Saltar ao contido

Planidio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Triungulino»)
Planidios e larvas dunha avespa parasitoide da familia Perilampidae.
Triungulino e outros estadios dun escaravello Meloidae.
Planidios dun Meloidae en foresia oportunista sobre un macho solitario de abella (Andrena carlini), esperando o contacto cunha femia, cuxa colmea podería invadir.

Un planidio (planidium) é unha forma especializada de larva de insecto que aparece no primeiro estadio ou ínstar dunhas poucas familias de insectos que teñen unha forma de vida parasitoide. Xeralmente son aplanadas, moi esclerotizadas (duras), e bastante móbiles. A función do estadio planidial é atopar un hóspede no cal os seguintes estadios larvarios se poderán alimentar, xeralmente ata que o insecto pupe. Nalgúns insectos o seu planidio denomínase triungulino porque ten tres garras nos pés.

Etimoloxía e terminoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo planidio deriva do latín “planidium” e este do grego antigo πλανής (planis), que significa 'vagabundo'.[1] O termo plánula ten unha etimoloxía similar e fai referencia ás larvas errantes de certos Cnidaria. Planidio é un termo xeral para ese tipo de adaptación e non está limitado a unha especie determinada ou morfoloxía. Os planidios de diferentes especies varían na súa forma.

A larva do primeiro estadio ou ínstar dos escaravellos Meloidae (entre outros insectos) é un planidio que ten tres garras en cada pé, polo que se lle chama triungulino (triungulin). O termo deriva do latín tri, 'tres' e de ungula, 'garra'. Nalgúns textos pode verse o termo obsoleto triúngulo (triungulus).[2]

A efectos prácticos planidio é o termo de uso xeral para todas estas larvas, e só cando hai algunha razón especial úsase o termo máis especializado triungulino.

Función e presenza

[editar | editar a fonte]

Os planidios aparecen entre algúns grupos pertencentes a varias ordes de insectos, como Neuroptera, Hymenoptera, Coleoptera, Strepsiptera e Diptera. Exemplos son: a familia de neurópteros Mantispidae; as familias de escaravellos Meloidae e Ripiphoridae, e as familias de moscas Acroceridae, Bombyliidae, Nemestrinidae e Tachinidae.[3] Exemplos entre os Hymenoptera son as familias de avespas parasitoides Eucharitidae e Perilampidae. Todos os Strepsiptera teñen larvas planidiais.

O termo “triungulino”, acuñado orixinalmente para facer referencia aos planidios dos escaravellos meloidos, é comunmente aplicado tramén ás larvas planidiais de aspecto similar doutras familias de escaravellos ou de estrepsípteros. Indica unha diferenza descritiva e non conceptual.

Comportamento dos planidios

[editar | editar a fonte]

Dependendo da especie, as larvas planidiais poden esperar a que pase un hóspede ou buscar activamente un. En moitas especies, os planidios dependen da foresia para acceder ao estadio vital adecuado do hóspede. Por exemplo, poden subirse a unha forma adulta do hóspede ou a un vector intermedio que os poida transportar a onde os seus seguintes ínstares poidan alimentarse ata estar listos para a pupación. O máis común é que o planidio entre despois no corpo da larva do hóspede, pero algunhas especies atacan os ovos do hóspede; por exemplo, algúns Meloidae aliméntanse das cápsulas de ovos subterráneas dos saltóns e lagostas, e os Mantispidae aliméntanse de bolsas de ovos das arañas.

Un exemplo salientable de foresia é que os planidios de escaravellos do xénero Meloe forman un grupo e producen unha feromona que imita o atractor sexual da súa especie hóspede de abella; cando o macho chega e intenta aparearse coa masa de larvas (porque cre que é a femia), estas soben ao seu abdome e desde alí transfírense dunha nunha a unha abella femia e finalmente á colmea, onde atacarán as larvas de abellas, que son os seus hóspedes finais.[4]

É común que os planidios muden pouco despois de entrar no corpo do hóspede ou no seu niño, pero algunhas especies pospoñen o seu desenvolvemento ata que a larva hóspede medre. Tanto se atrasan o desenvolvemento coma se non, a primeira écdise cambia a forma do planidio á dunha forma larvaria extra que é practicamente irrecoñecible respecto do planidio inicial; isto reflicte a falta dunha necesidade de moverse que ten agora a larva e a procura dunha maior eficiencia na alimentación. Os cambios en morfoloxía xeralmente inclúen a desesclerotización e a perda de patas e ollos das larvas. A inclusión de formas larvarias extra, funcionalmente distintas, na historia vital destas especies é un exemplo de hipermetamorfose