Voo 1086 de Delta Air Lines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 1086 de Delta Air Lines
O MD-88 tras o accidente
Resumo
Data  5 de marzo de 2015
Causa  erro do piloto
Lugar  aeroporto LaGuardia
Coordenadas  Coordenadas: 40°46′34″N 73°51′48″O / 40.776, -73.863305555556
Orixe  aeroporto de Atlanta
Destino  aeroporto LaGuardia
Finados  0
Feridos  24
Aeronave
Tipo de aeronave McDonnell-Douglas MD-88
Operador  Delta Air Lines
Rexistro  N909DL
Pasaxeiros  127
Tripulación  5
Superviventes  132 (todos)

O voo 1086 de Delta Air Lines era un voo regular doméstico de pasaxeiros entre o aeroporto de Atlanta e o aeroporto LaGuardia de Nova York. O 5 de marzo de 2015 o McDonnell Douglas MD-88 que operaba o voo desviouse fóra da pista pouco despois de aterrar en LaGuardia.[1][2][3][4][5] O avión esvarou e golpeou o valado perimetral, deslizándose uns 290 m antes de acabar co nariz na berma sobre a baía de Flushing. Non houbo fatalidades, aínda que 24 persoas sufriron feridas menores.[6][7] O aparello quedou seriamente danado.

O informe final da NTSB atopou que a causa probable do accidente foi a incapacidade do piloto de manter o control direccional do aparello debido á aplicación de excesiva reversa, que degradou a efectividade do temón para controlar a dirección do avión.[8]

Avión[editar | editar a fonte]

O avión implicado era un McDonnell Douglas MD-88 con rexistro N909DL e número de serie 49540, fabricado en xullo de 1987 e entregado novo a Delta o 30 de decembro dese ano.[1][9] Acumulara un total de 71 196 horas de voo en 54 865 ciclos antes do accidente.[9] Fora propiedade de Delta dende que se puxera en servizo.[10]

Nos seis meses anteriores ao accidente, completáronse os controis de mantemento programados de 600 horas de voo, 2200 horas de voo e 760 días, todos sen discrepancias.[9] O último gran control de mantemento do avión fora o 22 de setembro de 2014 en Jacksonville, Florida, e incluíra, entre outras cousas, probas dos autofreos, sistemas antideslizantes e auto spoiler. A última comprobación de servizo nocturno da aeronave completouse o 2 de marzo de 2015 en Tampa, Florida.[1]

Notas[editar | editar a fonte]