Saltar ao contido

Vickers Vimy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vickers Vimy
Tipobombardeiro pesado
FabricanteVickers Limited
Deseñado porRex Pierson
Primeiro voo30 de novembro de 1917
Introducido1919
Retirado1933
Principais usuariosRoyal Air Force
VariantesVickers Vernon

O Vickers Vimy foi un bombardeiro pesado británico desenvolvido e fabricado por Vickers Limited. Desenvolvido durante as derradeiras etapas da primeira guerra mundial para equipar á Royal Air Force (RAF), o Vimy foi deseñado por Reginald Kirshaw "Rex" Pierson, o deseñador xefe de Vickers.

Só un feixe de unidades entraran en servizo no momento do Armisticio do 11 de novembro de 1918, polo que o modelo non foi usado en operacións de combate activo durante o conflito. Pouco despois o Vimy converteuse no núcleo da forza de bombardeiros pesados da RAF durante os anos 20. O Vimy tivo éxito tanto na aviación militar como civil, sendo usado para o último propósito o modelo Vimy Commercial. Un derivado de transporte do Vimy, o Vickers Vernon, converteuse no primeiro avión de transporte dedicado a tropas en ser operado pola RAF.

Durante o período de entreguerras o Vimy estableceu varios destacados récords para voos de longa distancia; quizais o máis celebrado e significativo foi o primeiro cruzamento sen escalas do océano Atlántico, realizado por John Alcock e Arthur Brown en xuño de 1919. Outros fitos realizados polo Vimy foi voar dende o Reino Unido ata destinos como Suráfrica e Australia. O modelo continuou sendo operado ata os anos 30, tanto en servizos militares como civís.