-100B
Operador  Saratov Airlines
Pasaxeiros  65
Tripulación  6
Superviventes  0

O voo 703 de Saratov Airlines foi un voo de pasaxeiros doméstico dende o aeroporto de Moscova-Domodedovo ao aeroporto de Orsk en Rusia. O 11 de febreiro de 2018 o avión que realizaba o voo, un Antonov An-148-100B, esnafrouse pouco despois da engalaxe matando 71 persoas a bordo, 65 pasaxeiros e 6 tripulantes.

Foi o primeiro accidente con vítimas mortais tras 438 días dun reactor comercial de pasaxeiros; o anterior accidente fatal deste tipo foi o voo 2933 de LaMia o 28 de novembro de 2016.[1][2]

Avión[editar | editar a fonte]

O avión involucrado no accidente era un Antonov An-148-100B construído por Voronezh Aircraft Production Association,[3] con rexistro RA-61704, número de serie 27015040004 e equipado con dous motores Progress D-436. Voou por primeira vez en maio de 2010 e empezou a operar con Rossiya Airlines o 23 de xuño dese ano. Antes do accidente tivo dous incidentes menores en servizo; un motor deixou de funcionar o 28 de xullo de 2013 despois da perda do compresor en voo, e sufriu un fallo no tren de aterraxe dianteiro nunha engalaxe o 23 de agosto do mesmo ano. O avión fora alugado a Saratov Airlines en febreiro de 2017, un ano antes do accidente.[4]

Accidente[editar | editar a fonte]

O voo era un servizo doméstico regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Moscova-Domodedovo ata o aeroporto de Orsk, unha cidade preto da fronteira con Casaquistán, operado pola aeroliña rexional rusa Saratov Airlines. O hora de saída programada eran as 14:00.[5] O voo engalou de Moscova ao redor das 14:21.[4][6]

Varios minutos despois de engalar a velocidade e altitude do avión comezaron a flutuar. Momentos antes do accidente o voo 703 gañara unha altitude de 1 800 metros e unha velocidade do aire de 600 km/h. Entón perdeu altura rapidamente ata que desapareceu do radar a unha altitude duns 900 metros.[5]

O avión esnafrouse preto das vilas de Argunovo e Stepanovskoye no distrito de Ramensky do óblast de Moscova.[7][8] O accidente ocorreu ás 14:27 hora local (11:27 UTC), seis minutos despois de engalar de Moscova.[4] Testemuñas informaron de que o avión estaba en chamas durante a súa caída cara ao chan.[9] O choque foi gravado por unha cámara de vixilancia nunha casa próxima. Na gravación pode verse o avión impactar contra o chan e inmediatamente estoupar en chamas.[10]

A fiscalía rusa iniciou procedementos penais por presuntas violacións das regras de seguridade do tráfico aéreo. Atopou informes de que á aeroliña se lle prohibira operar rutas internacionais en 2015, e que estas se reiniciaran tras un cambio de políticas en 2016. O Servizo Federal para a Supervisión do Transporte Ruso (Rostransnadzor) afirmou que durante a exploración do avión accidentado, a aeroliña violara o procedemento do cambio de aceite nas caixas de engrenaxes, e o procedemento para limpar os filtros de aire de arranque.[11]

Pasaxeiros e tripulación[editar | editar a fonte]

Segundo o manifesto de voo, o voo 703 levaba 65 pasaxeiros e 6 tripulantes. A meirande parte dos pasaxeiros eran residentes de Orenburg. O Ministerio de Situacións de Emerxencias ruso dixo que todos os pasaxeiros eran rusos agás dous, un de Acerbaixán e outro de Suíza.[12][3][13][14] Todos os ocupantes morreron no accidente. Os servizos de emerxencia chegaron ao lugar do sinistro 2 horas e media despois do accidente.[15]

O capitán era Valery Gubanov, de 51 anos, que acumulaba 5 000 horas de voo, das cales 2 800 eran no Antonov An-148, aínda que só 58 delas como piloto ao mando. O seu certificado médico expirara dous días antes do accidente.[16] O primeiro oficial era Sergei Gambaryan, de 35 anos de idade.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Reuters (ed.). "2017 safest year on record for commercial passenger air travel: groups". Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  2. Forbes (ed.). "Nobody Died In Commercial Jet Crashes In 2017: Good News, But Not As Good As You Might Think". Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  3. 3,0 3,1 The Telegraph (ed.). "71 feared dead as Russian plane crashes near Moscow". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  5. 5,0 5,1 tvrain.ru (ed.). "«Коммерсантъ» назвал возможные причины крушения Ан-148". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  6. Flightradar24 (ed.). "Saratov Airlines Flight 703 Crashed Outside of Moscow". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  7. Russia Today (ed.). "Plane with 71 on board goes missing after taking off from Moscow". 
  8. The Telegraph (ed.). "Russian plane 'crashes' after taking off from Moscow". Archived from the original on 11 de febreiro de 2018. Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  9. Sky News (ed.). "No survivors after Russian plane carrying 71 people crashes near Moscow". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  10. tvrain.ru (ed.). "Опубликовано видео крушения Ан-148 в Подмосковье". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  11. ria.ru (ed.). "СК возбудил дело после крушения Ан-148 в Подмосковье". Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  12. 12,0 12,1 "У командира упавшего Ана было пять тысяч часов налета". vesti.ru (en ruso). Consultado o 2021-11-26. 
  13. "Interfax news - Interfax". web.archive.org. 2018-02-11. Archived from the original on 11 de febreiro de 2018. Consultado o 2021-11-26. 
  14. "Новости - Московская межрегиональная транспортная прокуратура". web.archive.org. 2018-02-11. Archived from the original on 11 de febreiro de 2018. Consultado o 2021-11-26. 
  15. "V Rusku se zřítilo letadlo se 71 lidmi, nehodu nikdo nepřežil - iDNES.cz". web.archive.org. 2018-02-11. Archived from the original on 11 de febreiro de 2018. Consultado o 2021-11-26. 
  16. Саратова, Новости (2018-02-18). "СМИ: пилот разбившегося Ан-148 ругался с командиром из-за снижения самолета". Новости Саратова (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2022. Consultado o 2021-11-26.