Voo 427 de Indian Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 427 de Indian Airlines
Boeing 737 semellante ao secuestrado
Resumo
Data  24 e 25 de abril de 1993
Causa  secuestro
Lugar  aeroporto de Amritsar
Coordenadas  Coordenadas: 31°42′28″N 74°47′57″L / 31.707777777778, 74.799166666667
Orixe  aeroporto Indira Gandhi
Destino  aeroporto de Amritsar
Finados  1
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 737-2A8
Operador  Indian Airlines
Pasaxeiros  135
Tripulación  6

O voo 427 de Indian Airlines foi un Boeing 737 implicado nun secuestro ocorrido na India entre os días 24 e 25 de abril de 1993. Comandos da Garda de Seguridade Nacional (NSG) rescataron os 141 reféns no avión no aeroporto de Amritsar. O único secuestrador, Mohammed Yousuf Shah, morreu 5 minutos despois de que os comandos entrasen no avión, antes de que puidese reaccionar e ferir algún dos reféns. O rescate recibiu o nome en código de Operación Ashwamedh.

Secuestro[editar | editar a fonte]

O voo IC427 de Indian Airlines engalou de Delhi ás 13:57 con 6 tripulantes e 135 pasaxeiros a bordo. Durante o voo un pasaxeiro, que nun primeiro se identificou a si mesmo como Syed Salauddin, afirmou que levaba pistolas e unha granada de man, e solicitou que o avión voase a Cabul. Ás 14:43 o control de tráfico aéreo de Delhi recibiu unha mensaxe informando do secuestro do avión e que se dirixía cara a Cabul.[1]

O control de tráfico aéreo de Lahore negouse a permitir que o avión entrase no espazo aéreo de Paquistán, e o voo regresou á India despois de dar voltas sobre Lahore.[2] Finalmente o avión aterrou en Amritsar, na India, ás 15:20. O secuestrador demandou recargar e solicitou novamente voar a Cabul. O grupo de xestión de crises do goberno da India e o comité central no aeroporto de Delhi responderon á situación. O vicecomisario e o superintendente da policía do distrito de Amritsar foron enviados ao aeroporto para negociar co secuestrador. Ás 18:00 chegou a Amrtisar o director xeral da policía de Punjab, e fíxose cargo das negociacións. Porén, o secuestrador mantívose firme na súa demanda, e incluso realizou un disparo de advertencia que perforou o avión.

Operación da NSG[editar | editar a fonte]

Despois de que o secuestrador disparase, o grupo de xestión de crises enviou un equipo de comandos da NSG a Amritsar. Mentres tanto, aconsellouse aos negociadores que continuasen falando co secuestrador para desgastalo. Ás 23:00 o secuestrador declarou que voaría o avión se non se cumprían as súas demandas. O grupo de xestión de crises entón dirixiu os comandos e os negociadores para asaltar o avión. Durante as dúas seguintes horas, o equipo avaliou a situación do terreo e planeou a operación. Ás 01:00 do 25 de abril, uns 60 comandos rodearon e asaltaron o avión. O secuestrador foi sorprendido pola súpeta entrada dos comandos no avión. Antes de que puidese reaccionar e disparar, un comando disparoulle cunha pistola silenciada. A operación rematou en cinco minutos, ás 01:05, sen ningúnha vítima ou ferido entre os reféns nin máis danos no avión.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O secuestrador, despois identificado como Mohammed Yunus Shah, foi entregado á policía local. Finalmente sucumbiu ao disparo de pistola ao ser trasladado a un hospital. A policía atopoulle dúas pistolas de 9 mm cargadas. As autoridades indias afirmaron que o secuestrador era membro de Hizbul Mujahideen, pero o grupo negou calquera responsabilidade.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 737-2A8 registration unknown Amritsar-Raja Sansi Airport (ATQ)". aviation-safety.net. Consultado o 2019-01-24. 
  2. 2,0 2,1 Press, From Associated (1993-04-25). "Indian Commandos Kill Gunman to Thwart Hijacking". Los Angeles Times (en inglés). ISSN 0458-3035. Consultado o 2019-01-25.