Voo 277 de Linjeflyg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 277 de Linjeflyg
Un Convair 440-75 semellante ao do accidente
Resumo
Data  20 de novembro de 1964
Causa  voo controlado contra o terreo
Lugar  Ängelholm, Suecia
Coordenadas 
Finados  31
Feridos  9
Aeronave
Tipo de aeronave Convair 440-75 Metropolitan
Operador  Linjeflyg
Rexistro  SE-CCK
Pasaxeiros  39
Tripulación  4
Superviventes  12

O voo 277 de Linjeflyg foi un impacto controlado contra o terreo dun Convair 440-75 Metropolitan o 20 de novembro de 1964 ás 21:14 en Ängelholm, Suecia. Os pilotos do avión, enganados por unha configuración de luces da pista militar non convencional, descenderon demasiado cedo e usaron un curso defectuoso durante a aproximación ao Aeroporto de Ängelholm-Helsingborg. O accidente matou 31 dos 43 ocupantes do aparello, sendo o peor accidente aéreo de Suecia.

O voo realizaba a ruta entre Estocolmo e Ängelholm, pero o mal tempo causou que tivese que evitar as escalas en Hultsfred e Halmstad. Había menos de 2 km de visibilidade e nubes baixas en Ängelholm, polo que o control de tráfico aéreo encendeu o sistema de luces de aproximación. Como o sector civil estaba na base da Forza Aérea Sueca F 10 Ängelholm, o aeroporto tiña unha configuración militar que non seguía a configuración normal civil. Isto cousou un erro de navegación no piloto e o avión aterrou 2 km antes do limiar da pista. O avión inverteuse mentres se deslizaba tras o impacto. A pesar da cantidade de mortos, tres persoas saíron ilesas do accidente.

A comisión de investigación non atopou erros na actuación do piloto ou dos controladores de tráfico aéreo, no seu lugar centrouse nos atallos que tanto a Forza Aérea de Suecia e a Administración de Aviación Civil tomaron para non configurar os aeroportos militares en liña coas regulacións civís. Debido a isto os aeroportos militares cambiaron os seus sistemas de aproximación instrumental e sistemas de luces de aproximación para que cumprisen os requirimentos civís.