Unión de Ligas Europeas de Baloncesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "ULEB")
Saltar ata a navegación Saltar á busca

A Unión de Ligas Europeas de Baloncesto ou ULEB, acrónimo do francés Union des Ligues Européennes de Basket, é unha organización europea fundada en 1991 co ánimo de contribuír a desenvolver o profesionalismo nas competicións nacionais masculinas de clubs de baloncesto mediante a cooperación dos actualmente dezaseis membros asociados. A vontade da ULEB é coordinar a súa misión coas respectivas federacións nacionais e internacionais (ás que fai responsable do baloncesto non profesional) naqueles aspectos que afecten ao profesionalismo, sobre todo no que a torneos se refire.

Historia[editar | editar a fonte]

Aproveitando a disputa do Eurobasket, representantes da ACB (España), a Lega (Italia) e a LNB (Francia) reuníronse en Roma o 25 de xuño de 1991, fundaron a ULEB como grupo de presión contra a Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) e nomearon presidente ao entón máximo dirixente da liga italiana, Gian Luigi Porelli.

A HEBA (Grecia) e a LCB (Portugal) integráronse en 1996, durante do mandato de Porelli. Xa baixo a tutela de Portela, que foi elixido presidente en París o 18 de marzo de 1998, fóronse incorporando o resto de actuais membros, que son: BLB (Bélxica), BBL (Inglaterra) e LNBA (Suíza), en decembro de 1999; BBL (Alemaña), FEB (Países Baixos) e PLK (Polonia), en outubro de 2001; Liga do Adriático (que representa aos clubs da antiga Iugoslavia), en febreiro de 2002; ÖBL (Austria), en outubro de 2002; LKL (Lituania), en xuño de 2003; ALK (República Checa), en xaneiro de 2004, e BSL (Israel), en xullo de 2005.

Actividades[editar | editar a fonte]

A unión que actualmente preside Eduardo Portela, e cuxa sede está en Barcelona, organiza a nova Euroliga dende a tempada 2000-2001 e a Copa da ULEB dende a 2002-2003; ámbolos torneos están abertos a representantes de Ligas non asociadas á ULEB. Controlar as competicións de clubs do continente estaba na mente dos promotores españois e italianos desta organización, posto que xa deran algúns anos antes ese mesmo paso no ámbito dos seus respectivos países ao fundar a ACB e a Lega.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]