Voo 301 de Birgenair

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 301 de Birgenair
O avión do accidente en 1995
Resumo
Data  6 de febreiro de 1996
Causa  perda causada por erros do
piloto automático e do piloto
Lugar  24 km ao nordés
de Puerto Plata
Coordenadas  Coordenadas: 19°54′50″N 70°24′20″O / 19.91388889, -70.40555556
Orixe  aeroporto Gregorio Luperón
Finados  189
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 757–225
Operador  Birgenair
Rexistro  TC-GEN
Pasaxeiros  176
Tripulación  13
Superviventes  0

O voo 301 de Birgenair era un voo fletado por Alas Nacionales, socio da aeroliña turca Birgenair, dende Puerto Plata na República Dominicana ata Frankfurt, con escalas en Gander e Berlín. O 6 de febreiro de 1996 o Boeing 757–225 que operaba a ruta esnafrouse pouco despois de engalar do aeroporto Gregorio Luperón de Puerto Plata.[1][2] As 189 persoas a bordo morreron. A causa foi un erro do piloto tras recibir unha incorrecta información da velocidade do aire dun tubo pitot defectuoso, que os investigadores cren que estaba bloqueado por un niño de vespas construído no seu interior. O avión non fora usado os dous días anteriores e o tubo pitot non foi cuberto durante ese tempo.

Con 189 mortos, o voo 301 é o peor accidente de aviación dun Boeing 757, ademais de ser o peor ocorrido na República Dominicana.[3]

O avión[editar | editar a fonte]

O avión era un Boeing 757-225 orixinalmente entregado a Eastern Air Lines en febreiro de 1985 e rexistrado como N516EA. Estaba impulsado por dous motores Rolls-Royce RB211-535E4. Despois da bancarrota de Eastern e a súa posterior liquidación en 1991, o avión foi almacenado no Porto Aéreo e Espacial de Mojave durante máis dun ano. Foi comprado por Aeronautics Leasing en abril de 1992, e despois alugado á aeroliña canadense Nationair no mes de maio, estando con esa compañía ata a súa desaparición no ano seguinte. En xullo de 1993 foi alugado por Birgenair e despois subarrendado a International Caribbean Airways en decembro de 1994, sendo operado por Birgenair ata o accidente.

Pasaxeiros e tripulación[editar | editar a fonte]

A tripulación estaba formada por 11 turcos e 2 dominicanos. O capitán eran era Ahmet Erdem (61), un os pilotos máis veteranos de Birgenair con 24 750 horas de voo. O primeiro oficial era Aykut Gergin (34), que tiña 3 500 horas de esperiencia. O piloto de relevo era Muhlis Evrenesoğlu (51), con 15 000 horas.[4]

Os pasaxeiros eran principalmente alemáns, sendo 167 deles desta nacionalidade, e os nove restantes eran polacos, entre os que había dous membros do parlamento, Zbigniew Gorzelańczyk e Marek Wielgu.[2]

Accidente[editar | editar a fonte]

Durante a engalaxe ás 23:42 AST (03:42 UTC),[4] o capitón atopou que o seu indicador de velocidade do aire non funcionaba correctamente pero elixiu non abortar. O indicador do copiloto era funcional, aínda que as indicacións de advertencia posteriores farían que a tripulación cuestionara a súa veracidade.

Cando o avión estaba trepando aos 4 700 pés (1 400 m), o indicador de velocidade do aire do capitán marcaba 350 nós (650 km/h). O piloto automático, que estaba collendo a información da velocidade do aire do mesmo equipo que estaba dando lecturas erróneas ao capitán, incrementou a inclinación do avión en baixou a potencia para reducir a velocidade do aparello. O indicador do copiloto daba unha lectura correcta de 200 nós (370 km/h) e baixando,[4] e así o avión comezou a dar múltiples advertencias visibles e audibles contraditorias.

O piloto automático alcanzou os límites da súa programación e desconectouse.[4] Despois de comprobar os interruptores para a fonte das advertencias, a tripulación baixou o pulo para minorar a velocidade do avión. Esta acción activou inmediatamente a alerta de perda do 757, advertindo aos confundidos pilotos que o avión estaba voando perigosamente lento, xusto segundos despois de que os indicadores os advertisen de que a velocidade era demasiado alta. O copiloto e o piloto de relevo parece que se decataron da probable perda e intentaron avisar ao capitán,[4] pero non interviron directamente, posiblemente por deferencia á idade e á experiencia do capitán. O capitán intentou recuperar a perda incrementando a potencia ao máximo, pero como o avión xa estaba co morro cara a arriba os motores non recibiron un fluxo de aire axeitado para conseguir o aumento de potencia. O motor esquerdo apagouse, causando que o dereito, que aínda estaba a plena potencia, lanzase ao avión a un xiro. Momentos despois o aparello inverteuse. Ás 23:47 AST, o Sistema de Alerta de Proximidade a Terra soou cunha advertencia audible, e oito segundos despois o avión esnafrouse contra o océano Atlántico. Os 176 pasaxeiros e 13 tripulantes morreron no impacto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Independent (ed.). "Crash plane may not have been serviced". Consultado o 4 de decembro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 CNN (ed.). "Rescuers call off search in plane crash". Archived from the original on 13 de abril de 2005. Consultado o 4 de decembro de 2018. 
  3. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 757-225 TC-GEN Puerto Plata, Dominican Republic". aviation-safety.net. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2011. Consultado o 2018-12-04T15:48:27Z. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Informe final do accidente" (PDF). DGCA. Consultado o 2018-12-07.